A primeira década do século XXI

O próximo 25 de decembro cúmprese o decimo aniversario da disolución da URSS. O século XX, o século curto de Hobsbawn, que comezara coa esperanza proletaria da revolución de outubro remataba coa desfeita do estado nacido da mesma. Levamos xa dez anos do novo século histórico. ¿Estamos en tempos de transición cara unha nova realidade xeopolítica, económica e cultural ou este é o deseño definitivo da nova fase histórica? ¿O réxime postsoviético está asentado en Rusia? ¿Ante a bipolaridade desaparecida non hai outra alternativa que un mundo unipolar? Os interrogantes son moitos.

Hai agora dez anos Boris Ieltsin, naquel momento presidente da Federación Rusa, declaraba ilegal ao PCUS; aos poucos días M. Gorbachov dimitía como presidente, e a URSS, sen perder o seu característico estilo burocrático, desaparecía. Uns meses antes estouraran dous conflictos bélicos que marcaron a década, a Guerra de Croacia, logo tristemente estendida por todo o Balcán, e a Guerra do Golfo que engadía un novo elemento de tensión nunha área cada vez máis conflictiva. A fin da bipolaridade provocaba novas tensións bélicas ao tempo que os EEUU apresurábanse a asegurar o control sobre a zona de subministro enerxético do planeta.

Ao tempo, a nova orde abría as portas a dous procesos de paz enquistados durante décadas: Irlanda e Palestina. No primeiro caso, o camiño, iniciado moito antes que as conversas Major-Reynolds o fixeran público, segue, non sen tensións, na dirección da paz. No segundo, dez anos despois do Cumio de Madrid, podemos afirmar que é cousa do pasado. No presente só quedan novas matanzas e outra mecha ardendo na permanente polvoreira do Oriente Medio.

Daquela do Departamento do Estado ou das Universidades dos EEUU saían diversas teorías interpretativas da nova realidade. Unhas falaban da fin da historia, destas xa case ninguén se lembra; outras do choque de civilizacións, que por desgracia os acontecementos do 11 de setembro volveron a poñer sobre a mesa.

As interpretacións teórica poucas incertezas resolven. Os interrogantes seguen a ser moitos, algúns mesmo idénticos aos que nos poderíamos presentar hai dez anos. ¿No Balcán e en Rusia, só quedan as brasas? ¿As lapas do Oriente Medio están controladas, ou ameazan con estenderse por toda a área, mesmo ata as reservas enerxéticas das repúblicas exsoviéticas? ¿Definitivamente non hai máis posibilidade que o mundo unipolar dirixido polos EEUU? ¿Qué capacidade ten a economía estadounidense de manter a xendarmería mundial? ¿O capitalismo global é incontestable? ¿Está disposta a Europa unida a ser algo máis que un mercado sen fronteiras? ¿Ten algunha posibilidade a China de consolidarse como potencia autónoma? ¿Admitirá Rusia, e por canto tempo, un papel secundario na escena internacional? Ou, a fin de contas, ¿Todo isto non será máis que un novo Congreso de Viena e a temporal restauración do absolutismo que precede a unha nova fase de maior liberdade e xustiza social?