A rebelión árabe: un balance contraditorio

Apartados xeográficos África ARCHIVE
Idiomas Galego

Un semestre despois da vaga de cambios que actualmente seguen convulsionando ao Magreb e Oriente Próximo, o balance aborda unha sensación de esperanza, incerteza e contradicións. A denominada “Primavera de 2011” definitivamente mudo o mapa xeopolítico do mundo árabe pero a súa consolidación como avatar dos cambios democráticos deixa diversos escenarios abertos, sumidos na incerteza.

Nuns países, as mobilizacións populares levaron a caída dos autócratas presidentes (Tunisia e Exipto), con casos confusos que poden propiciar unha inevitable guerra civil (Iemen). Noutros escenarios espallouse un conflito armado con intervención internacional (Libia), tanto como outros semellan inmunes á rebelión (Irán) mentres se activan reformas constitucionais (Marrocos) que moitos cualifican de “cosméticas”.

Outros signos definen o momento actual: a sanguenta represión (Siria, Bahrein), a indefinición dos cambios e os estratéxicos intereses occidentais que poden amortecer calquera foco de rebelión (Arabia Saudita, Golfo Pérsico) en aras de manter un arriscado status quo nunha rexión madura para os cambios nas que outros actores indirectos, como os movementos islamitas, poden verse politicamente afectados, persuadidos a adaptarse aos ventos en curso.

Paralelamente, Occidente veuse claramente superado por esta vaga de cambios, sorprendido pola magnitude dos mesmos e, especialmente, atenazado ante a caída de autócratas aliados como Ben Alí e Mubarak. Do mesmo xeito, a rebelión árabe deixa en suspenso a resolución de conflitos ancestrais como os casos palestino, saharauí e curdo, sen aparente solución efectiva a curto prazo.

Os precursores: Tunisia e Exipto.

A faísca espallada pola inmolación do tunisiano Bouzazi en decembro de 2010 intensificou unha mobilización popular contra a autocracia do entón presidente Zine el Abidine Ben Alí, no poder desde 1987, baixo un sistema de nepotismo, corrupción, autoritarismo e o espectro dunha crise económica nun país ironicamente considerado polo FMI como un “modelo de desenvolvemento” para o mundo árabe.

A caída de Ben Alí en xaneiro pasado deu paso a unha transición aparentemente estable, onde a “desbenalización” do sistema político tunisiano está dando paso á preponderancia doutros actores clave na mobilización popular, como a central sindical Unión Xeral de Traballadores de Tunisia (UXTT). A mocidade, auténtico factor clave das protestas e mobilizacións, intensifica as súas demandas ante a pesada herdanza do clan familiar de Ben Alí nas estruturas de poder.

Está prevista para o próximo 23 de outubro a elección dunha Asemblea constituínte que certifique a consolidación da transición post-Ben Alí mentres o autócrata está condenado a prisión, confiscados os seus bens materiais e a súa riqueza. Pero Tunisia transita por delicados equilibrios políticos, onde as elites do gobernante Partido da Reagrupación Nacional e o estamento militar seguen a conservar os verdadeiros resortes do poder.
Escenario similar se observa na veciña Exipto, expectante ante a caída do seu autócrata presidente Hosni Mubarak en febreiro pasado, tras tres décadas no poder, considerado o baluarte occidental de estabilidade no mundo árabe, especialmente á hora de conter ao poderoso movemento da Irmandade Musulmá. País cun peso decisivo na política rexional, o curso dos acontecementos en Exipto poden influír decisivamente na evolución dos acontecementos na rexión.

O Exipto post-Mubarak transita pola acción do poderoso poder do estamento militar e dunhas elites políticas inseridas no Partido Nacional Democrático. Pero o equilibrio político está garantido por un tácito acordo político coa Irmandade Musulmá, o inimigo político principal de Mubarak e da elite militar, a tenor dos resultados do referendo de reforma constitucional de abril pasado, que dará curso a unha Asemblea constituínte para finais de ano.

