A guerra de Trump

A súbita e inesperada decisión unilateral de Donald Trump de intervir no conflito sirio mediante o bombardeo dunha base militar do réxime de Bashar al Asad na localidade siria de Homs, presentada oficialmente como resposta ao ataque químico desta semana en Idlib, implica observar con maior precisión en qué medida a presión política que os “falcóns” do Pentágono e do Partido Republicano están exercendo sobre a súa presidencia está modificando substancialmente as hipotéticas prioridades estratéxicas que Trump tiña previsto a súa chegada á Casa Branca.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos United States
Palabras chave Siria Guerra Trump
Idiomas Galego

A súbita e inesperada decisión unilateral de Donald Trump de intervir no conflito sirio mediante o bombardeo dunha base militar do réxime de Bashar al Asad na localidade siria de Homs, presentada oficialmente como resposta ao ataque químico desta semana en Idlib, implica observar con maior precisión en qué medida a presión política que os “falcóns” do Pentágono e do Partido Republicano están exercendo sobre a súa presidencia está modificando substancialmente as hipotéticas prioridades estratéxicas que Trump tiña previsto a súa chegada á Casa Branca.

O inmediato e público apoio da OTAN a este ataque en Homs confirma esta perspectiva de “reaggiornamento” de Trump, principalmente persuadido a optar polas opcións militaristas en Siria, toda vez Washington perdía a ecuación de poder en Oriente Próximo a favor de Rusia, así como dos seus aliados Turquía e Irán. Neste sentido, os “falcóns” do Pentágono e da Casa Branca aceleraron esta intervención tralas recentes visitas dos presidentes Erdogan e Rouhaní a Moscova, deseñadas para trazar os eixes centrais do próximo cumio da paz en Siria a celebrarse en Xenebra.

Tampouco supón unha casualidade que Trump realizara esta intervención baixo o contexto da estratéxica visita do presidente chinés Xi Jinping a Florida. A mensaxe dos falcóns foi clara, neste sentido. Na triangulación do poder mundial que se prevé entre EUA, China e Rusia, Washington aínda ten o poder da disuasión militar.

Paralelamente, a inesperada intervención de Trump e Siria revela unha concreción de intereses cos dous tradicionais aliados estadounidenses en Oriente Próximo, Arabia Saudita e Israel, preocupados polo ascendente peso xeopolítico de Irán a tenor do seu poder nuclear e dos seus intereses en manter ao réxime de Bashar al Asad en Siria. O ataque de Homs antecede ao referendo constitucional de Turquía (16 de abril) e as presidenciais de maio en Irán (19 de maio), onde Erdogan e Rouhaní xóganse importantes cartas políticas.

O ataque en Siria deteriorará as relacións entre Washington e Moscova nun momento en que os servizos de seguridade en EUA atizaban o entorno de Trump polo “Russiagate”. Tal como ocorrera anteriormente con asesor de seguridade Michael Flynn, este contexto pode levar á caída do seu asesor político Stephen Bannon. Polo pronto, Bannon xa foi apartado do Consello Nacional de Seguridade, nunha movida que intúe a man dos “falcóns”, probablemente a través do vicepresidente Mike Pence e principalmente do xeneral Raymond McMaster, receoso do ascenso ruso na escena internacional.

Neste pulso de poder en Washington, os “falcóns” semellan ir gañando a partida, aspecto que persuade a Trump a recuar das súas inicias expectativas en materia internacional. Siria convértese así no súbito escenario de tensións no que Washington busca reducir a marxe de manobra de Rusia, particularmente a través das súas alianzas euroasiáticas con Turquía, Irán e China. Un revival do “atlantismo” que supón un claro alivio para os “falcóns” no Pentágono e os seus aliados da OTAN á hora de preservar os seus intereses estratéxicos.