Este artigo fai parte do Informe anual "IGADI Annual Report 21-22: Desorde pandémica, interdependencias e guerra"
Afganistán no mundo

Afganistán: da crise ignorada do campo á guerra sen armas

Na historia recente de Afganistán, 2021 ocupará un lugar especial coa saída das tropas americanas e internacionais e a chegada ao poder dos talibán1 de novo. As imaxes de xente aferrada desesperadamente ao tren de aterraxe e despegue dun avión teñen visos de se converteren nunha icona histórica. Contarán a fin da ocupación estranxeira para uns; o fin da misión para outros.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

Na historia recente de Afganistán, 2021 ocupará un lugar especial coa saída das tropas americanas e internacionais e a chegada ao poder dos talibán1 de novo. As imaxes de xente aferrada desesperadamente ao tren de aterraxe e despegue dun avión teñen visos de se converteren nunha icona histórica. Contarán a fin da ocupación estranxeira para uns; o fin da misión para outros.

O repregamento das tropas americanas e internacionais desequilibrou a balanza e foi a clave para que as forzas insurxentes talibán lograran facerse co control da antiga República Islámica, hoxe Emirato Islámico. O goberno non caeu de súpeto, nin houbo ningunha sorte de Blitz (guerra lósterego) talibán por moito que se teime nese conto. O 15 de agosto de 2021 foi produto de anos de loita armada, de conquista progresiva de zonas rurais, e de inseguridade constante nas grandes cidades. A febleza dun goberno deostado pola opinión pública e a rendición eventual dunha gran parte das forzas de seguridade fixeron o resto. O apoio popular foi clave para que os talibán puideran avanzar con forza na última ofensiva primaveral ata conquistaren as grandes cidades. O blitz que se sentiu en Occidente foi apenas o estrondo do edificio que colapsou.

O relato occidental tamén obvia a miúdo a grande dificultade de controlar un país eminentemente rural (sete de cada dez afgáns vive no campo) e con infraestruturas terrestres deficientes que implican un nivel de interconexión territorial aínda moi limitado. Estas características xeográficas e orográficas son un dos motivos polos que nunca chegou a existir un estado que exercerá un control efectivo sobre a totalidade do territorio, nin sequera co apoio militar estadounidense.

Na mesma liña, se ben é certo que a caída do goberno de Ashraf Ghani o pasado 15 de agosto provocou unha crise sen precedentes nas zonas urbanas, as zonas rurais teñen sido as grandes esquecidas. Como adoita acontecer, o campo ficou nun segundo plano malia a súa grande transcendencia: o 80% da poboación depende directa ou indirectamente de medios de vida rurais: da agricultura, gandería ou pastoreo.

A crise ignorada do campo

Porén, a fame non chegou ás zonas rurais coa nova administración talibán. A situación humanitaria xa era moi delicada con anterioridade. Entre as caEE. UU.s principais, o constante conflito armado, as consecuencias derivadas da pandemia (diminución de remesas), un alto nivel de desemprego e unha seca moi severa (a terceira peor nos últimos 36 anos e segunda consecutiva), que afectou a meirande parte do país (25 das 34 provincias). Segundo o último informe IPC (Clasificación Integrada de Fases, polas siglas en inglés) de seguridade alimentaria publicado por Nacións Unidas antes do cambio de réxime, nese período un de cada tres afgáns atopábase en niveis de crise ou emerxencia de inseguridade alimentaria. Isto quere dicir que uns catorce millóns de persoas xa non sabían cando volvería a comer nin que, con todo o que iso implica, en particular para o desenvolvemento das crianzas.

Con ese panorama, a toma do poder talibán trouxo dúas consecuencias principais para o mundo rural.

Por unha parte, a guerra terminou. Isto supuxo un grande alivio para moitas zonas rurais, que foron o escenario onde realmente se librou o combate por tomar o poder do país nos últimos anos. Cómpre insistir en que o conflito armado malia non ter sido noticia a miúdo en occidente, e cobrouse milleiros de vidas cada ano, tanto de combatentes coma de civís. Tamén convén sinalar o consenso xeral de que os últimos meses teñen sido probablemente o período máis pacífico dos últimos 40 anos.

Por outra parte, o relevo no poder precipitou unha crise económica de dimensións descoñecidas para o país. A evacuación de máis de cen mil persoas pertencentes, na súa maioría, a unha capa media-alta da sociedade urbana, con estudos e alto poder adquisitivo, unida a suspensión inmediata de toda a axuda ao desenvolvemento, traducíronse de inmediato nunha crise de liquidez que deu nun corralito; mais sobre todo nunha destrución masiva de emprego que golpeou á toda a economía. A billa dos salarios públicos pagados con axuda ao desenvolvemento, que sostiña os servizos públicos, secou. Eses cartos que manaba filtrábanse a toda a economía afgá até as zonas rurais e remotas; quer na produción agrícola estritamente, quer por medio doutro tipo de oportunidades de gañar o xornal para a xente do campo. Todo iso desapareceu. Neste caso si, dun día para outro.

Nun contexto de seca severa e prolongada, esta sacudida supuxo un novo punto de inflexión para as zonas rurais.

