Antes do comezo da guerra, a cúpula militar do Pentágono advertira á Casa Branca que só cos bombardeos non se detería a limpeza étnica, nin o "apartheid" no sobrevivían os albano-kosovares. Os estrategos aseguraban que intensos bombardeos tampouco ían ter efectos inmediatos para que Milosevic aceptase o desplegamento de tropas da OTAN no Kosovo. A pesares dos apercebementos, a secretaria de estado Madeleine Albright apostou forte, cun temerario farol e logrou a confianza do presidente para comezar a arbitraria guerra unilateral. Estaba convencida que a partida belicosa ía ser moi curta. Milosevic rexeitaría o desafío. Sabería e debería manobrar a tempo para aceptar as condicións impostas en Rambouillet. As tropas da comunidade occidental instalaríanse no Kosovo, os EEUU consolidarían a súa posición xeoestratéxica nos Balcáns, e os albano-kosovares exercerían con dignidade os dereitos individuais e colectivos. ¡Así de doado!
A "créme" da socialdemocracia europea, de dilatada traxectoria pacifista, e longa tradición no repecto á legalidade internacional, con Gerhard Schröder, Lionel Jospin, Massimo D´Alema e Anthoni Blair á cabeza, cederon ás presións norteamericanas adentráronse na senda guerreira coma única é incuestionable solución. Para I. Ramonet esta actuación foi considerada coma un signo engadido do seu social-conformismo, mais propio dunha reconvertida "dereita-moderna". Opacadas no tempo quedan outras visións socialdemócratas da política exterior coma a do carismático ex-canciller alemán Helmut Schmidt que afirmara: "Os americanos non dan comprendido nada da historia dos pobos balcánicos".
Herméticas as ringleiras de consenso político internacional, foi difícil desafinar e manifestar disconformidade cunha guerra que multiplicaría os padecementos e alongaría a reconciliación.
Daquela, rexeitamos a guerra, sen deixar de sinalar a Milosevic como principal responsable da negación dos dereitos dos albano-kosovares, contrariamente ao que defendían certos sectores da esquerda estatal ou nacionalista, quen vían no presidente Iugoslavo a un supervivente do socialismo, unha víctima demonizada pola propaganda mediática americana.
No 1994 atrevémonos a deixar escrito no libro "O conflicto dos Balcáns" que o grao a presión, tensión e represión podía estoupar en calquera momento. O comezo da década dos 90 marcara un cambio cualitativo na sociedade e eran evidentes os indicadores dunha gradual segregación racial. Un "apartheid" baseado no control do aparato político-administrativo e policial en mans dalgúns do 200.000 serbio-kosovares que copaban o goberno dunha provincia na que era insignificante minoría.
A aparición violenta do ELK, no 96, supuxo un novo acelerón na espiral pre-bélica. Daban por esgotada a vía pacifista de I. Rugoga e avogaban claramente polo enfrontamento armado. Como resposta, a represión serbia foi brutal: matanzas colectivas, aldeas queimadas , 200.000 albano-kosovares deixaran contra a súa vontade as súas terras e casas, emprendendo un penoso vagar polas montañas camiño do exilio.
Neste punto, o abano das vías diplomáticas estaba xa moi pechado, mais, pesares da contundencia da represión serbia, a guerra endexamais foi a solución, só foi a constatación do tremento e constante fracaso da política exterior europea desta década. Reabríanse as tremendas hemorraxias do conflicto e cangrenouse calquera solución político-diplomática para restaurar a convivencia.
Entrados na corentena de xornadas de guerra, o desánimo corentón invade a ámbas as ambas as dúas partes, facilitando, quizais, a chegada da paz. Os serbios xa non exhiben dianas retadoras, camiñan coa mirada perdida buscando un rápido final ao terror das bombas, agardando non inflar as estatísticas do milleiro das víctimas civís ou dos eufemísticos danos colaterais, nin ás dos 200.000 traballadores que teñen engordado o paro por mor da destrucción das fábricas impactadas polos misís intelixentes da OTAN.
Na banda dos albano-kosovares a traxedía é de sesión contínua. Un numeroso e indeterminado número de homes teñen sucumbido ao terror sanguento dos militares ou paramilitares serbios, .000 refuxiados albano-kosovares malviven agardando impacientemente o momento do retorno ás súas devastadas terras e desmanteladas vivendas. Macedonia está ao borde de creba técnica económica. Montenegro fai equilibrios para evitar a guerra civil. Albania, Bulgaria, Macedonia e Romanía precisarían de 1,5 billóns de pesetas coma compensación polas perdas da guerra e pola acollida de refuxiados. En fín, uns Balcáns desestabilizados, política e económicamente, que precisan dun urxente "plan de estabilidade para os Balcáns" con cifras billonarias.
Despreciable guerra humanitaria na que só se teñen inmolado víctimas civís.