20080721 dublin no to lisbon

A Unión Europea nun futuro de imperios

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Non ao Tratado de Lisboa; clic para aumentar
O voto irlandés ten unha dimensión antiimperialista que parece que non queren ver algúns europeistas. A República de Irlanda forxouse nun enérxico proceso de emancipación do imperio británico. Tenlle moito apego á súa tradición de neutralidade e antiimperialismo. E por iso está millor situada para ver as ambicións imperiais que se agochan na UE. (Foto: "Non ao Tratado de Lisboa").
 

Xa van acalmando as respostas dos comentaristas á negativa dos irlandeses a ratificar o Tratado de Lisboa. Así decidiron os irlandeses, que son os que mandan, ou deben mandar na República de Irlanda. Algunhas das reaccións galegas manifestan a devoción aldraxada dos crentes incondicionais nun curso implacábel da historia. Curiosa crenza en quen se diga demócrata, pero xa se viron outras semellantes en defensores do centralismo democrático de outrora. Como si agora o centro que sabe cál é o voto "correcto" estivese nun politburó residente en Bruxelas.

Chama a atención tamén neses devotos galegos da UE o desprezo por Irlanda: un país pequeno poboado por iñorantes, que só ollan para o seu embigo. Sería intolerábel que a súa vontade desvíe o fermoso proxecto inevitábel.

Convirá remontarse a unha perspectiva xeopolítica máis ampla. O voto irlandés ten unha dimensión antiimperialista que parece que non queren ver algúns europeistas. A República de Irlanda forxouse nun enérxico proceso de emancipación do imperio británico. Tenlle moito apego á súa tradición de neutralidade e antiimperialismo. E por iso está millor situada para ver as ambicións imperiais que se agochan na UE.

Caracteriza aos imperios a vontade de impor un control político e económico sobre actores periféricos, unhas veces por anexión formal e outras por diversos xeitos de dominación política e económica que reducen coactivamente a soberanía deses actores frustrados. É verdade que a UE non invadeu polo de agora a ninguén, que non conquista senón que invita. Pero esas invitacións son cada vez máís parecidas con as "ofertas que non poden recursarse" das varias mafias.

Pode verse unha boa análise desa natureza imperial da UE nun libro recente aínda de Harold James: "The Roman predicament: how the rules of international order create the politics of empire" (Princeton University Pressm 2006). Poderá decirse que é una visión estadounidense do problema, pero nada como un imperio para albiscar un contrincante imperial. E alumea moito ver como un imperio en activo adiviña tendencias imperiais nun contrincante e toma como referencia o gran exemplo do Imperio Romano.

Todos os imperios gostan de apresentar faciana benévola. Preocupa que o drama internacional se estexa configurando con protagonistas imperiais. Dous xa visibeis, o chinés emerxendo, e xa veremos qué outros. E non todos terán forma de superestado, pero ese é outro cantar.

Outra voz de alerta acaba de vir do outro extremo xeográfico da Unión: Grecia. Hai poucos días sentimos falar na London School of Economics ao anterior primeiro ministro socialista de Grecia, Costas Simitis, sobre os perigos que corre a democracia. Decía que un deles é a deixazón de poderes a Bruxelas. Tamén Grecia tivo que se emancipar dun imperio, o otomano. E semella que sabe, ademáis, canto nos estamos afastando no continente europeo das condicións en que a democracia naceu na politeia ática.