|
|
Quebec volveu a ocupar a atención da opinión pública
internacional grazas á histórica aprobación por parte do Parlamento canadense, realizada o
pasado 28 de novembro, de recoñecer que “os quebequeses conforman unha nación dentro dunha Canadá
unida”.
Esta votación foi produto dunha moción presentada
polo Partido Progresista Conservador do actual primeiro ministro, Stephen Harper, o pasado 21 de novembro, que
provocou certo estupor na clase política e na opinión pública canadense. O resultado foi unha
contundente aprobación de 266 votos e 16 en contra a favor de recoñecer os dereitos nacionais dos
habitantes desta provincia francófona.
A moción foi aprobada grazas ao apoio do Partido Conservador,
a maioría do Partido Liberal, o separatista Bloque Quebequés (BQ) e o socialdemócrata Novo
Partido Democrático (NPD). Os votos en contra foron de parte de 15 deputados liberais, entre eles o coñecido
escritor Michael Ignatieff, así como o independente Garth Turner.
Non obstante, a polémica moción aprobada supón
un recoñecemento “máis dende o punto de vista sociocultural que legal”, tal e como explicou o primeiro
ministro Harper, evitando con isto apoiar calquera demanda separatista de Quebec co respecto á estrutura
constitucional federal canadense.
Á sombra dun novo referendo
A aprobación parlamentar provocou a primeira crise política
do goberno Harper, debido á dimisión do ministro de Asuntos Intergobernamentais, Michael Chong, contrario
á votación aprobada. Chong era o encargado das relacións entre o goberno federal en Ottawa
con Quebec e as demais provincias.
A pesares de que a súa renuncia non significou romper
coas políticas conservadoras de Harper, especialmente en materia criminal, económica e medioambiental,
o agora ex ministro Chong declarou que “recoñecer aos quebequeses como unha nación, aínda
que sexa dentro dunha Canadá unida, supón un recoñecemento (dunha étnia nacionalista)
que non podo apoiar”. Anteriormente, Chong realizara unha célebre declaración na que argumentaba:
“non creo nun nacionalismo étnico”.
O importante desta votación é que, segundo a estratexia
do primeiro ministro Harper, aprobar esta moción podería significar, dende a perspectiva política,
contentar as demandas nacionalistas e separatistas do Bloque Quebequés e retrasar as súas presións
para celebrar un novo referendo separatista, tralos dous anteriores realizados en 1980 e 1995, perdendo o BQ en
ambos.
A diferenza na actual conxuntura é que o BQ considera
que está capacitado para triunfar nunha nova convocatoria, que espera axilizar no 2007. As derradeiras enquisas
consideran que o BQ conserva un apoio sociopolítico en Quebec superior ao 50%. Tomando en conta que no referendo
de 1995, a opción nacionalista e separatista perdeu por só 54.000 votos, un 49,5% contra un 50,5%
a favor do carácter federal quebequés dentro de Canadá, os nacionalistas quebequeses esperan
superar estes díxitos e alcanzar o seu status independente.
Paralelamente, diversos sectores da opinión pública
canadense, críticos coa xestión de Harper, consideran que a aprobación desta moción,
lonxe de contentar ou afastar os desexos independentistas do BQ, máis ben podería reforzalos nas
súas teses. Estes sectores tamén consideran que a renuncia de Chong coloca nunha delicada situación
ao gabinete de Harper, con posibilidades de caída do goberno, e contribúe a radicalizar a situación
en Quebec.
Non obstante, en principio, as reaccións da dirixencia
do BQ á aprobación parlamentar foron favorables á estratexia de Harper: o BQ empregará
esta simbólica modificación lexislativa e constitucional para esixir maiores poderes autonomistas
para a provincia, incluíndo o seu dereito a participar nas xuntanzas internacionais oficiais de Canadá.
O líder parlamentar do BQ, Gilles Duccepe, considerou
que a moción aprobada “é unha vitoria para os soberanistas” e que este recoñecemento constitúe
“un avance na causa separatista” do seu partido. Sen embargo, horas despois de aprobar a citada moción,
o Parlamento federal canadense rexeitou outra moción presentada polo BQ, que especificaba a Quebec como
“unha nación”, sen especificar se dentro ou fora de Canadá.
Outro factor a tomar en conta ten que ver coa influencia que
terá esta moción simbólica para Quebec de cara ás comunidades indíxenas e aborixes
no Canadá, principalmente no relativo a posibles prexuízos de cara aos seus dereitos lingüísticos
e culturais e o seu estatuto dentro do país. Constitucionalmente, as comunidades indíxenas en Canadá
son cualificadas como “Primeiras Nacións” (First Nations).
