Fonte: Wikimedia Anthony Baratier Creative Commons Attribution-Share Alike 4.0

A perplexidade democrática

Na primavera pasada fun convidada a participar no ciclo titulado Democracia, pero que Democracia, dentro do ciclo PENSARMOS do Consello da Cultura Galega (CCG), cunha intervención que titulei A perplexidade democrática.Deseguido ofrécese un sucinto resumo dos asuntos abordados no decurso de dúas horas conducidas por Luisa Martínez, pertencente á Sección de Pensamento que dirixe Celia Pereira Porto.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Perplexidade e desasosego

No segundo Cumio pola Democracia, organizado polo Partido Demócrata Europeo a fins do ano pasado, afirmouse que “a sociedade occidental vén experimentando nos últimos anos grandes cambios sociais que xeran perplexidade e desasosego en moita xente que os sente como unha perda de control sobre as súas vidas e as súas necesidades, e as que os Partidos e institucións tradicionais non estamos dando respostas adecuadas”.

Pareceume atinada esta aseveración que inspira o título desta reflexión que chamei, de facto, “a perplexidade democrática”.

Incertezas, retrocesos, medo

Concordo, a grandes trazos, coa idea de que a tensión na que viven moitas persoas en todo o planeta, se debe ás incertezas económicas ou de seguridade, ao temor ao outro, ás consecuencias da inmigración, a maior individualización da vida, ao incremento da desigualdade e ao risco de exclusión social (…) de xeito que os resultados electorais en países con tradición democrática en Occidente, revelan “un certo desgaste na confianza cara ao poder do sistema democrático para transformar a realidade”. Unha enquisa publicada no Reino Unido apunta que a mocidade é a mais escéptica a respecto da eficacia da democracia e cita como razóns desta desafección o sentimento de frustración co sistema que lles aboca a precariedade económica e a dependencia familiar.

Se o vemos desde Europa e pensamos nos milleiros de persoas que agora sofren o horror da guerra de Ucraína en territorio europeo e a forza dos partidos de ultradereita en gobernos democráticos que forman parte da Unión, como Polonia, Hungría, Italia… vemos que as guerras e as ditaduras non son cousa dun pasado afastado.

Entre a política e a economía

Constátanse novos desafíos materiais que a democracia debe abordar no século XXI e que van moito máis ala da correcta aplicación nos procedementos de elección dos nosos representantes, ou do axeitado funcionamento dos poderes lexislativo, executivo e xudicial que articulan o sistema. Vivimos en sociedades, ou comunidades políticas, especialmente complexas, cun escenario tormentoso, onde medra a critica respecto do modelo de produción capitalista e as súas crises que xeraron unha poboación defraudada, en moitas ocasións, polo sistema democrático, dependente en extremo dos mercados e grandes lobbies financeiros, que responde con reaccións contraditorias entre movementos sociais libertarios, e que tamén se manifesta proclive a sedución do autoritarismo e a aparición das ultradereitas.

Só algo menos da cuarta parte da poboación mundial vive en réximes de democracia plena

Analizando os resultados da valoración anual do estado da democracia no mundo que fai “The Economist”, tanto en 2022, como en 2021, nunha estimación por habitantes dá como resultante que dos 8.000 millóns actuais, só 1.800 viven en democracias de media ou alta calidade en América, Europa e Oceanía, mentres que os 6.200 restantes o fan en Asia e África, onde e mais difícil atopar réximes satisfactoriamente democráticos.

Este cálculo sitúanos na proporción de 3⁄4 partes de cidadáns vivindo sen democracia e so 1⁄4, con ela, cun resultado bastante verosímil que permite visualizar a grandes trazos a situación.

En resumo: unha metade da humanidade non coñece a democracia e outra metade si, mais desta metade unha cuarta parte vive en democracias deficientes ou imperfectas, segundo a terminoloxía deste tipo de cualificacións.

Os cambios de época

Alicia Ente, xornalista arxentina, identifica tres catástrofes motivadas polos seres humanos que adoitan estar presentes nos cambios de época: fame, pestes e guerra, ás que eu engado as catástrofes naturais que na actualidade suman as climáticas malia seren tamén, en boa medida, provocadas polos seres humanos. Segundo o seu calculo, algunha destas problemáticas afectan hoxe a 7000 millóns de persoas arredor do mundo, e volvendo a suma do cambio climático podemos dicir que o conxunto das catro afectan a totalidade, e dicir, aos 8 mil millóns que compartimos o planeta.

