A hora decisiva para as FARC

Tras alcanzarse a mediados de maio na Habana un histórico acordo parcial entre a guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e o goberno de Juan Manuel Santos, neste caso no relativo ao desenvolvemento rural, identificado com oo primeiro dos seis puntos de negociación, ábrese un ambiente propicio para dar curso a un abano de posibilidades que eventualmente certifique un definitivo acordo de paz, finalizando así co conflito armado mais lonxevo de América Latina.

Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

Tras alcanzarse a mediados de maio na Habana un histórico acordo parcial entre a guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e o goberno de Juan Manuel Santos, neste caso no relativo ao desenvolvemento rural, identificado com oo primeiro dos seis puntos de negociación, ábrese un ambiente propicio para dar curso a un abano de posibilidades que eventualmente certifique un definitivo acordo de paz, finalizando así co conflito armado mais lonxevo de América Latina.

A perspectiva dun acordo definitivo de paz en Colombia implica claramente considerar diversos escenarios, dentro e fóra de Colombia, con especial incidencia na dinámica xeopolítica e incluso de integración e cooperación a nivel rexional. O principal destes escenarios, o cal reflicte unha aguda polarización social e política dentro de Colombia, ten que ver coa eventual reinserción dos líderes das FARC dentro do escenario político colombiano, a través de amplos mecanismos de participación política.

O “modelo FMLN”

Por tomar un exemplo, este escenario consideraría homologar no caso colombiano un modelo similar ao existente en O Salvador coa Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN) a partir de 1996, unha vez finalizara oficialmente a guerra civil salvadoreña. Nas eleccións presidenciais de 2010, un FMLN convertido en movemento político alcanzou a vitoria electoral convertendo ao seu candidato Mauricio Funes como o actual presidente salvadoreño. Funes, xornalista non vinculado aos anos da loita armada, identifica unha viraxe pragmática e tecnocrática por parte dunhas das principais guerrillas latinoamericanas.

Pero existen outros casos na rexión de reinserción política guerrilleira que logo alcanza o poder. Un caso é o actual presidente uruguaio José “Pepe” Mújica, proveniente da guerrilla urbana dos Tupamaros posteriormente reinserida na Fronte Ampla. E tamén a actual presidenta brasileira Dilma Roussef, dirixente do Partido dos Traballadores que anteriormente formara parte das milicias guerrilleiras do Comité de Liberación Nacional (COLINA)

Un “modelo FMLN” para as FARC intensifica unha forte oposición en diversos sectores políticos colombianos, en especial daqueles receosos de fomentar marcos de negociación coas FARC e, principalmente, por parte de determinados liderados como o ex presidente Álvaro Uribe Vélez, sumamente críticos co proceso de paz impulsado polo presidente Santos e que volven a ocupar un lugar protagónico no espazo político colombiano, probablemente ante a perspectiva das eleccións presidenciais colombianas de 2014. A polarización con este tema ten que ver coa eventual impunidade para líderes guerrilleiros acusados de crimes contra os dereitos humanos a partir desta hipotética reinserción política, un aspecto que socialmente afronta unha profunda impopularidade en Colombia.   

O factor electoral

Un segundo escenario ten que ver persoalmente coa posición do presidente Santos, impulsor chave deste marco de negociacións coas FARC e quen afronta este desafío con claras perspectivas políticas e electorais de cara aos comicios de 2014. Desde que comezaran estes contactos de negociación de paz en setembro de 2012, Santos asumiu persoalmente a responsabilidade sobre a viabilidade e o futuro do mesmo.

A decidida implicación persoal de Santos lle pode garantir réditos políticos importantes, non só dende a perspectiva histórica ilustrado por eventualmente converterse no xefe de Estado colombiano que logrou a ansiada paz senón ante as súas hipotéticas intencións de afrontar unha reelección no 2014. Por certo, tentativa de reelección curiosamente non ben observada pola opinión pública colombiana.

Os intereses electorais de Santos nestas negociacións coas FARC son tan evidentes que o equipo negociador do seu goberno na Habana rexeitou reiterada e categoricamente a petición da guerrilla colombiana de retrasar as eleccións lexislativas e presidenciais previstas para maio de 2014. Por tanto, Santos semella esperar alcanzar un acordo de paz firme ante das eleccións que lle permita manexar con comodidade as súas opcións electorais.

