A democracia cárgana o demo

"O mesmo Deus creou a Satán porque estaba farto dos anxos cantores e eloxiosos. Si o reino dos ceos non pode pasarse sen oposición, ¡canto menos pode facelo un goberno humano e secular!”, así o cría o escritor chinés Lin Yutang, o que non lle impedía afirmar igualmente que “cada vez que contemplo unha campaña electoral en EUA perdo fe na democracia"...

Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

"O mesmo Deus creou a Satán porque estaba farto dos anxos cantores e eloxiosos. Si o reino dos ceos non pode pasarse sen oposición, ¡canto menos pode facelo un goberno humano e secular!”, así o cría o escritor chinés Lin Yutang, o que non lle impedía afirmar igualmente que “cada vez que contemplo unha campaña electoral en EUA perdo fe na democracia"...

A obsesión por eliminar de raíz calquera oposición parece estar detrás das condenas ditadas contra varios letrados chineses acusados de intento de “subversión do poder do Estado”. As sentenzas aluden a actividades relacionadas coa mobilización de opositores e o apoio a protestas que puidesen derivar nunha “revolución de cor”, conivencia con forzas estranxeiras anti-China ou incitación ao odio contra o goberno. Segundo a información oficial, os condenados “confesaron os seus crimes e comprometéronse a non apelar”. Eles mesmos encomiarían a lexitimidade e xustiza do proceso.

As sentenzas culminan unha longa campaña de hostilidade contra aqueles que intentaron explorar as posibilidades de exercer certa contestación aproveitando a aparente ambigüidade suxerida tralas proclamas do Estado de dereito da nova dirección chinesa. A mellora das condicións xerais para o exercicio da avogacía foi un dos liñamentos da reforma xudicial, pero desbotando, tamén neste caso, calquera aceno de independencia.

O momento elixido abunda nos intentos de silenciar calquera crítica ao goberno. Tras desautorizar as “discusións indebidas” no seo do Partido e chamar aos principais medios de comunicación a aliñarse tralas súas posicións multiplicando os controis sobre toda información sensible, estas sentenzas envían unha clara mensaxe á oposición externa en vésperas dun novo pleno do Comité Central que inaugurará un ano político transcendente para Xi Jinping, pois culminará co XIX congreso a celebrar no outono de 2017. 

Os avogados condenados participaran en numerosos casos relevantes, incluíndo os relativos ao leite infantil contaminado en 2008 (seis nenos mortos e 300.000 enfermos) ou tiveron na súa carteira a clientes como Ai Weiwei ou membros de Falun Gong e outras seitas ou confesións relixiosas. A sentenza pon de manifesto  un rotundo límite ás posibilidades do xogo legal incluso cando simplemente trátase de obter reparacións ante escándalos orixinados polo deficiente funcionamento dos servizos públicos. Para o goberno, máis que a procedencia do caso é relevante a presenza de opositores políticos que tratarían de aproveitar ditas fendas para poñer en cuestión a súa lexitimidade. O recurso ás confesións televisadas retrotráenos a tempos que criamos superados.

As motivacións políticas están detrás destes fallos. O eco internacional das condenas ofusca novamente a imaxe de China e descualifica calquera esforzo do PCCh por modernizar o sistema político do país con medidas de alcance. Os seus infranqueables límites non son unha mostra de fortaleza senón de debilidade.