Sara Collazo Santaclara (USC) realiza prácticas no IGADI

A política indixenista do ‘México de arriba’

A problemática que rodea a cuestión indíxena en México non perde o ritmo. É ais, diríase que cada día o seu pentagrama faise mais grande e recolle mais demandas. Sen embargo, para o ``México de arriba’’ semella que esa música non vai con eles.

Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

A problemática que rodea a cuestión indíxena en México non perde o ritmo. É ais, diríase que cada día o seu pentagrama faise mais grande e recolle mais demandas. Sen embargo, para o ``México de arriba’’ semella que esa música non vai con eles.

O que no seu día foi presentado como un proxecto das forzas políticas de nivel estatal resultado do movemento zapatista en prol do empoderamento das comunidades e pobos indíxenas como tal, agora redúcese a un simple e inacabado exercicio verbal da clase política.

Os principais partidos políticos que no seu momento comprometéronse con este segmento da sociedade, aló polos anos noventa, alardean destes compromisos. Sen embargo, as respostas operativas que ofrecen e as reformas estruturais que levan a cabo para a consecución destes obxectivos, brillan pola súa ausencia.

A formulación da problemática indíxena por parte dos grandes partidos é visible nas súas doutrinas e programas electorais. Os líderes non teñen reparos en recoñecer as deficiencias deste segmento social e os obstáculos que estas persoas deben superar para alcanzar un adecuado desenvolvemento económico e social.

Exemplo diso foi o discurso de Enrique Peña Nieto, presidente da República Federal, na Conferencia Mundial polos Pobos Indíxenas onde recalcou as tarefas pendentes, a escaseza de medios e a desigualdade a que están sometidas as persoas indíxenas. Alardeou tamén dun forte e innegable compromiso con estas sociedades e onde puido prometer, prometeu.

Certo é que o Partido Revolucionario Institucional (PRI) – ao que pertence o actual Presidente – acolle no seu organigrama institucional a Acción Indígena. A secretaría de Acción Indígena ten por misión promover o apoio institucional ás demandas dos pobos e comunidades indias, así como impulsar a participación destas na toma de decisións para xestionar as súas demandas. O PRI recolle nos seu plan de goberno unha clara intención de construír unha república federal con base na cooperación. É dicir, pula pola redistribución de competencias, o reparto de recursos financeiros e unha maior descentralización da toma de decisións a prol dos municipios do conxunto do territorio. Recoñecen a  notoria diversidade  coma o neno que haberá que protexer ante calquera ameaza, e, en consecuencia, subscriben un compromiso de fortalecemento das relacións entre o goberno e as diferentes minorías para combater a discriminación e a violencia. Este partido, na súa plataforma electoral – moi interactiva para aquel que teña acceso – non esquece a procura de xustiza social e a defensa da seguridade do conxunto dos cidadáns.

O pasado abril, Peña Nieto, en relación á defensa do necesario intercambio cultural entre os mexicanos, co fin de que uns aprendan e comprendan as tradicións e imaxinarios dos outros e viceversa, publicou no Diario Oficial da Federación o Decreto polo que quedou aprobado o Programa Especial de Educación Intercultural 2014-2018. Esta medida, se ben positiva, prosegue a liña asistencialista que leva anos pautando as políticas en relación ao indixenismo dos gobernos mexicanos. De feito, a secretaria de Acción Indígena do PRI denunciou a insuficiente representación indíxena no partido suxerindo a formación de verdadeiros distritos indíxenas no estado para fortalecer a súa presenza nos organismos de goberno.

Pola súa parte, o Partido Acción Nacional (PAN) propón un federalismo ‘responsable’ e subsidiario no que debe de primar un desenvolvemento nacional harmónico, equilibrado e eficaz. Visualízase así a intención de preservar a Nación mexicana como un conxunto, unha identidade nacional na que todos teñan cabida a pesar das diferenzas entre os diversos segmentos da poboación.

No seu programa de goberno, inclúense diversos puntos en relación ao fortalecemento das comunidades, pero baixo o prisma sempre da defensa da posición como Nación mexicana nun entorno globalizado. Este partido conta con unha traxectoria chea de matices e contradicións, sobre todo no referido á cuestión indíxena e a defensa e o respecto aos seus dereitos. O PAN foi o encargado, como ‘goberno do cambio’ no ano 2003, de reformar varios artigos constitucionais co fin de plasmar no texto legal os dereitos indíxenas e levar a cabo o compromiso que anticipara co Exército Zapatista. Unha destas reformas foi o peche do ‘Instituto Nacional Indígena’ e a posterior creación da ‘Comisión Nacional para el Desarrollo de los Pueblos Indígenas’, o que, a fin de contas, significou un simple lavado de cara, xa que hoxe segue a ser un exemplo da perpetuación das vellas prácticas.

Nos Principios de Doctrina do PAN, publicados en 2002, non se aborda a cuestión indíxena como un debate de identidade, nacionalismo ou de corte social, senón que se reduce a un problema cuantitativo de pobreza, violencia e desigualdade. Redactadas nunha linguaxe conservadora e paternalista, as doutrinas e programas de goberno do PAN non parecen ofrecer cambios significativos nas relacións de interdependencia coa poboación indíxena.

Tras analizar e consultar as accións destes dous grandes partidos mexicanos, queda en evidencia o dilatado camiño que debe percorrer aínda o Estado Mexicano e as comunidades indíxenas para chegar a un punto de equilibrio social, económico e institucional.