Espero e confío que os milleiros de observadores neutrais e imparciais que vixiaron a pulcritude das eleccións desenvolvidas en Ucraína poidan agora desprazarse con igual ímpeto a ese Iraq desfeito (perdón, en reconstrución) pola intervención da "coalición multinacional" e os seus efectos, para avaliar, co seu dictame, a lexitimidade do proceso electoral que debe culminar a finais de xaneiro coa celebración dos primeiros comicios "libres" da súa historia.
Suponse que o "Comité Electoral Global" que se encarga de preparar o terreo e definir as cores para cada un dos países obxecto de interese estratéxico, non o terá doado en Iraq, a non ser que opte polo negro do loito e da destrución sen fin, esa paz que trouxo a victoria "aliada" contra aquel Sadam refuxiado nun burato na terra e con barba de semanas. Pasaron con pes de la os observadores da limpeza democrática polos comicios de Afganistán. Karzai personifica agora o pluralismo e a transparencia, a liberdade e a normalidade institucional, valores sacrosantos que debemos respectar e polo que debemos dar grazas, amén. Houbo, iso si, pequenas irregularidades pero que non empanan en absoluto a clareza incontestábel da elección, que podemos resumir no axioma máis querido da Casa Branca: gañou o noso.
A Putin sóbranlle motivos para estar preocupado. Nos próximos meses son moitos os países post soviéticos que deben encarar procesos electorais de diverso signo. En canto o "Comité Electoral Global" fixe a súa atención e os focos informativos se orienten a un deles, a influenza rusa corre perigo de estragarse. En Kiev tivo que amolarse. En todos eles sobran corruptelas, mafias e demais lindezas favorecidas por ese capitalismo salvaxe que aquí e alí se vendeu coma o mellor "e único" dos mundos posíbeis. Podemos agardar "Documentos TV" sobre todos e cada un deles para reafírmarnos na convición de que "estalles ben" o que lles pasa. Comezando polo Putin de Chechenia, naturalmente. Ningún deles, coma Kuchma, por suposto, merece a mais mínima compaixón. Todos deberían ser xulgados polos múltiples delictos cometidos no exercicio do poder. Sobrarán motivos e argumentos para facelo.
A presenza de EEUU en Asia Central debe afianzarse agora con líderes políticos "amigos" da democracia, da liberdade e do respecto aos dereitos humanos, valores máximos das nosas sociedades, como ben sabemos, de Guantánamo a Abru Graib. O mundo vai por bo camiño.
Certo que as bombas non paran de caer en Iraq, en Falluja continúan os enfrontamentos, os atentados sucédense un tras outro en numerosas cidades por todo o país, non hai a máis elemental seguridade nin para os cidadáns nin para os candidatos, algunhas opcións xa decidiron retirar as súas listas, non hai posibilidade de levar a cabo unha campaña electoral que se poida acreditar como tal, pero nada diso parecen anomalías importantes. O proceso continúa porque así o quere o "pobo iraquí". E haberá eleccións e gañará limpamente o Karzai local con altos niveis de participación en medio dun impresionante dispositivo de seguridade. Porque é ben sabido que os militares da "coalición multinacional" foron a Iraq para iso: para protexer o dereito dos cidadáns indefensos a exercer o seu dereito de sufraxio. E quen diga o contrario, minte. Rumsfeld dixit.