O documento de 42 páxinas, escrito en árabe, preséntase como consello e guieiro para os ihaidistas, recomendando "ataques dolorosos" contra os españois. No principio foi publicado a finais de 2003 en webs atribuídas a islamistas radicais utilizadas por simpatizantes de al Qaeda. Describía España como o vencello "máis feble" da coalición en Iraq: "cremos que o Goberno español non resistirá máis de dous golpes, tres ó máximo, até que se vexa forzado a se retirar (de Iraq) a causa da presión popular. Se as súas forzas permanecen despois deses golpes, a victoria do Partido Socialista podería se-la garantía "a retirada as forzas españolas está no seu programa electoral"".
A cadea CNN fixo público o 16 de marzo, cinco días despois dos atentados en Madrid, que estaba en posesión de "supostos documentos de al Qaeda" que bosquexaban o razoamento que estaba detrás das bombas. Trala prensa, o Departamento de Estado dos EEUU xa amosou o seu interese en tal documento, "planeado para separar España dos seus aliados", para achegalo á evidencia al Qaeda, deseño único das políticas occidentais respecto ó mundo.
Pero o documento non foi descuberto pola CNN, senón pola Oficina Norueguesa de Investigación da Defensa, nunha ollada rotineira nas webs islamistas (esta era Global Islamic Media), nun chat, o 10 de decembro de 2003. "Envieina á CNN, despois de tela enviado a Madrid", di Thomas Heggerhammer, director da Oficina, que pensa que o documento non constitúe un plano de acción, senón unha contribución ó debate, un chat.
A conexión non é organizacional. Escribiuno al Qaeda? Escribiuno un analista free lance afeccionado ós chats? Que al Qaeda? Sen asinar, os 42 folios, 15 deles referidos a España, non fan mención a al Qaeda ou a Osama ben Laden; tan só, baixo o subtítulo, aparece o nome do Comité para as Medias pola Victoria do Pobo Iraquí (Centro Mujihadin de Servizos). Posiblemente "Jihad Iraquí, Esperanzas e Perigos" é froito das forzas da resistencia iraquís, máis ca das redes radicais islámicas do mundo. A tese principal, segundo Heggerhammer, é que os EEUU non poden ser forzados a abandoa-lo Iraq por medios político-militares, pero que a resistencia islámica si pode ter éxito se fai a ocupación de Iraq o máis custosa posible, sobre todo en termos económicos, para os propios EEUU. Unha maneira, di o documento, é mingua-lo número as forzas aliadas dos EEUU no Iraq: españois, polacos, británicos, italianos e algúns máis, como están a comprobar varios países cos secuestros dos seus concidadáns. Ah, estaban alí? (ex.China).
Ideado por un grupo descoñecido até o momento, o documento trata de Iraq e da súa resistencia; segundo o analista Brendan O’Neilly, das operación da resistencia ou resistencias contra as forzas aliadas en Iraq, non en España, en Europa, ou nos Estados Unidos. De acordo cos informes do mando estadounidense en Bagdad, dos centos de insurxentes arrestados só uns poucos son non-iraquís: "os ataques en Iraq están organizados coa impronta das tácticas dos grupos pequenos… non son as mesmas tácticas que empregaría al Qaeda; esas son militares". Esta é a teoría existente sobre al Qaeda dende hai máis de dez anos e semella superada xa por todos, salvo, cicais, polo mando estadounidense. Non embargante, Heggerhammer e o seu equipo opinan que o documento é, posiblemente, de al Qaeda, aínda que admiten que a web "o seu chat" de Global Islamic Media contén "unha chea da literatura islámica máis radical, fraseoloxía común".
Moreas de documentos de autores descoñecidos. Literatura e fraseoloxía. A teima en que al Qaeda está detrás de cada ataque terrorista pode verse convertida en realidade. A explicación é que nese documento, por exemplo, pode observarse unha lóxica, independentemente de que o terrorismo non obedeza á razón, senón á furia. Al Qaeda é xa unha ideoloxía, ten fins políticas e fraseoloxía común. Coma tal, espállase afoutando grupos e solitarios. Non en van, díxosenos no principio, non é un grupo, senón unha "rede" que aglutina diferenzas (Afganistán, Marrocos, Iraq, Alxeria, Tunicia, Arabia Saudita…) baixo unha marca en alugueiro.
