1 + 1 = 1

Con independencia do efecto que poida producir nas eleccións lexislativas que hoxe celebra Corea do Sur, o anuncio dun próximo encontro entre os Presidentes das dúas Coreas, de materializarse finalmente, pode propiciar todo un cambio de rumbo na recente historia desta convulsa península e en boa parte da rexión. O pacto acadouse en sendas reunións celebradas en Shanghai e Beijing. O desbloqueo da situación coreana pode favorecer a aproximación de China e Taiwán.

Non cabe imaxinar aquí unha reunificación "á alemana". Nin os interlocutores directos nin os seus padriños (China, Estados Unidos, Xapón) teñen excesiva presa. O máis urxente é establecer medidas concretas que superen a desconfianza. A guerra desatada entre 1950 e 1953 causou 2..000 mortos. Actualmente, catro millóns de coreanos permanecen separados das súas familias por mor da división. Arredor da zona de Panmunjon, paradoxalmente desmilitarizada, están concentrados permamentemente millón e medio de soldados vixiantes.

O anuncio ven precedido de certos sinais especialmente reveladores: liberación por Seúl de presos que espiaron para Pyongyang; autorización de Corea do Norte a Estados Unidos para inspeccionar os seus centros nucleares; levantamento por parte de Washington da maioría das sancións económicas; primeiros pasos na normalización diplomática de Pyongyang, con Italia por exemplo. Pero tamén disputas pesqueiras con choques armados.

Corea do Norte está esgotada. As inundacións de 1995 quebraron a feble saúde económica do país. O problema excede o dunha tonelada ou máis de axuda humanitaria. Na cooperación co Sur pode atopar ese respiro. Dez veces máis rico que Pyongyang, Seúl leva 25 anos crecendo a un ritmo próximo ó 10% e o seu PIB é similar ó de España. En dúas décadas, a unificación podería facer do país a quinta potencia económica do mundo.