A tráxica penitencia de Gaza

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Os derradeiros informes aseguran que uns 90 palestinos morreron a semana pasada debido ás accións militares israelís contra militantes da agrupación islámica Hamás, aparentemente fortalecidos na franxa de Gaza. A morte de dous nenos na cidade israelí de Sderot, producto dun ataque atribuido a Hamás, foi o detonante da operación "Días de Penitencia", unha operación militar ordeada por Ariel Sharon, onde uns 200 tanques e vehículos armados coa máis alta tecnoloxía letal, enfrontánse a milicias e poboación civil, armados coas tradicionais kalashnikovs e bombas caseiras. (Foto: Varios palestinos transportan a un xoven ferido no campo de refuxiados de Jabaliya-Gaza, 30/09/2004).
 

Non se atisba unha solución política ao drama entre palestinos e israelís. A recente incursión na franxa de Gaza indica que a ecuación militar constitúe a única vía que avanza con maior contundencia, reflectida pola interminábel rivalidade entre Sharon e Arafat, a intransixencia israelí cara o pobo palestino, caos na dirixencia palestina e a ineficiencia internacional para atopar unha saída negociada e pacífica. Ao cumprirse o cuarto aniversario da "segunda Intifada" e coa tan manipulada "Folla de Ruta" en punto morto, a crise de Gaza revela unha situación insostíbel, un labirinto enmarañado aparentemente sen xanela para a paz.

Os derradeiros informes aseguran que uns 90 palestinos morreron a semana pasada debido ás accións militares israelís contra militantes da agrupación islámica Hamás, aparentemente fortalecidos na franxa de Gaza. A morte de dous nenos na cidade israelí de Sderot, producto dun ataque atribuido a Hamás, foi o detonante da operación "Días de Penitencia", unha operación militar ordeada por Ariel Sharon, onde uns 200 tanques e vehículos armados coa máis alta tecnoloxía letal, enfrontánse a milicias e poboación civil, armados coas tradicionais kalashnikovs e bombas caseiras. O drama dos miúdos volveu a repetirse coa morte de 27 nenos palestinos o martes pasado, tralos reiterados bombardeos israelís das derradeiras semanas.

Tralo desenvolvemento da crise, Exipto intentou recuperar a súa tradicional influencia política na rexión, amosando a intención de propiciar conversas co goberno israelí e a Autoridade Palestina para un cese o fogo. A infructuosa manobra do goberno de Hosni Mubarak foi completada co ataque terrorista contra un balneario frecuentado por cidadáns israelís, na provincia de Sinaí. Resultado: trinta e oito mortos e ducias de feridos. O goberno Sharon acusou inmediatamente a Al Qaeda, aínda que a autoría tamén puido ser obra dos numerosos grupos extremistas exipcios, moi motivados trala incursión israelí en Gaza. Polo momento, o grupo Yamaa al Islamia condenou o atentado, pero xa a traxedia palestina e israelí viña marcada pola impronta do terrorismo global.

A comunidade internacional asiste como un "convidado de pedra" a unha crise que non sabe cómo solucionar. A petición dos gobernos árabes de condenar na ONU a incursión israelí foi boicoteada por EEUU no Consello de Seguridade o mércores pasado. O goberno israelí acusou á Asociación de Beneficencia das Nacións Unidas e á Axencia dos Refuxiados Palestinos de colaborar cos militantes de Hamas, a través do transporte de misís nas súas ambulancias. A Unión Europea e Rusia, os outros garantes da moribunda Folla de Ruta, non fixeron ningún movemento político de presión ou condena. E tanto Bush e Kerry, empantanados na discusión sobre Iraq, coidáronse moi ben de non posicionarse a respecto da crise palestino-israelí, atenazados pola necesidade de contar co voto xudeu nas eleccións de novembro. Polo tanto, o illamento da crise de Gaza beneficiou a Israel e, posiblemente, podería beneficiar aos grupos extremistas palestinos no futuro máis preto, onde Hamas leva a voz cantante.

A caótica situación de Gaza tamén revela a incapacidade da Autoridade Palestina, unha institución en fase de ruptura, especialmente no seo do grupo Al Fatah liderado por Arafat. Isto é aproveitado por Sharon e os grupos ultradereitistas israelís para iniciar a campaña final de arrase das institucións políticas e sociais palestinas. Arafat amosa un letargo político manifesto, mentres os numerosos grupos de seguridade palestinos, os clans políticos e outros grupos de poder, profundizan unha loita feroz polo liderazgo, unha especie de "guerra civil" encuberta. Do mesmo xeito, os sectores moderados manteñense illados da estructura de poder. Pola súa banda, Gaza é un escenario case controlado polas milicias de Hamás, Yihad Islámica e algunhas das Brigadas dos Mártires de Al Aqsa, o grupo que saíu da Intifada de setembro de 2000 e que non semella contar cunha grande receptividade na sociedade palestina. Pero, paradoxalmente, quen rendabiliza políticamente a crise en Gaza é o grupo Hamás, cada vez máis popular e militante.

No bando israelí, a pesar da división social e política interna que ameaza con rebentar as estructuras de poder, as medidas represivas de Sharon diríxense tamén contra os sectores contestatarios, a quen se lles acusa de "traizón". As voces de disenso son silenciadas nunha prensa cada vez mais decantada cara o poder. Pero, ao mesmo tempo, o descontento pola "solución militar" de Sharon vai en aumento. Uns manifestan oposición ao plan de retirada militar de Gaza no 2005, mentres outros piden a berros retomar o diálogo coa alicaída Autoridade Palestina, a fin de que ésta non sexa dominada polos grupos extremistas. A crise de Gaza é, paralelamente, unha encrucillada para israelís e palestinos.