A saúde de Chávez

Diversas especulacións ocupan o escenario político venezolano ante a repentina e prolongada ausencia do seu presidente Hugo Chávez, operado de urxencia en Cuba a principios de mes tras unha xira que levouno por Brasil, Ecuador e a illa caribeña. Dende entón, o notorio e comprensible “silencio oficial” tanto en Caracas como na Habana sobre o estado real da saúde de Chávez, así como as estratexicamente calculadas aparicións e noticias sobre o presidente venezolano, producen unha inevitable analoxía co ex presidente cubano Fidel Castro, oficialmente apartado do poder desde 2006 por razóns de saúde.

Obviamente, a momentánea “desaparición” de Chávez intensifica o mar de rumores dentro e fóra de Venezuela, unha sociedade acostumada ás diarias intervencións presidenciais nos seus doce anos de goberno. Resulta evidente que Chávez constitúe o actor principal que marca as pautas e dita practicamente o curso do acontecer público venezolano. Por tanto, a súa repentina ausencia contribúe tamén a medir o pulso político actual, claramente identificado en torno a unha especie de precampaña electoral de cara aos comicios presidenciais de decembro de 2012.

Dentro deste mar de especulacións, compre salientar o rol que está adquirindo o actual vicepresidente Elías Jaua, cuxa xuventude (41 anos) e probada experiencia gobernamental en diversos cargos políticos e diplomáticos, augúralle unha carreira prolífica dentro do “chavismo”. Consciente do seu papel institucional, Jaua ven ocupando o espazo ausente de Chávez en actos políticos e aparicións televisivas, con claros visos de reforzar a normalidade institucional mentres asegura a pronta recuperación e regreso ao país do presidente venezolano.

Un regreso que se calcula selado no calendario de cara ao próximo 5 de xullo, durante os actos de celebración do 200 aniversario da firma da acta da independencia venezolana, acaecida en 1811. Deste modo, o regreso de Chávez identificaríase como un acto de simbolismo histórico e político, con claras expectativas de relanzamento da súa popularidade, calculada en torno ao 51% segundo a enquisadora de carácter oficialista GIS XXI.

Non obstante, esta conxuntura marcada pola ausencia de Chávez e os rumores sobre a súa presunta enfermidade (que identifican cun cancro) acelera as cartas electorais e políticas venezolanas con miras aos comicios de 2012. A pesar da elevada inflación (considerada a maior do continente), do impacto da recesión económica global e da asfixiante inseguridade cidadá, incluso extensiva dentro dunha grave crise penitenciaria, Venezuela está a piques de experimentar un novo boom de crecemento económico, en particular ante a recuperación dos prezos petroleiros.

Deste modo, o goberno de Chávez ten na súa man a posibilidade de manexar un gasto público expansivo, que orientaría principalmente de cara ao seu actual “campo de batalla”, o sector inmobiliario, visiblemente paralizado e golpeado polos recentes desastres naturais, en especial das choivas. O goberno venezolano espera construír 2 millóns de vivendas nos próximos seis anos, perspectiva obviamente calculada en torno a unha posible e nova reelección de Chávez no 2012.

Pola súa banda, a oposición, basicamente organizada en torno á Mesa da Unidade, intensifica as súas críticas ante o “silencio oficial” pola saúde de Chávez. Críticas que se ben son comprensibles ante unha conxuntura manifestada pola ausencia presidencial e o seu impacto institucional, non deixan de estar igualmente identificadas cara obvias perspectivas electorais.

A Mesa da Unidade elixirá a súa candidatura presidencial nunha consulta aberta pautada para febreiro de 2012, pero en diversos círculos se especula coas fortes opcións que ten Henrique Capriles Radonsky (39 anos), actual gobernador do populoso e politicamente estratéxico estado Miranda, como abandeirado electoral dunha oposición tradicionalmente atomizada, que enfrontaría a Chávez nos comicios de decembro de 2012.

Precisamente, meses atrás, o propio Chávez impulsou unha futura candidatura de Jaua no estado Miranda, con claras expectativas por minar as opcións políticas e electorais de Capriles Radonsky. Incluso, a actual ausencia de Chávez deu pe a que determinados sectores políticos, tanto dentro do goberno como da oposición, mediran a viabilidade dun hipotético “chavismo sen Chávez”, posiblemente identificado en torno á figura de Jaua. En todo caso, a única certeza sobre a polémica en torno á saúde de Chávez e a súa repentina ausencia política se orienta en identificar os escenarios dunha próxima confrontación política e electoral en Venezuela.