Comprobamos hai pouco con certo asombro e non pouca envexa como os peruanos podían votar fóra do país en urnas nas súas eleccións xerais. Outro tanto aconteceu en febreiro co referendo boliviano. Levan tempo facéndoo. Os galegos e galegas da diáspora seguen sen poder facelo debidamente, vítimas dun asistencialismo de baixa intensidade e dunha incompetencia interesada que reduce as súas posibilidades de participación na política do seu propio país. Dinnos que algo tan simple é moi complicado. Falamos desa diáspora que representa un capital de primeira orde para a nosa acción exterior e que de cando en cando, como agora aconteceu na visita do presidente Feijóo a Arxentina e Uruguai, amosa a súa sólida penetración nas sociedades de acollida, cun talento e unha vitalidade alarmantemente desaproveitada por nós. Xa quixeran outros países contar con esa rede de capital humano.

Como tamén puido comprobar o noso presidente nesta xira por terras americanas, a nosa cultura –e a industria asociada a ela- é inseparable diso que agora chámase a nosa marca como país. Non é a “neutral” Inditex quen máis universaliza Galicia senón a lingua e a cultura que tantas veces son vilipendiadas na propia Terra por aqueles que entenden a identidade diferenciada como un obstáculo –e non un valor- para estar no mundo. Hai que facer moito por internacionalizar todo o noso tecido produtivo pero a subsistencia de Galicia como tal depende da capacidade para poñer en valor e universalizar a nosa identidade. Non entender que a nosa autonomía é algo singular e que nela rexe o que eu chamo “Montesquieu + 1”, cun poder cultural engadido que nos proporciona a forza identitaria necesaria para existir no mundo, retrotráenos ao parvulario democrático. Pouco -e moito ritual e simbólico- levamos feito nese sentido.
Galicia é un país no mundo. Ten intereses propios a desenvolver en áreas xeopolíticas prioritarias e unhas arelas específicas. Hai estratexias elaboradas ao respecto, pagadas con fondos públicos, que raramente aplicamos a pesares de non seren conflitivas nin sequera co Estado, capaces mesmo de enriquecer a diplomacia minguada e desnortada do ministro Margallo. Somos mais ca unha empresa por mais que algúns empéñense en reconducilo todo a unha dimensión, reducionista, “emprendedora”.
Nestes últimos anos, a nosa proxección exterior, co argumento da crise, descalcificouse de forma deliberada, ninguneouse e puxéronse impedimentos para o seu natural desenvolvemento. Pola contra, a acción exterior é un asunto de capital importancia. Éo para calquera comunidade por razóns múltiples inseparables do proceso de mundialización pero tamén para nós a fin de fortalecer esa autoestima da que tanto carecemos. E compete non só aos gobernos senón tamén á propia sociedade no seu conxunto que debe transcender esa consideración de excentricidade e malgasto de todo canto ten que ver coa proxección exterior.
O nacionalismo galego, tantas veces acusado de querer erguer valados coas súas demandas de soberanía, ten unha especial responsabilidade neste aspecto e debe saber reconectar coa Galicia entendida como célula de universalidade dos galeguistas do século pasado e actualizar ese principio tendendo pontes para sumar vontades mais aló do seu espectro natural. A universalización beneficia a todos os galegos e galegas con independencia de credos ideolóxicos.
Europa e o mundo viven momentos de inflexión e de mudanza. Debemos aprehender as claves desa transformación, acompañala e tirar as nosas propias conclusións con perspectivas de futuro. Cos pes na Terra e fuxindo de imitacións por mais que nos parezan atinadas. Para iso naceu o IGADI hai agora vintecinco anos. Para mirar desde nós pero mais aló de nós. Calquera proxecto de rexeneración responsable de Galicia non pode prescindir da recuperación dos folgos exteriores e de alentar unha visión integral e consensuada que nos faga mais universais. A favor temos que sempre o fomos.