A rebelión iraniana

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego

É posible repetir no actual Irán os acontecementos ocorridos no espazo ex soviético, especificamente en Xeorxia (2003) e Ucraína (2004)? Todo apunta a que a teocracia iraniana, temerosa dunha rebelión popular que irremediablemente afectará a súa estrutura de poder, optará pola represión botando man dos corpos de seguridade, principalmente os Gardiáns da Revolución Islámica e outras milicias armadas, como os Bassijs.  Tras varios días de violentos disturbios en Teherán, a situación interna da conta dun complexo escenario.

O embrollo iraniano deixa entrever diversos escenarios abertos. Está por ver se, efectivamente, existiu un fraude electoral masivo a favor de Ahmadineyad nos comicios presidenciais do pasado venres 12, tal e como denuncian os partidarios do candidato opositor Musaví. Nun réxime caracterizado pola ríxida concentración de poderes en mans do gran aiatolá Alí Jamenei, pódese cuestionar se a vitoria de Ahmadíneyad foi tan contundente como amosaron os resultados, tendo en conta que a medición de forzas antes dos comicios interpretaban unha marcada polarización e a posibilidade de celebración dunha segunda volta, con perspectivas difíciles para a reelección do actual presidente.

Pódese, igualmente, considerar que as ansias de apertura da mocidade iraniana (o 70% da súa poboación) sexa un “caldo de cultivo” importante para dar curso a unha rebelión popular. A primeira xeración de iranianos nacidos baixo a revolución islámica demanda unha serie de cambios e aperturas en diversos eidos que, especificamente, van ligados ao exterior. Pode que a crise actual, manifestada por un presunto fraude electoral, diversifique unha serie de demandas de cambios que, en calquera momento, poden ocorrer no país persa.

Paralelamente, ninguén dubida que existen iguais ansias exteriores para que se materialice a caída do réxime teocrático iraniano. EEUU e Israel, así como diversos países árabes, especificamente do Golfo Pérsico, temen o ascenso xeopolítico dun país que busca asentarse como potencia nuclear. Como sucedera na ex Iugoslavia de Milosevic e, posteriormente, en Xeorxia e Ucraína, é tamén posible a manifestación de diversos factores de poder en Occidente dentro da crise iraniana, desexosos de espallar unha rebelión que dera paso a un goberno mais pro-occidental.

Non obstante, existen dúbidas sobre a capacidade real da oposición iraniana, basicamente concentrada no denominado sector reformista, para saír airosa desta crise. Musaví, quen reapareceu en público este luns 15 durante unha gran manifestación tras estar dous días practicamente desaparecido, tenta erixirse como o abandeirado dunha rebelión politicamente desestruturada. Aínda que, se a represión da curso a un auténtico baño de sangue, pode que se manifesten fisuras na estrutura de poder.

Polo contrario, é posible que moitas das claves da rebelión iraniana estean igualmente manifestadas por loitas intestinas, especificamente debuxadas nos intereses do aiatolá Jamenei e de dous ex presidentes radicalmente opostos a Ahmadíneyad, como son os casos de Mohammed Jatamí e Alí Akbar Rafsanjani, este último considerado o home máis rico do país. Paralelamente, estas loitas poden manifestarse dentro dos grandes órganos dirixentes do país, como son o corpo dos Gardiáns da Revolución, a Asemblea de Expertos (que reúne aos grandes aiatolás) e o Consello do Discernimento, presidido por Rafsanjani.

En todo caso, con independencia do pulso político interno e do violento enfrontamento nas rúas (coas primeiras vítimas mortais) o termómetro político iraniano anuncia momentos importantes de cambio, que colocan a este país nun epicentro estratéxico. Pero pode que a desestabilización iraniana sexa, igualmente, un escenario aínda mais perigoso.