Co seu discurso sobre o Estado da Nación o pasado martes 31, o presidente George W. Bush semellou iniciar, dun xeito informal, a campaña electoral do partido Republicano cara as eleccións lexislativas de novembro próximo e, probablemente, das presidenciais de 2008. Cun ton mais discreto, aínda que non menos rimbombante, Bush identificou determinados temas que ocuparán a atención do seu goberno e da sociedade estadounidense nos próximos meses neste ano que se vislumbra decisivo para a súa presidencia.
Afastando a marcada tendencia a imprimir nas súas palabras constantes referencias relixiosas, evanxélicas e triunfalistas sobre a situación mundial e as potencialidades estadounidenses, Bush delimitou os escenarios clave da súa atención. Neste sentido, resulta obvia a preponderancia de Irán, principalmente encadradas en factores nucleares, enerxéticos e xeopolíticos, así como a súa referencia á incerta transición palestina con Hamás ou a situación da loita contra o terrorismo global. Sen animo de cambiar de enfoque, a seguridade nacional segue a ser o principal reclamo do discurso de Bush.
Non obstante, o mais notorio da súa mensaxe foi o énfase no tratamento da dependencia enerxética de EEUU e os riscos que isto supón para o principal consumidor mundial de petróleo. Bush recoñeceu a necesidade de atopar novas fontes de enerxía, mencionando un incremento orzamental na investigación e desenvolvemento en materia nuclear e de enerxía alternativa, principalmente hidráulica, nuclear, xeotérmica e solar. Con acento crítico, mencionou a "adición ao petróleo"da sociedade norteamericana, cuxo subministro provén de "rexións inestables", polo que resulta necesario configurar unha estratexia a longo prazo.
Velaí a súa proposta oficial de reducir nun 75% esta dependencia, principalmente "do petróleo de Oriente Medio", para o ano 2025, cando na actualidade EEUU tan só consume o 20% do petróleo desa rexión. Este cálculo temporal xa estaba formulado no informe sobre a Política Nacional de Enerxía elaborado por Dick Cheney e na creación no 2001 dun Grupo de Desenvolvemento dunha Política Enerxética Nacional.
Unha nova xeopolítica enerxética
Resulta curioso e interesante que estas palabras proveñan dun presidente cuxa principal estrutura de poder está baseada en personalidades vinculadas ao mundo petroleiro e enerxético. Tanto coma Bush, o vicepresidente Dick Cheney e a secretaria de Estado, Condoleeza Rice, posúen un amplo currículo profesional e de contactos nas multinacionais enerxéticas. Bush e Cheney son os principais alentadores da exploración e explotación de novos campos petroleiros, principalmente en Alaska e o Ártico. Todo isto sen esquecer os evidentes intereses petroleiros existentes detrás da invasión militar a Iraq.
Pero existen outras claves na necesidade de incluír palabras como "adición" e "diminución", así como en cualificar as "rexións inestables" como referencias para deseñar unha estratexia enerxética para EEUU nos próximos 20 anos. Esta advertencia a realiza Bush a un electorado afectado polos elevados prezos do mercado petroleiro e a inestabilidade dos países produtores, nun momento no que a súa presidencia observa os máis baixos índices de aceptación popular, limitados a un 40%. A mente de Bush está, polo tanto, enfocada na urxencia de manter ou incrementar a presenza republicana no próximo Congreso nacional que saia dos comicios lexislativos, utilizando para iso a preocupación enerxética como estratexia electoral.
A xeopolítica da enerxía para os próximos 25 anos semella traducir en convulsión e inestabilidade as palabras de Bush, pero a realidade non é tan apocalíptica. Tomando en conta a famosa "teoría de Hubbert" sobre o cénit da produción petroleira, o declive final do mundo do petróleo aínda pode durar mais de medio século, entanto as plataformas en augas profundas conserven os actuais xacementos. Pero a mudanza mais significativa consiste en que o gas natural representará o 50% da demanda mundial nos próximos decenios.
En tanto a novos consumidores e produtores, os cálculos establecen a cada vez maior preponderancia de China e, incluso, a India, e a súa influencia nas decisións que se tomen no taboleiro enerxético global. China é o segundo consumidor mundial de petróleo, cun espectacular incremento do 140% na derradeira década, principalmente das reservas cubicadas en Oriente Medio e, especialmente, Irán. Nesta rexión están cinco dos seis principais países con reservas superiores aos 75.000 millóns de barrís de crú.
Entre Chávez e Putin
Mentres a OPEP amosa unha franca redución da súa influencia no mercado mundial, a atención de EEUU (e tamén de Europa) comeza a centrarse en países como Venezuela e Rusia e as estratexias enerxéticas dos seus respectivos líderes, Hugo Chávez e Vladímir Putin. Chávez utiliza a arma petroleira como un móbil efectivo para reducir a dependencia do consumo estadounidense e ampliar o mercado venezolano cara países como China, Irán e Rusia.
Pola súa banda, e tralas recentes experiencias de corte de subministro a Ucraína e Xeorxia que afectaron indirectamente a Europa occidental, Washington e Bruxelas xa coñecen a capacidade política manipuladora de Putin para manexar a impresionante industria petroleira rusa.
¿Son, entón, Venezuela, Rusia, Irán, Oriente Medio e, incluso Bolivia e o mar Caspio, as "rexións inestables" ás que se refería Bush no seu discurso? A perda de influencia en países hemisféricos como Venezuela e Bolivia, a frontal confrontación con Irán e as tensións en Oriente Medio obrigarían a Washington a enfocar a súa atención noutros socios.
En América Latina, Chávez constitúe o activo militante mais inquietante para Washington, fomentada pola súa "diplomacia revolucionaria e petroleira", plasmada en diversos acordos rexionais, na vitoria de Evo Morales en Bolivia e na aprobación da proposta de construír un gasoduto de 10.000 km. entre Venezuela, Brasil e Arxentina, proxecto previsto a finalizar no 2011. Outro escenario de importancia é México, un dos principais exportadores de hidrocarburos cara EEUU. As eleccións de xullo poderían dar a vitoria ao líder de centroesquerda Manuel López Obrador, o cal podería modificar (aínda que non substancialmente) a relación enerxética entre ambos países.
Con este panorama, a política enerxética de Bush se calcula baixo o parámetro de que un fracaso na consecución de socios subministradores e novas fontes afectaría enormemente á seguridade nacional estadounidense. Sen esquecer a importancia do Golfo Pérsico e o mar Caspio, en Washington poden estar axilizando unha maior atención cara África, América Latina e, especialmente, Rusia, tomando en conta a frenética política petroleira de Putin e a consolidación do seu poder político.
En Moscova deseñan unha dinámica política de rutas de oleodutos e gasodutos dende o mar Caspio e o mar Báltico cara Europa occidental e, noutro hemisferio, dende Siberia ata, probablemente, Alaska, co cal o petróleo ruso ingresaría no mercado estadounidense. Deste xeito, non sería descavillado perfilar unha posible alianza enerxética entre Bush e un Putin que tamén ve a China como o seu principal rival, principalmente en Asia Central e Oriental.