O xefe da Asemblea das Primeiras Nacións (Assembly of
First Nations, AFN), Phil Fontaine, declarou que espera agora que os deputados canadenses recoñezan o estatuto
e os dereitos dos 1,3 millóns de indíxenas que viven no Canadá e que están representados
na AFN. Nos derradeiros anos foron comúns as manifestacións e demandas indíxenas polos seus
dereitos territoriais, mesmo con accións violentas.
Esta petición de Fontaine foi aceptada polo primeiro
ministro da provincia da Columbia Británica, Gordon Campbell, quen aseguroulle que premerá ante Harper
para recoñecer os dereitos indíxenas.
En todo caso, a proba de fogo para Harper e o BQ estarán
nas eleccións provinciais en Quebec pautadas para o 2008. Na provincia francófona goberna actualmente
o Partido Liberal de Quebec, polo que un eventual futuro goberno do BQ aceleraría as demandas para celebrar
un terceiro referendo.
As tensións políticas
A simbólica moción aprobada no Parlamento volve
a colocar o status de Quebec no tapete dentro do escenario político canadense e a manifestar os manexos
e contactos políticos sobre a posibilidade de aumentar as demandas autonomistas da provincia francófona
ou ben presenciar a posibilidade dunha separación territorial.
A interpretación legal da moción aprobada deixa
diversas visións entre os partidos. No caso do gobernante Partido Progresista Conservador de Stephen Harper,
a posición oficial se manifesta no recoñecemento nacional de Quebec pero sen cuestionar a unidade
territorial do Canadá. En poucas palabras, recoñece aos “quebequeses” pero non a soberanía
completa do territorio quebequés.
No bando dos soberanistas do BQ, a moción abriu unha
importante xanela para anunciar que o Estado canadense recoñecía oficialmente a Quebec como nación.
Neste sentido, interprétase este paso lexislativo como un camiño máis curto para facilitar
a separación territorial, tomando como mecanismo o referendo que esperan aplicar a partires do 2008.
Pero a clave semella estar na posición do Partido Liberal,
incluíndo a súa sección quebequesa. Tradicionalmente, os liberais defenderon unha condición
centralizada do Estado canadense, aínda que mantendo certa orientación favorable cara os dereitos
das provincias dentro dun marco de cooperación con Ottawa.
Esta política mantívose nos anos de goberno do
Partido Liberal de Quebec entre 1985 e 1994. Pero, a partires desta data onde se celebrou o segundo e, polo de
agora, último referendo en Quebec, as tensións comezaron a aumentar entre Quebec e Ottawa, cos conservadores
no poder en Quebec e os independentistas aumentando o seu apoio social.
Incluso, estas tensións manifestáronse nos obstáculos
dende Ottawa cara a prerrogativa quebequesa de manter unha ampla rede de representación exterior en diversos
cumios internacionais, como o Cumio das Américas celebrado en Quebec no 2001 ou na petición do BQ
de celebrar un referendo en Quebec para votar pola aplicación do NAFTA nesa rexión.
Pero na actualidade, a división entre os liberais a respecto
ao status de Quebec é bastante manifesta. Algúns deles votaron a favor da moción no Parlamento,
pero outros sectores rexeitaron a votación. Outro sector, encabezado polo intelectual Michael Ignatieff,
considera que é posible satisfacer a gran parte dos nacionalistas quebequeses pero tamén, a súa
vez, desactivar a carga conflitiva que trae o termo “nación”, principalmente de cara ás relacións
coas comunidades anglófonas, indíxenas e alófonas que habitan en Quebec.
As negociacións políticas serán relevantes
a partir de agora, tanto en Ottawa como en Quebec. A composición do Parlamento canadense observa que o Partido
Liberal conta con 132 deputados, os conservadores con 99, o BQ con 54 e os socialdemócratas de Nova Democracia
con 19 deputados. Nas eleccións de xaneiro pasado, a vitoria conservadora de Harper puxo fin a 12 anos de
hexemonía política liberal en Ottawa.
Un novo líder dos liberais quebequeses será elixido
internamente a principios de decembro, onde se manifestarán as marcadas divisións neste partido co
respecto ao status de Quebec. Mentres o primeiro ministro canadense Harper pode verse obrigado a adiantar eleccións
xerais no 2007, debido á crise política actual.
Un Quebec independente?
En todo caso, e principalmente tras desta moción parlamentar,
na opinión pública canadense e os analistas políticos, tanto en Ottawa como en Quebec, ven
como inevitable a celebración doutro referendo como mecanismo legal e constitucional para acordar o status
de Quebec e a súa conflitiva relación con Ottawa.
