yasgallery mecca

A crise das caricaturas na Lusofonía

Apartados xeográficos África ARCHIVE
Idiomas Galego

 Meca, clic para aumentar
Atendendo ao tamaño relativo, as comunidades musulmás máis importantes da Lusofonía son as de Mozambique e Guiné Bissau. (Ilustración: “Mecca”/yasgallery.com).
 

Aínda hoxe os ecos derivados da publicación das caricaturas do profeta Maomé resoan nos medios de comunicación mundiais, evocando expresións infelizmente violentas e mesmo brutais. Así e todo, neste artigo valerémonos da crise internacional provocada polas caricaturas para achegármonos á comunidade musulmá lusófona, a fin de coñecermos un pouco mellor a súa importancia e o seu carácter, camiñando así na dirección, necesaria para unha convivencia harmónica, dunha maior consciencia respecto doutros pobos do mundo, aproximándonos neste caso a unha comunidade que fala a mesma lingua que nós ou, no mínimo, que usa un código lingüístico tremendamente próximo do noso.

Será bo comezarmos por aseverar que as comunidades islámicas importantes da Lusofonía son, esencialmente, dúas: a da Guiné Bissau e a de Mozambique, onde representan o 20% e o 45%, respectivamente, do total poboacional. Existen, é certo, este tipo de comunidades no Brasil e en Timor Leste tamén, mais o seu peso relativo é marxinal nestes países, de maneira que as súas reaccións nesta crise internacional, se existiron, teñen ficado no silencio mediático.

A resposta das comunidades musulmás na Guiné Bissau e en Mozambique perante as caricaturas de Maomé publicadas en xornais occidentais consistiu, nun primeiro momento, nunha formidábel demostración de madureza cívica e admirábel tolerancia nunha altura en que as súas comunidades homólogas noutros países emprendían accións de protesta cargadas, por momentos, de extrema violencia. Foi así que no día 13 de febreiro o Conselho Superior dos Assuntos Islâmicos da Guiné Bissau (CSAI-GB) manifestaba o seu desagrado pola publicación das caricaturas expresando, á vez, que condenaba a onda de violencia contra embaixadas e intereses dinamarqueses e descartando calquera tipo de mobilización para evitaren incidentes. En Mozambique, o Conselho Islâmico de Moçambique (CIM), a través do seu presidente, Aminuddin Mohamad, aseveraba no día 8 de febreiro que compartillaba a “mágoa e ira dos musulmáns” contra as caricaturas á vez que condenaba os ataques a embaixadas dinamarquesas e norueguesas, apelando á contención e descartando mobilizacións para evitar, tamén, que “axitadores infiltrados tiren proveito da situación, para manchar os musulmáns”, acrecentando aínda os mozambicanos que os “súbditos de Maomé, temos de dar proba de perdón e cabeza fría perante a provocación, pois el reaccionou así en momentos difíciles”.

Mais perante estas demostracións de tolerancia e madureza das comunidades islámicas lusófonas, os medios de comunicación social dos respectivos países, facendo unha lectura facilmente cualificábel de irresponsábel do dereito á libre expresión, decidiron liderar desafíos delicadamente provocadores e sospeitosamente coincidentes no tempo.

O Diário de Bissau, un dos xornais con maior tiraxe no país, publicaba as caricaturas da discordia no 17 de febreiro causando a convocatoria, por parte do CSAI-GB, dunha “manifestación pacífica” para o día 24. A reacción do propietario do Diário de Bissau producíase de maneira inmediata en forma de pedido de desculpa, dando lugar a unha nova mostra de civismo, consistente na desconvocatoria da manifestación e na aseveración, por parte de líderes relixiosos, de que “na nosa relixión, quen erra e pide desculpa é inmediatamente desculpado”.

No entanto, se de algo nos está a servir a crise das caricaturas á hora de nos aproximarmos á comunidade islámica da Guiné Bissau é para comprobarmos que está dividida, o que a fai caer en contradicións e, conseguintemente, en descrédito e debilidade negociadoras. É así que no primeiro día do presente mes, o Conselho Islâmico da Guiné-Bissau, contrariando a decisión do CSAI-GB e evidenciando así a división intra-comunitaria, convocou unha “manifestación pacífica” para o día 3.

En Mozambique era o semanario Savana, no mesmo día 17 de febreiro, o que publicaba sete das doce caricaturas de Maomé causando a convocatoria e celebración dunha manifestación para a tarde dese mesmo día. Neste caso, no entanto, os musulmáns non reivindicaban só un pedido de desculpas do director do xornal, a súa reacción era máis dura: decidían rescindir todos os contratos de musulmáns co semanario e esixiren a dimisión do director e do redactor; unhas dimisións que non se produciron até hoxe e que continúan a reivindicar para voltaren á calma, pois desde ese día téñense sucedido mobilizacións que, sen chegaren a ser especialmente graves, si teñen producido pequenos danos materiais nalgún caso.

Alén dunha aparente maior unidade dos musulmáns mozambicanos, o feito de seren a comunidade de maior poder económico do país coloca o tal colectivo nunha posición de forza notábel que até a altura non tiñan usado para exerceren presión. Mais isto podería mudar a partir de agora. Por un lado, o goberno mozambicano recoñece implicitamente a forza do islamismo no país ao non condenar, polo momento, os seus actos violentos recentes a pesar de teren sido encoraxados a facelo desde determinados sectores sociais. Por outro, a existencia dun eventual inimigo común, o Savana e o grupo mediático ao que pertence, a Mediacoop, contribuirá sen dúbida para intensificar o sentimento de unión e lubrificar as estruturas organizativas, aumentando así a capacidade e poder de mobilización comunitaria. Finalmente, aínda se podería engadir a posibilidade de na secuencia destes acontecementos a comunidade musulmá vir a tomar maior consciencia do seu poder.