Provocada polo complexo fenómeno meteorolóxico La Niña, a seca botou a perder as colleitas de zonas agrícolas dependentes da chuvia; as zonas de regadío puideron capeala un pouco mellor, mais a colleita estímase que só alcanzou o 75% da media. Sen unha colleita ou produción gandeira suficiente, e sen ningún outro tipo de axuda ou alternativa, moitos agricultores e gandeiros altamente endebedados pola seca prolongada víronse, e seguen véndose, abocados a se desfaceren con gran desespero dos seus únicos medios de vida para seguiren comendo. É o último resorte para evitar fuxir cara a miseria que atoparán nas zonas urbanas ou na emigración.

A agricultura tamén sufriu as consecuencias do illamento internacional dos talibán e da consecuente suspensión dos programas gobernamentais financiados pola axuda ao desenvolvemento. O programa do Ministerio de Agricultura, Gandería e Rego de distribución de sementes de trigo, o cultivo principal do país, é un exemplo. O programa suspendeuse e as empresas de produción de sementes perderon ao seu comprador maioritario. Os agricultores non podían permitirse o custo, nin tiñan sementes aforradas da pésima colleita do ano anterior. En dous meses, o trigo tiña que estar plantado. Neste caso concreto, foi a axencia de alimentación e agricultura das Nacións Unidas, a FAO, que se converteu no seu único comprador para distribuír este gran como axuda humanitaria. Doutro xeito e sen compradores, estas empresas terían pechado. A suspensión deste programa e as consecuencias son un exemplo de como o sistema pende dun fío e podería colapsar. Ata cando esta guerra sen armas?

Organizacións internacionais e ONG están intentando soster este sistema levado ao límite, mentres non deixan de lembrar a súa incapacidade para lograr tal tarefa, así como a necesidade de reactivar a economía inmediatamente. A capacidade de resiliencia do pobo afgán é notoria e recoñecida, mais ata cando se pode soster esta situación na que un de cada dous afgáns pasa fame (case 23 millóns de persoas), e máis 1,3 millóns de nenos sofre malnutrición severa crónica, é dicir, corren o risco de morrer (por non falar das consecuencias que arrastrarán en todo caso no seu desenvolvemento)? De feito, hai nenos morrendo de fame. Cales van ser as consecuencias a medio e longo prazo? Está o imperativo humanitario contribuíndo a xerar un ciclo perverso de dependencia de axuda humanitaria (por pura necesidade, obviamente non por vontade propia do pobo afgán, porque ninguén quere vivir da caridade)? Ou estase EE. UU.ndo o imperativo humanitario como pretexto para encaixar outras medidas (sancións) económicas, supostamente contra os talibán? Todas estas preguntas flotan no aire do tira e afrouxa entre os talibán e o resto de actores da comunidade internacional.

Pola súa banda, os talibán afrontan a tarefa complicada de contentar ás distintas sensibilidades dun movemento caracterizado tradicionalmente polo seu carácter policéntrico, no que o liderado supremo parece estar a impoñer os seus designios con decisións recentes, como por exemplo non permitir reabrir as escolas para as rapazas. En calquera caso, o grupo ultra conservador islámico atópase entre a espada do Estado islámico e a parede do bloque occidental de doantes. O grupo terrorista Estado Islámico do Korasán (Gran Jorasan) continúa a atraer a moitos dos fervorosos combatentes talibán que non están dispostos a ceder na súa interpretación conservadora da lei e relixión islámica, polas que loitaron e puxeron as súas vidas en perigo.

Por outra parte, os doantes tradicionais, europeos na súa maioría baixo o liderado estadounidense, non ceden na súa presión por garantir os dereitos das mulleres e minorías, así como esixir a formación dun goberno inclusivo de todas as etnias do país, como requisitos para recoñeceren á nova administración. Os talibán teiman en que eses son asuntos internos que non lle compete decidir a ningún outro país. A súa interpretación da lei islámica non é negociable.

Non obstante, todas estas cuestións transcendentais poden semellar triviais ante a orde executiva asinada polo presidente Biden o 11 de febreiro de 2022. A orde dispón que parte dos fondos afgáns depositados no banco da Reserva Federal en Nova York (3500 millóns de dólares americanos en fondos de divisas, reservas dos bancos comerciais afgáns, e aforros da xente común) quedan retidos para poder pagar potenciais compensacións ás vítimas do 11 de setembro. (Cómpre lembrar que ningún afgán participou nos ataques do 11 de setembro.) Sen entrar no por que desa decisión americana, a carraxe no pobo afgán cara os Estados Unidos medra cada día ante o que se percibe coma un roubo. Os expertos apuntan que a perda destes fondos podería supor a destrución definitiva do sistema bancario afgán xa moi debilitado.

Mentres todo isto acontece nas altas esferas de decisión, a xente do común, especialmente as mulleres, privadas de acceso á educación e recursos produtivos, e os nenos, pagan as consecuencias con miseria, fame e incerteza. Canto sufrimento do pobo afgán é necesario para encamiñar esta situación e axudar todos ao pobo afgán a saír deste pesadelo sen fin?

Cada vez máis voces alertan de que xa é hora de rematar o que se podería cualificar de guerra sen armas. Do contrario, como lle dixo David Miliband, presidente e CEO da ONG International Rescue Committee, ao senado dos Estados Unidos de América, a política actual vai significar de feito que unha gran fame mate máis afgáns que os últimos 20 anos de guerra.

Notas

  • 1. Talibán é o plural de talib (  ),طالب que significa ‘estudante’ en pashtún

Podes descarregar o IGADI Annual Report 21-22 aquí