Para as FARC, eventualmente, alcanzar un acordo de paz que lle permita unha inédita inserción e participación política nestes comicios, probablemente a través de movementos políticos afíns como a Marcha Patriótica ou incluso dentro dunha plataforma liderada polo Polo Democrático Alternativo (PDA), partido do actual alcalde de Bogotá, Gustavo Petro, quen se erixe como o principal candidato da esquerda para os comicios presidenciais de 2014.

Un pragmatismo inevitable

O terceiro escenario enfócase necesariamente no momento das FARC. Descabezadas e orfas desde 2008 por mor da desaparición física dos seus históricos líderes (Manuel Marulanda, Raúl Reyes, Jorge Briceño alias “Mono Jojoy”, Alfonso Cano), principalmente acaecidos pola acción militar e de intelixencia do Estado colombiano, as FARC afrontan este contexto de negociacións cunha notoriamente actitude defensiva, diminuída militarmente pero convencida de que apostar por unha vía pragmática implicaría obter potenciais ganancias políticas a mediano prazo.

Neste sentido, os líderes das FARC nos Diálogos de Paz na Habana son Luciano Marín Arango, alias “Iván Márquez”, e Rodrigo Granda (capturado en 2005 e liberado por esixencia das FARC para estas negociacións), dous expertos negociadores escasamente implicados na loita armada a diferenza dos anteriores. Membros do Secretariado das FARC, durante moito tempo ambos foron identificados como unha especie de “chanceleres” da guerrilla, encargados de procrear os marcos de negociación e cooperación con gobernos “aliados” como o de Hugo Chávez en Venezuela. Outra figura notoria das FARC que forma parte do seu equipo negociador na Habana é a guerrilleira holandesa Tanja Nijmeijer (34 anos), que forma parte das FARC desde 2002.

Para as FARC, os diálogos co goberno de Santos afróntanse como probablemente a oportunidade decisiva para manter certo nivel de supervivencia política. Por tanto, unha eventual ruptura das negociacións que determine o retorno á loita armada implicaría para as FARC acelerar un esforzo loxístico e político que, nestes momentos, escasamente pode considerar, principalmente tomando o notorio debilitamento militar das súas forzas, a escaseza de combates co Exército e, igualmente, os cambios no contexto rexional.

Cambios no patio rexional

Este aspecto, o do contexto rexional, identifica o cuarto escenario chave destas negociacoóns. Desde 2011, o prolongado deterioro da saúde e a posterior desaparición física en marzo pasado do ex presidente venezolano Hugo Chávez deixou ás FARC igualmente “orfo” de líderes aliados a nivel rexional. Desde 2000, Chávez e o goberno venezolano viñan concentrándose como a principal válvula de escape político, diplomático e ata loxístico para a guerrilla colombiana, un aspecto que frecuentemente contribuíu ás tensións diplomáticas entre Caracas e Bogotá durante os mandatos de Chávez, Uribe e Santos.

A morte de Chávez e as dificultades internas do goberno do seu sucesor Nicolás Maduro, especialmente no relativo a concretar un apoio firme por parte de Caracas ás FARC, implica considerar estas debilidades xeopolíticas da guerrilla colombiana, un factor que lle obriga, indubidablemente, a acelerar o diálogo co goberno de Santos.

A pesar das recentes tensións diplomáticas entre Maduro e Santos (principalmente pola visita a Bogotá do candidato opositor venezolano Henrique Capriles Radonski, recibido por Santos e altas instancias públicas colombianas) que deron paso a duras declaracións por parte do presidente venezolano sobre a posibilidade de “revisar” o papel de Caracas nestas negociacións de paz en Colombia, as FARC vesen persuadidas a xa non observar ao goberno venezolano como o seu principal aval exterior. Como se sabe, Venezuela forma parte da Comisión Internacional dos Diálogos de Paz en Colombia xunto a Cuba, Noruega, España e Chile.

