Tralo primeiro artigo introdutorio arredor da paradiplomacia como obxecto de estudo (especificamente orientado ao caso español) e a entrevista con Francisco Aldecoa, comezamos agora a atender de maneira específica a distintos casos concretos arredor da acción exterior das comunidades autónomas españolas.
A primeira de todas será Andalucía, unha das comunidades máis extensas e poboadas do territorio español, destacando pola privilexiada posición que ocupa, sendo o punto de contacto entre Europa e África, e flanqueada á súa vez polo mar Mediterráneo e o océano Atlántico. Estas características aumentan a potencialidade da súa acción exterior e dinamizan a rede de relacións que se levan a cabo neste sentido.
Por estes motivos, non é de estrañar que os seus ámbitos de actuación se centren sobre todo na conca mediterránea, Marrocos, o arco atlántico e Portugal, así como América Latina, principal destino dos andaluces emigrados no século pasado.
En canto ás principais liñas de actuación, distínguense catro: 1. Cooperación transfronteriza e o desenvolvemento, a través da súa contribución en distintos foros de colaboración internacionais, á actuación da Axencia Andaluza de Cooperación Internacional ou a iniciativas como ATLAZUL; 2. Unión Europea, mediante a súa participación no Comité das Rexións e a presenza dunha delegación da Xunta de Andalucía en Bruxelas; 3. Ámbito económico, que se regula pola Estratexia para a Internacionalización da Economía Andaluza (actualmente está vixente a correspondente ao período 2021-2027) cuxos fins se centran principalmente no crecemento económico e en incrementar a presenza das empresas andaluzas no exterior; 4. Cuestión identitaria, facendo especial fincapé na defensa cultural, con fundacións como “o legado andaluz”, e na migración, centrada na protección dos andaluces que se atopan fóra do territorio peninsular. Aquí destacan propostas como a Tarxeta Andaluza no estranxeiro que serve como medio de identificación e para suavizar os aspectos burocráticos. Tamén é relevante destacar unha das iniciativas máis potentes acometidas pola Xunta, que é o proxecto “Andalucía Global” que puxo en marcha a marca “Corazón Andaluz” coa que se busca aumentar a resiliencia das empresas e dos productos autóctonos no estranxeiro.
Dito isto, é fundamental que estas estratexias teñan un soporte xurídico que lexitime as súas accións, que no marco da Acción Exterior da Junta, aséntanse nas competencias que lle confire á comunidade de Andalucía o seu respectivo Estatuto de Autonomía, especificamente desde a reforma do 2007. Coa reforma do Estatuto, a Junta de Andalucía consolidaba un proceso propio arredor do conxunto de normas propio relativo á acción exterior, que non só facilita o correspondente tratamento, senón que amosa os froitos de todo o traballo realizado ata o momento. Neste sentido, destacaban previamente, tanto a Lei Autonómica 14/2003 de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, do 22 de decembro, a través da que se establecen as principais directrices para a elaboración de medidas coherentes e coordinadas ao respecto, como a Lei 8/2006, do 24 de outubro, do Estatuto dos andaluces no mundo, para a súa protección e para a promoción da identidade andaluza.
Na actualidade, cómpre destacar que todas estas directrices se levan a cabo grazas á tarefa conxunta da Consellería de Presidencia, que coordina todo o relacionado cos asuntos europeos e a cooperación ao desenvolvemento; á Secretaría Xeral de Acción Exterior, Unión Europea e Cooperación, que executa as presentes instrucións; á Delegación da Xunta de Andalucía en Bruxelas, que controla e avalía os asuntos que lle incumben á comunidade; á Axencia Andaluza de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento; e a Consellería de Gobernación, que se encarga de todo o relacionado cos Andaluces no Exterior e a migración. Así mesmo, interveñen outras consellerias coma a de Turismo, e outro tipo de actores como Universidades (programa Erasmus+), fundacións, axencias (EXTENDA)… cuxa labor é fundamental para o correcto curso da acción exterior andaluza.
Neste sentido, pódese concluír que o forte continxente cultural presente en Andalucía, xunto coa súa posición de privilexio e pertenza á UE, fan da acción exterior andaluza unha miscelánea moi diversa e plural, sempre tentando ofrecer unha imaxe exterior aberta, defendendo os seus valores e identidade e protexendo o benestar dos seus cidadáns no exterior.
Pese aos avances e as boas prácticas identificadas na Acción Exterior da Junta de Andalucía, non identificamos ningún cambio substancial, nen normativo nen operativo, trala aparición no 2014 da Lei 2/2014, de 25 de marzo, da Acción e o Servicio Exterior do Estado.
Dito isto, no próximo artigo trasladarémonos ata o norte do país, máis en concreto na Comunidade de Aragón, tratando de comprender os piares da súa acción exterior e analizando minuciosamente os aspectos recollidos ao longo de este escrito.
Para saber máis: https://www.researchgate.net/publication/309611030_APROXIMACION_A_LA_ACCION_EXTERIOR_DE_LA_JUNTA_DE_ANDALUCIA