Pero as protestas volven a ocupar as rúas da mítica praza Tahrir, en clara advertencia de que a transición non debe ser irrestritamente guiada polos militares e o islamismo político. Non obstante, o Exipto post-Mubarak está dando mostras dun audaz cambio xeopolítico con consecuencias aínda inesperadas: ao arrefriamento das súas relacións con Israel e EEUU se engade a negativa do Goberno Transitorio de aceptar axudas financeiras do FMI e do Banco Mundial, en aras de “preservar a soberanía nacional”.

A guerra de Libia

O escenario abertamente discordante dos acontecementos no Magreb é a guerra interna en Libia, con intervención internacional trala aprobación no Consello de Seguridade da ONU en marzo pasado, dunha resolución 1.973 que permite unha zoa de exclusión área contra o réxime de Muammar al Gadafi, similar á existente entre 1991 e 2003 contra o Iraq de Saddam Hussein, nesta ocasión para favorecer a un inédito Consello Libio de Transición Nacional (CLTN), unha plataforma xa practicamente recoñecida por Occidente como o “lexítimo representantes do pobo libio”.

Tras cinco meses de guerra, bombardeos aéreos da OTAN sen avaliación legal, non estipulados na resolución da ONU, e unha marcada fragmentación territorial e política de Libia entre a Tripolitania dominada polo réxime “gadafista” e a Cirenaica en mans dos rebeldes da CLTN con apoio occidental, ninguén aposta por clarificar o futuro libio a curto prazo.

Tanto como unha dobre vara de medir, a crise libia confirma as contradicións de Occidente ante o curso das rebelións no mundo árabe, coa clara pretensión de sacar ganancias xeopolíticas coa caída dun lonxevo ex inimigo como Gadafi, acusado legalmente pola Corte Penal Internacional de crimes contra a Humanidade presuntamente pola represión contra as revoltas en febreiro pasado.

Pero sen ben é posible a caída ou voluntario desprazamento de poder por parte de Gadafi, resulta incerta a caída do seu réxime ou da súa estrutura de poder, especialmente pola configuración complexa de elites políticas de clans tribais e familiares incrustados nas altas instancias de poder e das milicias “revolucionarias”, así como a evidencia de que Gadafi aínda conserva notables apoios populares. O escenario mais clarificado é unha disolución do Estado libio en dúas entidades territoriais, Tripolitania e Cirenaica, onde Occidentes e as multinacionais do petróleo intensificarán o seu apoio aos rebeldes da Cirenaica para a explotación dos codiciados campos petroleiros e de gas natural.

Entre a represión e a guerra civil: Siria, Iemen e Bahrein

Desde febreiro pasado, Siria, Iemen e Bahrein viven as súas conxunturas máis críticas, en especial pola masificación dunhas protestas que colocaron aos seus respectivos réximes ante a posibilidade de disolución e unha posible guerra civil.

En febreiro en Bahrein, o réxime monárquico dominado pola comunidade sunnita contou co apoio das forzas militares sauditas para reprimir sanguentamente unha rebelión basicamente dominada pola comunidade xiíta, maioritaria no país. A perspectiva da caída dun aliado estratéxico no Golfo Pérsico para EEUU e Arabia Saudita, en especial ante a presunción de que Irán sacara ganancia xeopolítica, permitiu o silencio occidental e da ONU ante a represión en Bahrein, ironicamente nun momento en que intensificaban a súa presión contra o réxime de Gadafi en Libia.

Aparentemente desactivado o descontento en Bahrein, o réxime sirio de Bashar al Asad aplicou unha cruenta represión contra as mobilizacións populares que, segundo ONGs internacionais, ata o mes de xullo se calculaba en máis de 1.000 mortos, cunha crise de desprazados sirios cara as veciñas Turquía e Líbano.

A magnitude da crise levou ao presidente al Asad a promulgar a mediados de xuño unha serie de reformas e amnistías coa finalidade de desactivar unhas protestas que se concentraban nas rexións de Aleppo e Homs. A comezos de xullo impulsou un diálogo nacional con intelectuais e políticos, abertamente rexeitado pola oposición política.

Como en Bahrein e Iemen, a configuración étnica, relixiosa e tribal en Siria pode espallar unha guerra civil, toda vez el réxime de al Asad, basicamente dominado pola minoría aleví, pode verse seriamente contestado e deslexitimado trala represión. A ONU, por instigación de EEUU e Francia, impulsou unha condena contra o réxime de al Asad, pero manifestando unha ambigua posición, moi probablemente determinada pola indefinición da guerra en Libia.

Como no caso de Gadafi, Occidente observaría con beneplácito a caída do réxime de Bashar al Asad, aliado este de focos rivais para Washington como Irán e Venezuela e os movementos islamitas Hizbulah e Hamas. Pero, ao mesmo tempo, a inestabilidade siria, ante o posible espectro de “iraquización” do país, suporía igualmente un escenario delicado para Occidente.

Un caso excepcional é o de Iemen, fracturado por unha serie de protestas que, entre febreiro e marzo, semellaron reproducir os exemplos tunisiano e exipcio, coa caída da autocracia do presidente Abdullah Saleh, no poder desde 1978. Nese momento, Saleh prometeu unha reforma constitucional que imposibilitara presentarse a unha nova reelección presidencial en 2012. Pero a rebelión xa estaba activada.

A represión de Saleh deu paso á perda de apoio de diversas comunidades tribais e ao ataque dos manifestantes ao pazo presidencial, que levou á saída dun presidente fisicamente afectado polos ataques.

O que parecía considerar a caída dun Saleh refuxiado en Arabia Saudita deu paso á indefinición do poder político e militar, e á identificación dunha posible guerra civil nun país que viviu un prolongado conflito territorial, parcialmente amortecido trala reunificación de 1990. Tras diversas negociacións políticas, Saleh regresou ao país en xuño pasado. Pero dificilmente o Iemen atopará a estabilidade, sumida nun labirinto de rivalidades étnicas, de clans familiares e tribais que potencian a posibilidade dun retorno da guerra civil.

Inmunes á rebelión: os casos de Marrocos, Arabia Saudita e Irán

Tres casos imponse como significativos para observar cómo a Primavera árabe non necesariamente provocou rebelións e cambios políticos inmediatos en todos os países da rexión. Son os de Marrocos, Arabia Saudita e Irán e, como casos non menos importantes, Alxeria e Iraq.

De todos estes, Marrocos pode ocupar un rol esencial. A posibilidade dunha contestación popular contra o monarca Mohammed VI levou a Occidente, con Francia á cabeza, a activar un plan de continxencia urxente, a fin de non perder a un peón estratéxico como Rabat, cun destino similar ao acaecido en Tunisia e Exipto. A aparición do Movemento 20 de Febreiro (20F), con forte mobilización da mocidade, intensificou os temores da monarquía marroquí e de Occidente.

Unha forte mobilización dos movementos islamitas e de esquerda colocarían á monarquía alauíta nunha delicada posición. Velaí a opción monárquica da reforma constitucional, aprobada vía referendo o pasado 1º de xullo co 98,5% de apoio popular. Con iso, Mohammed VI, a súa monarquía e Occidente, atenazaban calquera contestación popular a través da lexitimación das reformas pola vía do voto.

Pero moitos observan estas reformas constitucionais como unha solución “cosmética” de Mohammed VI, cuxa posible diminución de poderes para a Monarquía a través dun reforzamento do Parlamento abre un escenario tan inédito como incerto. Paralelamente, a oferta de descentralización administrativa,coa posible autonomía rexional, tentaría desactivar o efecto do problema saharauí e a súa lexítima pretensión independentista.

Con menos acontecementos pero importante impacto están os casos de Arabia Saudita e Irán, rivais na concreción de pulsos de poder no Golfo Pérsico. A monarquía saudita practicamente non tivo que afrontar rebelións nin mobilizacións populares de importancia, pero tentou desactivar calquera foco de descontento a través de medidas de carácter populista, con plans sociais e axudas financeiras especialmente orientadas cara as comunidades inmigrantes no reino saudita.