Sen menoscabar o apoio venezolano e, tanxencialmente, dun eixe da ALBA con menor capacidade política trala morte do seu impulsor Chávez, as FARC identifican a Cuba (país que alberga os diálogos) como un actor externo sumamente estratéxico. Obviamente, para o goberno de Raúl Castro, propiciar un marco de diálogo de paz en Colombia supón obvias ganancias políticas e diplomáticas a nivel hemisférico.

Así e todo, as FARC observan unha maior reafirmación do goberno de Santos como aliado de EUA e, por conseguintes, dos marcos de cooperación occidentais. O recente cumio en Cali da Alianza para o Pacífico, as ata agora infrutuosas tentativas de Colombia de ingresar na OTAN, a recente visita a Bogotá do vicepresidente estadounidense Joseph Biden en pleno proceso de diálogo na Habana, ou o ingreso colombiano na OCDE, son variables que obrigan a considerar unha nova posición xeopolítica para Colombia como aliado estratéxico occidental e, particularmente, de Washington.

Estas perspectivas xeopolíticas focalizarían a Colombia como un peón estratéxico para Washington, toda vez esta condición xa comezara a fraguarse co retorno de EUA da soberanía da Canle de Panamá (1999) e principalmente coa posta en marcha do Plan Colombia (2000), oficialmente antinarcóticos pero claramente enfocado a acabar coas FARC. Colocar a Colombia como este peón estratéxico implicaría, igualmente para Washington, manter un peso persuasivo dirixido cara Venezuela e o eixe da ALBA, así como Brasil e China, actores contestatarios que rivalizan coa hexemonía hemisférica estadounidense.

O pulso constituínte

Identificados estes escenarios, e mentres os diálogos FARC-Santos ofrecen os seus primeiros froitos, resta observar que sucederá a mediano prazo. Para Santos, un compromiso e acordo firme de paz lle profire dunha evidente ganancia política con réditos electorais de cara ao 2014, sexa el mesmo o candidato do gobernante “Partido de la U” ou ben ante a necesidade de nomear un sucesor electoral.

Con todo, a polarización en torno ao tema da inserción política das FARC, en especial polo tema da eventual impunidade, supón o tema mais delicado. As FARC desexan evitar reproducir no seu caso o contexto enmarcado trala histórica desmilitarización dos grupos paramilitares alcanzado en 2006 polo entón presidente Uribe e que deu paso, posteriormente á extraditación a EUA dos líderes paramilitares acusados de vínculos co narcotráfico. Por tanto, afianzar nos consensos durante as negociacións darían curso a hipotéticos pactos onde as FARC poderían acollerse eventualmente ao anteriormente sinalado “modelo FMLN”.

No obstante, o escenario actual aborda unha fase sumamente complexa que pode intensificar a polarización: tralo acordo parcial sobre a reforma agraria, o momento actual acomete o segundo punto, o da participación política. Aquí as FARC defenden a súa principal demanda de posibilitar a creación dunha Asemblea Constituínte en Colombia, que substitúa o proceso realizado en 1991, actualmente vixente baixo un novo marco constitucional. O goberno de Santos oponse abertamente a esta demanda.

Precisamente, o tema constituínte e da amplitude da participación política “a todos os niveis” pode implicar o punto de confrontación mais agudo para as FARC e o goberno de Santos, o cal podería eventualmente obstaculizar o avance dos diálogos de paz. No fondo, as FARC tentan asegurar neste punto un eventual compromiso estatal de non extradición a EUA, independentemente de quen estea no goberno en Bogotá. Como se sabe, Washington acusa constantemente ás FARC de presuntos vínculos co narcotráfico.

Sexa como sexa, nunca antes nos diversos procesos e tentativas de diálogo entre as FARC e o goberno colombiano, o compromiso para alcanzar a paz estivo tan cerca. Os diálogos da Habana poden constituír o paso histórico mais próximo nese sentido. Pero todo dependerá da vontade real de avanzar nunhas negociacións que impliquen o fin da loita armada para dar paso á reinserción pública das FARC como movemento político. Este punto, o da participación política, implica o tema clave das negociacións que actualmente se levan a cabo na Habana, e determinarán se o “modelo FMLN” pode ser viable e homologable no caso colombiano.