DIEGO SANDE VEIGA ENTREVISTA A MARÍA PAÍS, RECENTEMENTE NOMEADA COMO PRESIDENTA DA CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
CdComercio SCQ Maria Pais 1

“A Cámara de Comercio de Compostela aposta pola promoción internacional”, afirma a súa nova presidenta María País

María Pais, nada en Negreira, leva case unha década vinculada ao Grupo Quatrium (Logrosa Solucións), unha empresa que ofrece servizos globais dentro do sector farmacéutico e inmobiliario. Formada nas universidades de Santiago de Compostela e Barcelona, completou o seu currículum académico cunha formación en economía e intermediación inmobiliaria na UNED, e de marketing e ventas na ESADE. Ademais foi membro do Comité executivo do pleno anterior da Cámara de Comercio de Santiago.

1. Dentro do convulso contexto económico mundial, cales son na súa opinión os puntos fortes e as alianzas coas que conta Galicia e a cidade para acadar o desenvolvemento no seu territorio?

Resulta evidente que Galicia ao igual que outros territorios, viuse afectada pola situación mundial actual, marcada por un contexto de inflación crecente e unha guerra no noso continente. Non obstante, cómpre manterse firmes na nosa estratexia de desenvolvemento e promoción económica na rexión.

Por unha banda, malia ser o turismo un dos principais motores da economía galega e compostelá, é necesaria unha diversificación económica, comezando por potenciar a transformación e reforzo do sector industrial, tal e como se recolle na Axenda Urbana 2030. Así mesmo, cómpre resaltar o avance dun sector pioneiro como é o da biotecnoloxía na rexión de Santiago. Grazas ás continuas colaboracións de dúas institucións chave, a Universidade de Santiago de Compostela e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a cidade representa o 30% do sector biotech galego.

A creación e alta formación de capital humano é un dos puntos fortes da nosa comunidade,  en relación ao traballo docente e de investigación da USC, tamén considerada como unha das mellores universidades de España. Tampouco nos podemos esquecer da elevada calidade de vida rexistrada na zona, como consecuencia da eficiencia dos servizos públicos e seguridade.

No que se refire ás alianzas galegas, é importante salientar:

  • a influenza das comunidades de galegos e galegas no estranxeiro, potenciais consumidores e prescritores dos nosos produtos. Ademais, recentemente a Xunta de Galicia expuxo en Zurich as características do Plan Retorna, que pretende promover o retorno de emigrantes e descendentes a través de postos de traballo.
  • En segundo, lugar debido á facilidade de comunicación e proximidade xeográfica, as terras lusas supoñen un punto chave.

Por último mencionar a colaboración posta en marcha entre as Comunidades do Norte de España para potenciar novas conexións con Francia.

2. E cales as principais barreiras e/ou resistencias para as empresas galegas?

Hai bastantes barreiras. Quizais a máis importante é a falta de referentes próximos que animen aos empresarios a internacionalizarse. Afortunadamente isto cada vez vai a menos e as empresas xa nacen coa vocación internacional, ben sexa para comprar ou para vender.

Despois hai unha barreira importante que é a da capacidade financeira da empresa. Comezar a internacionalización é unha decisión estratéxica da empresa, na cal toda a estrutura debe responder axeitadamente e ir acompañada dun presuposto plurianual suficiente para levar a cabo os cambios necesarios nos produtos que necesitarán axustarse a consumidores e esixencias legais diversas e realizar accións de promoción con viaxes comerciais, asistencia á Feiras, Web en idiomas, etc.

O tamaño empresarial é tamén un aspecto que xa se demostrou como chave para unha internacionalización sostida. As empresas que exportan habitualmente, na súa gran maioría teñen un tamaño medio superior ao que estamos acostumados a ver no ámbito doméstico. Isto, non obstante, non quere dicir que as pequenas empresa non poidan exportar, pero si que lles será máis complexo sosterse se non acadan un número de vendas suficiente no curto prazo. E as présas e o comercio exterior non se levan ben.

3. E a nivel de Santiago de Compostela, cal é a súa visión sobre as vantaxes e desvantaxes coas que conta a cidade para a súa internacionalización?

Neste caso, cando falamos de Santiago, referinos á demarcación cameral.

En primeiro lugar, a cidade de Santiago de Compostela é en si mesma considerada como un monumento de recoñecemento internacional, grazas en maior parte ao valor turístico do Camiño de Santiago. Segundo os datos de 2022, máis de 6 millóns de persoas escolleron Santiago como o seu destino de viaxe.

