A ALBA despois de Chávez

 

Albíscanse tempos de incerteza para a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), principalmente tralo pasamento do seu principal fundador e impulsor, o ex presidente venezolano Hugo Chávez. O momento luce, por tanto, decisivo para intuír se este inédito organismo de integración rexional poderá consolidarse nun contexto hemisférico determinado por novas realidades xeopolíticas.

 

Albíscanse tempos de incerteza para a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), principalmente tralo pasamento do seu principal fundador e impulsor, o ex presidente venezolano Hugo Chávez. O momento luce, por tanto, decisivo para intuír se este inédito organismo de integración rexional poderá consolidarse nun contexto hemisférico determinado por novas realidades xeopolíticas.

 

En perspectiva, a atención está enfocada en identificar un eventual novo liderado da ALBA post-Chávez e clarificar cara onde se equilibra a balanza política rexional ante o intenso ciclo electoral que se está desenvolvendo en América Latina e que, entre 2013 e 2016, involucrará a diversos países latinoamericanos, moitos deles ligados directa ou indirectamente co eixe da ALBA. Todo isto sen menoscabar a evolución das pautas de integración emanadas da ALBA, en especial o peso estratéxico da cooperación enerxética a través de PETROCARIBE e da asunción de novos instrumentos de arquitectura financeira, como a moeda común SUCRE.

Un “pragmatismo tecnócrata”

Pero mais ben son os factores xeopolíticos os que planean con maior intensidade á hora de especular sobre cal será o futuro próximo para a ALBA. Desprovisto do insubstituíble liderado de Chávez, a ALBA encamíñase cara unha etapa de ralentización ideolóxica e do seu impulso político, tomando en conta o perfil claramente “tecnócrata” dos seus actuais moderadores, en especial do actual presidente venezolano Nicolás Maduro.

Apreciase, por tanto, unha especie de dirección colexiada e colectiva que pode afianzar outros rumbos para este organismo. Aínda así, especúlase co presidente ecuatoriano Rafael Correa como un eventual liderado natural dentro da ALBA. Non obstante, e a diferenza de Venezuela, Ecuador (que ingresou na ALBA en 2009) non ocupa un liderado chave dentro do organismo así como tampouco observase que nin Correa ou, paralelamente o seu homólogo boliviano Evo Morales, teñan a intención de substituír o legado carismático de Chávez.

Así mesmo, a ALBA debe contemporizar a consolidación de novos organismos hemisféricos como a Unión de Nacións do Sur (UNASUR) e a Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC), así como do rexurdir de antigas plataformas como o MERCOSUR, do que Venezuela ingresou formalmente a mediados de 2012.

Neste sentido, o cada vez maior peso dunha UNASUR visiblemente liderada por Brasil, así como a potenciación da CELAC e hipoteticamente dun MERCOSUR non menos polarizado tralo ingreso venezolano en 2012 (en especial ante a oposición paraguaia), son aspectos que colocan a ALBA nun momento particularmente estratéxico, onde o pragmatismo pode converterse nun modus operandi que lle permita salvagardar os seus notables avances de integración.

Tenso ciclo para as esquerdas

Con atención ao novo ciclo electoral rexional, a ALBA deberá observar con maior celeridade a evolución política en países da súa periferia adxacente. Un caso sensible é Paraguai, que celebrou o pasado 21 de abril unhas novas eleccións presidenciais trala polémica suscitada pola remoción a mediados de 2012 do ex mandatario Fernando Lugo, un visible aliado de Chávez e simpatizante da ALBA.

A vitoria do empresario Horacio Cartes, do conservador Partido Colorado, evidencia o mantemento do status quo que levou á caída de Lugo, un aspecto que pode intensificar a forte polémica diplomática emanada cun Nicolás Maduro hoxe na presidencia venezolana e que, sendo ministro de Exteriores, foi acusado polo goberno interino paraguaio de Federico Franco de inherencia nos asuntos dese país. A polémica remoción presidencial de Lugo levou á súbita suspensión de Paraguai do MERCOSUR, CELAC e UNASUR.

Aínda que Paraguai non forma parte da ALBA pero si do MERCOSUR (onde o ingreso venezolano en xullo pasado provocou serios roces co goberno de Franco), o importante aquí é observar como a caída de Lugo pode reflectir unha súbita reacción por parte das elites latinoamericanas contra o progresismo de esquerdas que implique, irremediablemente, exercer unha forte presión contra a ALBA acusándoa de presuntamente instigar á inestabilidade a través da penetración por parte de movementos políticos e sociais afíns.

Dentro do actual contexto electoral hemisférico, esta realidade pode levemente espallarse cara o concerto andino, en especial Bolivia (membro da ALBA que celebra eleccións presidenciais en 2015 aparentemente sen a candidatura de Evo Morales) ou Perú, cuxo goberno progresista de Ollanta Humala pode verse polarizado pola súa pública simpatía co “socialismo bolivariano”.

Para  novembro de 2013, Honduras celebrará eleccións presidenciais noutro contexto case similar ao paraguaio. O país centroamericano é o único que ata agora abandonou este organismo tralo golpe militar contra o ex presidente Manuel Zelaya, outro aliado político de Chávez e da ALBA. Precisamente, Zelaya impulsa a candidatura da súa esposa Xiomara Castro nun contexto que anuncia a renovación das tensións coas elites hondureñas que provocaron a súa caída.

No medio, debe observarse se a tendencia reaccionaria continental contra o progresismo de esquerdas finalmente poda provocar tensións políticas en países membros o periféricos en torno ao eixe da ALBA, principalmente naqueles sumamente dependentes dos seus marcos de cooperación enerxética, como é o caso da Nicaragua de Daniel Ortega ou O Salvador (que celebrará eleccións presidenciais en 2014) Paralelamente, a agravante polarización postelectoral en Venezuela cunha oposición política en ascenso, é un factor que notablemente persuadirá a Maduro a ocupar a súa atención na gobernabilidade e estabilidade interna, en particular de cara ao próximos procesos electorais: municipais de xullo próximo e lexislativas de 2015.

Para outubro próximo, Arxentina, membro do MERCOSUR e da CELAC pero non da ALBA, celebrará eleccións lexislativas con claro cor presidencial de cara aos comicios de 2015. A presidenta Cristina Fernández de Kirchner, moi afín ao “chavismo”, xógase aquí importantes cartas políticas, focalizadas na preservación da hexemonía parlamentaria do “kirchnerismo” que eventualmente implique a aprobación dunha reforma constitucional orientada a potenciar a súa posible candidatura presidencial para 2015.

Todas estas variables gravitarán en torno ao novo momento da ALBA, cuxa vixencia estará case absolutamente determinada pola ausencia definitiva de Chávez como líder impulsor e pola necesidade de construír as bases dunha orientación eventualmente mais pragmática e colectiva, que lle permita preservar a súa natureza de integración autóctona con acento no social.