A Cuba de Díaz-Canel

Miguel Díaz-Canel foi aclamado polos seus pares do Parlamento cubano ao ser elixido por práctica unanimidade como novo presidente da illa caribeña. A súa non foi unha elección improvisada senón produto da planificación interna do Partido Comunista de Cuba, desta vez sen cometer o erro de acelerala como noutros casos, segundo dixo Raúl. O feito é que a xeración que naceu despois da Revolución de 1959 deu un paso á fronte e isto traerá mudanzas, aínda que haxa polo momento máis continuidades ca rupturas.  

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

Miguel Díaz-Canel foi aclamado polos seus pares do Parlamento cubano ao ser elixido por práctica unanimidade como novo presidente da illa caribeña. A súa non foi unha elección improvisada senón produto da planificación interna do Partido Comunista de Cuba, desta vez sen cometer o erro de acelerala como noutros casos, segundo dixo Raúl. O feito é que a xeración que naceu despois da Revolución de 1959 deu un paso á fronte e isto traerá mudanzas, aínda que haxa polo momento máis continuidades ca rupturas.  

Díaz-Canel ten moi importantes retos por diante. O primeiro é asegurarse a complicidade cívica construíndo consensos nas elites burocráticas pero dialogando ao tempo cunha sociedade que será esixente con el. Díaz-Canel non é un recen chegado pero tampouco é un líder histórico e a eficacia da súa xestión condicionará de principio a fin o seu mandato.

Os retos políticos doutra natureza non son menores. Hai unha longa lista de asuntos que reclaman decisións e impulso, dende o cambio constitucional á descentralización do Estado ou a reforma salarial. Esas reformas poderían acelerarse pero sen saír dos lindes do sistema.

O económico é o terreo mais esvaradío. Botar a andar a economía é a clave do seu éxito ou fracaso. Segundo a CEPAL, a economía cubana medrou un 0,5 por cento o ano pasado tras unha contracción do 0,9 por cento en 2016 e este 2018 podería acelerar ao 1 por cento, impulsada, entre outros factores, polo turismo e unha mellora nos prezos internacionais dos seus produtos de exportación. Cuba aplica desde 2011 a “actualización do modelo económico” co propósito de fortalecer un modelo de socialismo mixto, autóctono e sostible. A eliminación do peso convertible e a unificación da taxa de cambio traerá consigo unha depreciación da moeda e a conseguinte inflación. O seu gabinete terá que asumir os custes.

No eido exterior, poucos cambios positivos cabe agardar na relación con EUA. Trump freou o acercamento de Washington e La Habana iniciado en 2014, retomando as restricións de negocios e viaxes a illa. Coa escusa dun ataque sónico, o sector turístico viuse golpeado e as posibilidades de que o bloqueo se levante son mais remotas.

Raúl seguirá á fronte do PCC ata 2021. No cumio das Américas de Lima (13-14 de abril) puido escoitar do vicepresidente Mike Pence a mesma retórica estadounidense de sempre e constatar o rexurdir da actitude neohexemónica da Casa Branca. As críticas de Pence soaron a clausura definitiva da distensión propiciada por Obama e Raúl Castro. Díaz-Canel debera alentar unha política exterior multilateral nun contexto latinoamericano de avance dos gobernos neoliberais na rexión. Ninguén llo porá fácil.