Así mesmo, xa que se trata da capital administrativa da Comunidade Autónoma, a proximidade institucional de cara á cidade ten tamén un destacado impacto. Mais no só no turismo, Compostela caracterízase por representar ate o 30% do sector biotecnolóxico galego, un campo pioneiro e de innovación. Tal e como se mencionou con anterioridade, o capital humano altamente cualificado procedente da USC e as comunidades de galegos e galegas no estranxeiro, supoñen dous factores diferenzadores para impulsar este proceso. 

A creación e alta formación de capital humano é un dos puntos fortes da nosa comunidade,  en relación ao traballo docente e de investigación da USC, tamén considerada como unha das mellores universidades de España. Tampouco nos podemos esquecer da elevada calidade de vida rexistrada na zona, como consecuencia da eficiencia dos servizos públicos e seguridade.

Outra vantaxe é a estrutura de comunicación, que malia ser mellorables, dótannos dun aeroporto internacional, unha boa rede de autopistas e unha proximidade a varios portos importantes.

Do mesmo modo, o feito de ter importantísimas empresas tractoras na zona, como poden ser Finsa, Televés, Urovesa, Jealsa ou Aluminios Cortizo, fan que o ecosistema empresarial se nutra de grandes referentes e xurdan sinerxías importantes con toda a cadea de valor de empresas subministradoras, transportistas, de recursos humanos, etc.

É por isto que cómpre manterse firmes na nosa estratexia de desenvolvemento e promoción económica na rexión.

A pesar de todo isto, Santiago aínda ten camiño por recorrer en termos de internacionalización. O tema poboacional supón un gran obstáculo. O reducido número de habitantes e a elevada dispersión territorial xunto coa falta de conexión e integridade dos servizos máis o avellentamento poboacional, son puntos claramente desfavorables.

A isto súmase a falta de terreo industrial e a necesidade de potenciar a diversificación económica na zona. Por último tamén supón un problema a excesiva concentración do investimento estranxeiro noutros territorios de España.

4. Cales son, para vostede, as principais contribución da Cámara de Comercio de Santiago á internacionalización da economía galega e da cidade? 

A Cámara está integrada por moitas empresas que están no só internacionalizadas, senón aquelas ás que lle podemos chamar globais, é dicir cuxa estratexia se basea na consideración dun conxunto amplo de zonas comerciais. Por tanto decidiuse apostar fai tempo pola promoción internacional como un dos seus eixes estratéxicos fundamentais e que as empresa da demarcación tiveran acceso á asesoría, tramitación de documentación internacional e a programas de expansión comercial no exterior como Misión Comerciais, Exposición en Feiras, asistencia a convencións e foros de negocios, etc.

Moi recentemente a Cámara adheriuse novamente como organismo colaborador para o programa patrocinado polo Igape de Misión Comerciais internacionais para Pemes e grandes empresas. É importante salientar que as Cámaras galegas levamos desenvolvendo estes plans máis de 30 anos e que temos así unha experiencia neste campo moi fundada que nos permite adaptarnos a mercados moi diversos e en situacións moi variables. Por exemplo en tempos de pandemia cando todo pareceu pecharse, desenvolvéronse con bastante éxito misións comerciais e feiras virtuais.

5. Desde o seu punto de vista, cales serán os principais retos da expansión da economía galega no eido internacional nos vindeiros anos?

Transformar a competitividade económica galega dende a perspectiva de salarios baixos a incrementar o valor engadido dos produtos e servizo, a través da innovación, calidade, formación de capital humana, etc.

Un dos retos fundamentais é o cambio de enfoque sobre a competitividade do sector económico galego. É necesario pasar daquelas ideas referidas a vantaxes en canto a custos laborais baixos, á perspectiva de incremento do valor engadido nos nosos produtos e servizos. Así, promover proxectos baseados na innovación tecnolóxica, transición medioambiental, enerxías limpas ou nun maior investimentos do capital humano para apostar polo noso talento. A pesar dos avances en materia de igualdade e o acceso das mulleres ao mercado laboral, é necesario dar un paso máis alá, e promover a súa integración en postos de maior responsabilidades para loitar contra un teito de cristal aínda presente.

Dende un punto de vista máis técnico, o desinvestimento industrial que sufriu Galicia nos último anos tivo un impacto extremadamente negativo neste campo. É por esta razón que o desenvolvemento de solo industrial e empresarial vinculado aos sectores pioneiros da nosa comunidade debe converterse nunha prioridade estratéxica. Na mesma liña é urxente unha reforma e transformación do noso sector industrial. 

6. Como podería colaborar na mellora da actividade de internacionalización da economía galega? Que necesidades detectan para isto na súa institución?