A derradeira gran enquisa sobre a opinión pública
para solicitar un referendo en Quebec, foi realizada no 2005 e amosou o marcado ascenso do Partido Quebequés,
cun nivel de aceptación arredor do 48%. Trala aprobación da moción parlamentar, unha enquisa
non oficial considerou este aumento a un 54%, o máis alto desde 1998. Pola súa banda, os liberais
manifestan unha forte caída, tendo só a aprobación dun 18%.
Esta medición de 2005 considerou que un 49% dos quebequeses
amosaron o seu apoio á celebración dun novo referendo como mecanismo legal e político para
solucionar a crise do status de Quebec e a súa relación con Ottawa.
É de resaltar que outras medicións provenientes
do exterior tamén axudan a reforzar as opcións independentistas. Un informe económico da OCDE
considerou, no 2005, que se Quebec alcanzara eventualmente a independencia de Canadá, converteríase
na 19º economía máis importante do mundo, tomando en conta o seu notable desenvolvemento económico
e poboación profesionalmente cualificada.
A clave estará nas eleccións provinciais en Quebec
no 2008 e as posibilidades electorais do BQ para, posteriormente, impulsar un terceiro referendo. No seu slogan
segue a estar presente a famosa frase do ex presidente francés Charles De Gaulle pronunciada durante a súa
visita a Quebec en 1967: “Vive le Quèbec livre!”.
|
|
|
Nome oficial: Canadá é unha confederación autónoma, pertencente
á Mancomunidade británica (Commonwealth). O seu nome oficial é Canadá.
A súa capital administrativa é Ottawa,
sendo Toronto a cidade con maior poboación.
Pola súa banda, a capital da provincia
de Quebec é a cidade de Quebec, sendo Montreal a cidade máis poboada.
Goberno: A forma de Estado canadense é federal e o tipo de goberno é dunha
monarquía parlamentar, na que o seu xefe de Estado é a Raíña Isabel II do Reino Unido
de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.
Dentro dos cargos locais, a posición de
tenente-gobernadora está en mans de Michaëlle Jean, como representante directa da autoridade da Raíña
Isabel II. O primeiro ministro e xefe de goberno é o conservador Stephen Harper.
O poder Lexislativo é bicameral, dividido
en Cámara dos Comúns (308 membros) e o Senado (105 membros), elixidos para un período de cinco
anos.
Na provincia de Quebec, o cargo de tenente-gobernador
está en mans de Lise Thibault e o cargo de primeiro ministro en Jean Charest, do Partido Liberal do Quebec.
Representación exterior de Quebec: Nos derradeiros cincuenta anos, Quebec constituíuse
nun dos estados federados máis activos do mundo en relacións internacionais. Desde 1965, Quebec concluíu
arredor de 550 acordos internacionais, 300 deles aínda en vigor, principalmente en materia educativa, sanitaria,
enerxética, cultural, ecolóxica e de telecomunicacións.
O Ministerio de Relacións Internacionais
da provincia de Quebec conta con representacións en 28 países, incluíndo a existente en París
con estatuto de embaixada corrente. Este ministerio conta cun total de 652 funcionarios, 278 deles no estranxeiro.
Unha delegación particular do goberno de
Quebec inclúese dentro da representación canadense en organizacións como a ONU, a OMC, a UNESCO
e a Organización Internacional do Traballo, OIT. Incluso Quebec participa cunha delegación no Foro
Económico Mundial que se celebra anualmente en Davos (Suíza).
Cómpre subliñar que, para o ano
2003, un total de 45 axentes quebequeses recrutaban inmigrantes para obter permisos de traballo en Quebec, tendo
en conta o descenso demográfico na provincia.
Poboación: Canadá ten un total de 31.900.000 habitantes. A densidade
demográfica é de 3 habitantes por km2.
Segundo un censo de 2004, a rexión de Quebec
tiña un total de 7.542.800 habitantes, dos cales 3.607.200 habitan na capital, Montreal. A súa densidade
demográfica está en 4,90 hab/km2.
Área: A superficie total de Canadá é de 9.982.000 km2. En Quebec é
de 540.673 km2. Tras de Rusia, Canadá é o segundo país máis grande do mundo en extensión
territorial.
División administrativa: A provincia de Quebec posúe 17 rexións administrativas:
Abitibi-Témiscamingue, Bas-Saint Laurent, Capitale-Nationale, Centre-du-Québec, Chaudière-Appalaches,
Côte-Nord, Estrie, Gaspésie-Îles-de-la-Madeleine, Lanaudière, Laurentides, Laval, Mauricie,
Montérégie, Montreal, Nord-du-Québec, Outaouais, Saguenay-Lac-Saint-Jean.
A nivel estatal, Canadá está dividida
en 10 provincias (Alberta, Columbia Británica, Manitoba, Novo Brunswick, Terranova e Labrador, Nova Escocia,
Ontario, Illa do Príncipe Eduardo, Québec e Saskatchewan) e 3 territorios (Nuvanut, Territorios do
Noroeste e Yukón).
As dúas provincias máis importantes
son Ontario e Quebec, que concentran o 63% da poboación. En 1999, entrou en funcións o goberno dun
novo territorio, Nunavut (“A Nosa Terra” en lingua aborixe inuktitut), pertencente á etnia inuit.
Composición lingüística: Sendo o inglés a lingua estatal oficial en Canadá
(falado polo 59,7% da poboación), xunto ao francés, a loita polo recoñecemento lingüístico
en Quebec tras anos de dominio anglosaxón permitiu a particularidade de que o francés sexa a lingua
oficial na provincia, grazas á aprobación da Lei 101 en 1976, concibida tralo triunfo electoral do
Partido Quebequés nas eleccións provinciais desde ano. Incluso, nos lugares públicos en Quebec,
existen inspectores lingüísticos que revisan o uso da lingua francesa.
No censo do 2001, determinouse que o francés
é falado polo 81,2% da poboación en Quebec, un 22,7% da poboación total canadense. Un 10%
fala unha lingua non oficial, denominada alófona (principalmente chinés, francés e alemá).
Un 8% é completamente anglófono e só existe un 0,8% de bilingües.
A nivel estatal, tamén existen comunidades
aborixes e indíxenas cos seus respectivos idiomas e dialectos, aínda que non totalmente recoñecidos
oficialmente.
Partidos políticos: En Quebec, o escenario político está practicamente
dominado por dous partidos: o Partido Liberal Quebequés (Parti Libéral du Québec), de tendencia
centro-dereita, e o Partido Quebequés (Parti Québécois), nacionalista e independentista e
que só ten participación política e electoral nesta provincia. Tamén existe a Acción
Democrática de Quebec.
En Canadá, dentro dun ámbito federal
e nacional, están o Partido Liberal, o Partido Progresista Conservador, o Novo Partido Democrático
(socialdemócrata), a Alianza Canadense (conservadora) e o Bloque Quebequés, BQ, que representa ao
Partido Quebequés no Parlamento canadense.
Economía: A elevada industrialización da provincia de Quebec ven completada
pola abundancia de recursos naturais, nos que destacan os bosques de coníferas, os lagos, os minerais, a
madeira, a auga doce, que permite unha alta produción hidroeléctrica tanto para consumo interno como
para a súa venda en EEUU.
O vale de San Lorenzo é unha rexión
agrícola moi fértil, que produce gando, produtos lácteos, froitas, verduras e azucre de arce,
no cal Quebec é o primeiro produtor a nivel mundial.
No apartado estatal canadense, o PIB por habitante
alcanza os $27.105, cunha tendencia de crecemento económico do 3,3% entre 1990 e 2003 e un desemprego estimado
en 7% da poboación economicamente activa.
Canadá forma parte das oito principais
potencias económicas e industrializadas do mundo, reunidas no Grupo dos Oito, así como do Tratado
de Libre Comercio para América do Norte, NAFTA, xunto a EEUU e México, a OTAN, a OSCE, a Cooperación
Económica de Países de Asia Pacífico, APEC, entre outros. Os seus principais socios económicos
son EEUU, China, Gran Bretaña e Xapón.
Sociedade: Existe unha alta densidade de poboación urbana en Quebec, calculada para
o 2004 nun 80,4%, rexistrando unha porcentaxe de inmigrantes de 12% da poboación total. A esperanza de vida
en Quebec é de 81,9 anos para as mulleres e 76,3 para os homes. A alfabetización alcanza o 99% da
poboación.
Existe unha recente emigración canadense
a EEUU, alentados por maiores salarios, baixos impostos e oportunidades de traballo en tecnoloxía punta.
O principal compoñente étnico canadense
é anglosaxón, xunto ao irlandés e francés. Tamén existen comunidades de orixe
eslavo (ruso, ucraíno), xudeu, indio, asiático, africano e aborixe indíxena.
En tanto credos relixiosos, o catolicismo alcanza
cerca do 40% da poboación, mentres un 32% son baptistas e un 20% anglicanos.
|