Máis feminismo para máis democracia

Na abordaxe desta conferencia quero engadir algúns puntos de vista que me parecen cruciais para entender o que podemos considerar coma un cambio de ciclo en temos de civilización.

O primeiro é o feminismo como grande movemento social globalizado, imparable desde hai dous séculos e medio, que avanza a mesma velocidade que permiten as tecnoloxías da información e da comunicación para a propagación das ideas en tempo real aquí e agora.

A cuarta vaga do feminismo, que se sitúa en 2018, e a explosión de mobilizacións en todo o mundo cando o 8 de marzo, retransmitidas por todos os medios de comunicación ao mesmo tempo, mostrando a millóns de mulleres de todas as etnias, nacionalidades e circunstancias coreando as mesmas consignas, propiciaron unha sinerxía global e simultánea que é un fenómeno inédito na historia das revolucións.

Estamos perante unha revolución, a feminista, entendida como movemento transformador e non como unha guerra que procure a aniquilación de ninguén. Porén, está a ser contrarrestada nunha resposta tamén globalizada para evitar que academos o noso obxectivo de subverter a poderosa, mais caduca, orde patriarcal. Unha orde que é, tamén, un fenómeno mundial, que non entende de ideoloxías, de sistemas nin de réximes. Un dato que demostra o retroceso simultáneo dos dereitos humanos das mulleres vese nitidamente nas reformas contra os nosos dereitos reprodutivos, nada menos que EEUU, Hungría, Polonia…

Si ben é certo que o feminismo promove un radical cambio social no que se interseccionan moitas variables, a identificación coas ideas progresistas resulta obvio, mais tamén é innegable que cada vez hai máis mulleres conservadoras que asumen a necesidade dun cambio feminista na sociedade no seu conxunto.

Un sinal de que isto é compartido desde instancias oficiais é a tendencia a incorporar a política exterior dos estados a axenda feminista. A chamada PEF (política exterior feminista) ten presencia desde hai xa oito anos cando foi incorporada por Suecia en 2014, e forma parte das axendas estatais de varios países como Canadá ou España.

Velaí como fenómeno recente e rechamante a creación dunha Internacional Feminista a primeiros de abril en América Latina, territorio con avances na presencia de mulleres na gobernabilidade pero que padece unha epidemia de feminicidios á que hai que sumar a falla de lexislación en materia de saúde sexual e reprodutiva en case todos os países que a integran, agás Uruguai, Cuba, parte de México, Arxentina e Chile, e con situacións punitivas que inclúen o presidio en Nicaragua ou Venezuela.

Máis dereitos de cidadanía

Outro aspecto que me parece relevante, desde Galicia, é a extensión dun dereito esencial para o recoñecemento da cidadanía. Trátase da recuperación do dereito ao voto desde o exterior para o case medio millón de galegas e galegos que viven fora da Galicia europea.

A lei de Memoria democrática aprobada en 2022 revocou a obrigatoriedade do voto rogado e volve recuperarse un dereito que, ao suprimirse en 2011 fixo caer a participación electoral desde o 30% que estaba antes desa data cando aínda non se esixía o voto rogado, ata o 3% das últimas eleccións. A nova lexislación permite tamén ampliar os prazos e requisitos para adquirir a nacionalidade, o que ampliará notablemente o censo de residentes ausentes con dereito a voto.

O impacto da nova xeira dixital

E, como non, importa moito esta nova xeira dixital e como pode axudar ou prexudicar a democracia. As mesmas redes que crean oportunidades económicas, melloran a calidade de vida e amplían a participación política, tamén brindan as ferramentas de organización e xestión necesarias para os ataques violentos contra a estabilidade nacional. A xeografía caeu na irrelevancia pola tecnoloxía, o que tamén fai que se poña en dubida o estado-nación, vinculado a esa xeografía. ¿Ao servizo de quen estará esta tecnoloxía? Como é posible que semellante transformación non teña regulación por parte dos poderes públicos e o seu desenvolvemento dependa de intereses e capacidades de escuros intereses privados?

Que haberá despois?

Podemos afirmar que estamos nun cambio de ciclo que se produce a unha velocidade inédita ata o de agora. Este cambio, non por anunciado é menos sorpresivo e preocupante.

Confío en que esteamos a tempo de reaccionar, mais, en momentos de reflexión coma este, se tivese que resumir todo nunha conclusión –dita ao xeito dunha vella xornalista– sairía un titular algo así como: O futuro xa chegou. Que haberá despois?