O pleno desta corporación fixou como obxectivo ser o interlocutor diante das administracións públicas das demandas e necesidades das empresas. Porén, sempre que se tivo a oportunidade insistiuse en elementos como a desburocratización das liñas de axuda, flexibilidade, e un elemento importantísimo que é a coordinación da acción comercial exterior de Galicia. Isto non quere dicir que se conseguise na súa totalidade, aínda se ven moitas contradicións nos programas, tanto en termos de obxectivos como na súa execución, pero é certo que tamén se rexistraron melloras.

Hai un aspecto que pensamos que sería moi importante para a mellora da actividade internacionalizadora da empresa; a externalización das distintas liñas de axuda nas Cámaras de Comercio galegas para que, coa debida supervisión do Igape ou da Consellería, se poida coordinar toda a axuda á promoción exterior, evitando duplicidades e contradicións.

7. Nun contexto internacional crecentemente convulso como o actual, observan/contemplan oportunidades de colaboración (proxectos, xornadas, etc.) no futuro con axentes do terceiro sector especializados na análise do contexto internacional como o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)?

Un dos obxectivos da Cámara é a coordinación de intereses compartidos entre empresas, asociación sectoriais, fundacións e institutos de estudo para que todo aquilo que supoña unha mellora das estratexias e proxectos que fagan máis competitiva a Galicia. Polo tanto, a colaboración con IGADI pode ser unha liña que contribúa a este obxectivo.

Coñecendo ao/á entrevistado/a

Un feito histórico para e economía galega no ámbito internacional:

Poderíase dicir que o feito máis sinalado da economía galega no campo internacional foi a entrada na Unión Europea no ano 1986 e a posterior incorporación do euro no 2002. Este feito histórico provocou a apertura de novos mercados e oportunidades para as empresas e sociedade galegas. Por unha banda, os nosos negocios comezaron a interactuar cos actores europeos, buscar novas liñas de financiación, investimentos innovadores e produtivos, así como promover as exportacións galegas nos mercados europeos. Do mesmo xeito, esta nova situación achegou importantes empresas estranxeiras e o seu capital ás nosas terras, a través de investimentos na creación de novos proxectos empresarias e iniciativas que axudarían a diversificar e potenciar a economía rexional.

Ademáis, facilitouse a saída exterior en termos da competencia internacional, xa que no marco da anterior CEE, levouse a cabo unha homoxeneización das normas de comercio exterior, para facilitar a transparencia e a competencia xusta. A participación en políticas comúns como a PAC, e outros fondos europeos como os FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico Rexional) ou o FSE (Fondo Social Europeo) foi tamén un feito a sinalar que chegou da man da entrada nesta institución

Un obxectivo para o seu mandato:

O noso obxectivo é fundamentalmente converter a Cámara de Comercio de Santiago nun eixe vertebrador da sociedade. Isto implica, entre outras cousas, coñecer en detalle as demandas das empresas de toda a demarcación cameral, estratexia que se levará a cabo coa colaboración e visitas aos concellos e asociacións empresariais. Outro elemento chave é a interlocución habitual coa Administración Pública, co obxectivo de comunicarlle as necesidades recadadas das empresas, facendo así de altofalante e representación das mesmas.

Con todo isto, consideramos fundamental desenvolver accións para contribuír a crear e fixar o texido empresarial da zona, así como a xerar emprego de calidade e proxectos que incrementen o valor engadido das actividades empresariais. Así mesmo, pretendemos facilitar a participación das empresas na toma de decisións en relacións a unha inversión eficiente dos fondos europeos.            

Por último, é necesario poder dar á Cámara unha estabilidade financeira a longo prazo para poder acadar os obxectivos da mesma. Isto débese obter a través dos convenios de colaboración coas administracións públicas e a través da incorporación á Cámara de novas empresas socias.

Un reto de futuro para a acción exterior galega:

Un eixe fundamental da estratexia exterior galega é a incorporación das nosas Pemes nesta actividade. Para isto, a Cámara de Comercio en colaboración co Igape e coa financiación europea, leva a cabo unha serie de accións e misión comerciais que teñen como obxectivo facilitar a introdución das pequenas empresas galegas no ámbito comercio internacional. Semella ademais esencial, incrementar a nosa base habitual de empresas exportadoras, pois consideramos que as empresas galegas teñen o potencial e calidade suficientes para competir no exterior. Por último, outro dos retos actuais é o de diversificar tanto os sectores económicos como os mercados exteriores obxectivo fóra da UE.

Moitas grazas polas súas achegas

Desde o IGADI agardamos moitos éxitos nos obxectivos formulados

Diego Sande Veiga

Coordinador da liña de investigación en Economía do IGADI

Profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela