Unha resposta nacionalista

A resposta da cidadanía e do goberno chinés ó bombardeo da súa Embaixada en Belgrado é ben demostrativa da nova puxanza do nacionalismo no vello Imperio do Centro. As imaxes dos manifestantes encolerizados e queimando bandeiras non soamente lembran algunhas escenificacións da Revolución Cultural senón que cuestionan esa idea tan extendida (e tan superficial) da fascinación dos chineses pola potencia americana e o mundo occidental a quen supostamente lle deberían o éxito do seu proceso modernizador. Nada máis falso. É tamén o patriotismo, desde Estados Unidos a Singapur, quen motiva á diáspora chinesa para investir no progreso do seu país, e son eles e outros países de Oriente quen levan o maior peso do elevadísimo investimento exterior que a China recibe.

Se o pacto social auspiciado por Deng Xiaoping estaba baseado na fórmula de progreso a cambio de lealdade política, o nacionalismo pasa a desempeñar unha función política de primeira magnitude na China que emerxe. As medidas adoptadas polo goberno chinés evidencian o seu sentido da ocasión para sacudirse compromisos incómodos nas súas relacións con Occidente, pero aínda que hoxe non vaia máis alá e o asunto se enfríe, non quedará esquecido. Con independencia da pena polas víctimas e das satisfaccións que os Aliados deberán proporcionar a Beijing, para os líderes de Zhonnanghai non pode haber mellor regalo, co aniversario dos sucesos de Tiannanmen tan próximo, que esas pedras lanzadas sobre a embaixada americana polos estudiantes da mesma Universidade Xinhua que hai dez anos ensalzaban unha réplica da estatua da liberdade e emborronaban a efixie de Mao Zedong.