Pola súa banda, o réxime iraniano activou inmediatamente un plan de seguridade nacional que evitara a crise interna postelectoral presentada en xuño de 2009, coa polémica reelección presidencial de Mahmud Ahmadíneyad. A crise iraniana de 2009 serviu igualmente como catalizador da rebelión árabe de 2011, en especial ante as demandas de cambios no réxime teocrático de Teherán e o efecto da mobilización a través das redes sociais. Actualmente, o acontecer iraniano da conta dun pulso de poder entre o Gran Aiatolá Alí Jamenei e Ahmadíneyad, un pulso que ben pode revelar escenarios importantes en Teherán e, incluso, a concentración da atención para evitar unha contestación popular de gran envergadura.

Casos menos relevantes son os de Alxeria e Iraq, aparentemente inmunes á rebelión. O presidente alxerino Abdelaziz Bouteflika prometeu reformas inconclusas mentres o estamento militar concentra celosamente un poder omnímodo pero igualmente atenazado pola hipotética reprodución en Alxeria das crises siria ou libia. No caso iraquí, sen protestas populares de maior consideración, o escenario está concentrado na retirada militar estadounidense prevista para 2011 e 2012 e unha transición de poder con características incertas.

Unha nova xeopolítica rexional

Independentemente do curso dos acontecementos, a rebelión árabe de 2011 modificou notablemente o mapa xeopolítico no Magreb, na área mediterránea e en Oriente Próximo.

En primeiro lugar, abórdase unha perspectiva propiamente árabe sobre o modelo político e de desenvolvemento que as súas sociedades precisan e demandan. As ansias de democratización de réximes anquilosados en estruturas de poder nepóticas, autocráticas e corruptas, algunhas delas ligadas co beneplácito occidental como nos casos tunisiano e exipcio, supoñen un factor inédito, quizais precedido nos anos 1950 coa conciencia panárabe.

Paralelamente, as sociedades árabes demandan un nivel de progreso socioeconómico e de mobilización social e profesional. O decisivo factor de mobilización determinado pola profusión de redes sociais interpreta un importante nivel de formación profesional e cultural en sociedades basicamente mozas.

Este escenario interpreta un cambio de orientación xeopolítica non exactamente ligado aos parámetros de actuación e influencia occidental, principalmente de EEUU. A rebelión árabe explica a falta de iniciativa e influencia de Washington e dos seus aliados, un aspecto que pode ser claramente explicado polo novo papel que pode adquirir Exipto, tradicionalmente un país líder no mundo árabe. Ao menos en aparencia, a transición exipcia observa unha maior consideración a concentrar a súa atención nas demandas das sociedades árabes, afastándose levemente da preponderancia da súa alianza con Israel e EEUU.

Precisamente, tanto como a Occidente, a rebelión árabe atrapou por sorpresa a Israel, con escasa capacidade de reacción para interpretar o curso dos cambios e os incertos escenarios que se abren a partir de agora. Un aspecto que enlaza directamente co caso palestino, atenazado por esta vaga de acontecementos precisamente nunha conxuntura marcada pola posible proclamación da independencia palestina, prevista para setembro próximo, desta vez co hipotético aval da ONU.

Se a incerteza dos cambios aínda suporá un escenario a medir a mediano prazo, outro actor como o islamismo político vese actualmente nunha disxuntiva complexa, persuadido a iniciar un proceso de reforma da súa actuación política para atender as demandas reais que precisan as sociedades árabes. Un rol que poden adquirir neste sentido a Irmandade Musulmá exipcia ou o partido AKP no poder en Turquía.

Entre as complexas transicións tunisiana e exipcia, a guerra libia, a inestabilidade siria e iemenita e o aparente “gatopardismo” en Marrocos, Arabia Saudita, Irán, Alxeria e outros países, a rebelión árabe aborda un segundo momento, tendente a identificar ata qué punto a rexión está cambiando e os ventos de democratización, como ocorrera na ex Europa socialista, poden consolidarse.