A batalla de Chechenia

A intensidade e desproporción das accións militares rusas en Chechenia evidencian con nitidez que o terrorismo foi a excusa oportuna, quizáis real e moi probablemente manipulada, para que o Sr Putin apadriñase unha campaña militar que o seu antecesor no cargo, Serguei Stepashin, integrante do grupo dos derrotados na anterior guerra, non se atreveu a levar adiante. A un mes dos comicios lexislativos, os dirixentes do Kremlin coquetean co nacionalismo máis belicoso co propósito de traducir en votos a desfeita chechena, principal argumento da batalla electoral.

Para comprender en toda a súa dimensión esta crise caucásica convén ter presente dous aspectos, que son como as dúas caras dunha mesma moeda. En primeiro lugar, debemos considerar todo o que fai do Cáucaso en xeral e de Chechenia en particular algo máis que un pequeno territorio montañoso e escasamente poboado. Refirome ós factores de naturaleza estratéxica e económica. O Cáucaso é a fronteira meridional de Rusia, unha zona de especial interese para a súa seguridade, na que converxe con tradicionais competidores rexionais como Turquía ou Irán. Dende a desintegración da URSS, Rusia intensificou a súa intervención nos numerosos conflictos da zona, tanto no Cáucaso norte como na Transcaucasia. Como resultado, obtivo sempre importantes acordos para o estacionamento de efectivos militares en toda a rexión que hoxe lle garanten unha considerable influencia. Chechenia foi sempre o díscolo e cobizaba converterse na chama incendiaria da rebelión antirrusa, impulsando a mobilización dos numeroso pobos musulmáns da rexión. Dende 1993, Moscova reivindica toda esta zona como parte integrante e irrenunciable do seu "estranxeiro próximo" e de feito, actúa nela aplicando unha versión edulcorada da "doutrina Breznev", resucitada dos tempos da guerra fría, para impoñer a todos a aceptación de límites á súa soberanía.

Dende o punto de vista económico cómpre ter en conta que se ben Chechenia é unha frouxa productora de petróleo (menos do un por cento do total de toda Rusia), para Moscova o control do seu territorio é vital por mor dos oleoductos que atravesan o Cáucaso norte e que segundo as previsións das grandes multinacionais do sector, será un dos máis rentables do mundo nos próximos anos. Todos apremian, pois o negocio está en marcha dende 1994, e Rusia observa con temor o ofrecemento de Turquía dunha ruta alternativa e máis segura para exportar o petróleo do Caspio. A Moscova úrxelle desbloquear o conflicto con Chechenia, aínda que para iso deba saltarse os acordos de Jasaviurt que puseron fin á anterior guerra e restaurar o poder imperial nesta pequena república. Rusia dificilmente consentirá a independencia, de facto ou de iure, de Chechenia.

A outra cara da moeda deixa ó descuberto a ocasión que brinda a guerra para condicionar a situación política interna rusa. O respecto do calendario electoral semella estar agora nas mans dos institutos de opinión. A desmobilización da sociedade civil, tan activa en 1994, a complicidade de todas as forzas políticas, incluídos os comunistas de Ziúganov, e o belicoso entusiasmo dos xenerais rusos, garanten unha gran capacidade de manobra ó Kremlin. A esperanza de Putin consiste en remontar electoralmente o desgaste de Ieltsin para perpetuar no poder ós grupos de influencia que controla a chamada "Familia", valéndose da máis perversa utilización de todos os resortes do aparello estatal. Soamente con esas garantías poderá crear as bases que lle permitan candidatarse, con mínimas expectativas, ás presidenciais do ano próximo. Se hai posibilidades de vencer rápidamente, a guerra pode intensificarse para forzar a victoria final como primeira promesa electoral cumprida. Se non hai garantías, unha reducción dos combates e mesmo un impasse negociador, en clara posición dominante, non lle prexudicaría, gañándose as loubanzas das capitais occidentais. Á marxe desas cábalas, éticamente miserables, nesta guerra, como na anterior de 1994, danse novos pasos adiante para soterrar definitivamente aquel discurso dos demócratas post-soviéticos que contrapoñían un novo federalismo e unha nova democracia ó fenecido estado totalitario.

A desproporción dos medios utilizados por Rusia para combater o "terrorismo" (?) checheno mereceu ata agora lixeiras reprimendas dalgunhas capitais occidentais, claramente expresadas para consumo das respectivas opinións públicas. Son dous asuntos "internos" converxentes que non incomodarán na reunión da OSCE en Estambul. A actitude de Bruselas e Washington (como a de Beijing ou La Habana), abdicando dos principios dese boiante humanitarismo civilizador de final de século, alenta as posicións dos sectores máis intransixentes e corruptos da dirixencia rusa e anticipa unha comprensión practicamente gratuita, mesmo na terrible hipótese de que o tándem Ieltsin-Putin non contemplen mellor opción que interromper o calendario electoral dos próximos meses para non perder o poder.

Pero non é soamente un problema dos estados e das instancias internacionais. Dende as forzas políticas e os movementos sociais tamén o silencio é a norma. Aquí, salvo contadas excepcións, todos calados. Iso a pesar de que a Rusia actual non é a "socialista" Serbia, aínda que as semellanzas entre Milosevic e leltsin sexan cada vez maiores. ¿Terá que intervir a OTAN para que cunda o ánimo pacifista expresado por Kosovo? Por Timor si, pero por Chechenia non? Pode ser grande a confusión existente arredor de Chechenia, pero non debe ser impedimento para expresar a máis severa condena do sistemático exterminio de todo un pobo.