Un lustro de Hong Kong chinés

Transcurrido o primeiro lustro de soberanía chinesa sobre Hong Kong, Jiang Zemin, Presidente do país, reuníase hai uns días co xefe executivo da agora Rexión Administrativa Especial (RAE), Tung Chee Hwa, para facer balance da aplicación do principio “un país, dous sistemas”. Como cabe supoñer, ambos dirixentes constataron a discreción de Beijing para evitar interferencias na vida política e socioeconómica da RAE, respectando escrupulosamente a súa autonomía. Que este encontro entre líderes institucionais tivera lugar no Grand Hyatt Hotel e non nunhas dependencias oficiais, é ben indicativo dese calculado distanciamento que promoven os dirixentes do Partido Comunista da China para non perturbar a prosperidade e a estabilidade dun enclave que foi e segue a ser fundamental para o éxito da política de apertura iniciada a comezos dos anos oitenta.

Neste tempo, a obsesión fundamental de Beijing consistiu en todo momento en evitar a asfixia e decadencia vaticinadas por tantos observadores, interesados ou non. Agora, do Instituto Fraser de Canadá ao Foro Anual de Liderato de Asia de Business Week, todos coinciden en resaltar as excelencias de Hong Kong e a inmutabilidade do réxime preferente para os negocios e os investimentos. Numerosas empresas europeas, niponas, australianas ou estadounidenses seguiron instalándose aquí polas súas vantaxes comparativas. A pesar dos efectos da crise financiera de 1998-1999, que provocou un crecemento negativo durante cinco trimestres consecutivos, Hong Kong segue ocupando o décimo posto entre os principais centros comerciais do mundo cun volume estimado en tres billóns de HK$. Ata a factoría Disney sigue confiando nesta RAE chinesa para instalar o seu terceiro gran parque fóra de Estados Unidos. As obras xa comezaron.

Certamente a vida seguiu transcorrendo en Hong Kong case coma se nada: as protestas de Falun Gong, tan visibles como reprimidas no continente, aquí eran consentidas; cada 4 de xuño milleiros de manifestantes lembraban aos falecidos en Tiananmen; as celebracións do calendario da China Popular a penas tiñan eco na pequena illa e territorios anexos. Tanto non se tocou que en nada melloraron tampouco as leis laborais nin os servicios sociais dos seus milleiros de traballadores e cidadáns. Pero sería un erro considerar que en Beijing se actúa con tanta inxenuidade como para quedar de brazos cruzados: a liberdade de expresión coñeceu episodios discretos de censura (coma o despido inducido de Willy Wo-Lap do South China Morning Post, por estar demasiado ben informado), e numerosos funcionarios de alto nivel foron tamén removidos dos seus cargos (Anson Chan, secretario do goberno; Donald Tsang, secretario de Finanzas, e varios mais). Hai un proceso en marcha, lento pero firme, que aspira fundamentalmente a construir unha función pública e un aparello xudicial máis afín, non soamente a Beijing senón sobre todo a Tung Chee-Hwa. Reformas legais e cambios de persoas constrúen día a día un novo sistema de fidelidades, a imaxe e semellanza do que acontece en Zhonnanghai e en todas as pequenas capelas de poder.

Ben evidente é que todas estas “intrigas” non parecen afectar ao mundo dos negocios. Por iso, a principal hipoteca de Hong Kong ten outra raíz e xurde de Shanghai. No delta do Pudong, China aposta por establecer, á volta dunha década, o principal centro económico e financieiro de Asia. Hong Kong sempre vai ser Hong Kong. Pero quizais a cada pouco máis pasado que futuro.