Algunhas saídas

Apartados xeográficos Others ARCHIVE
Idiomas Galego

Si que hai algunhas saídas para a crise en que estamos. E para todos os gustos, algunhas moi radicais e outras a máis longo prazo. E hai quen pensa que non había ningunha necesidade de chegar aos rescates de economías como a irlandesa, que só van aumentar o paro e a recesión e a esmagar o chamado estado de benestar.

O economista Mark Weisbrot entende que, no caso irlandés, chegaba con que se fixesen préstamos con xuros baixos e por prazo breve que permitirían que a economía crecese de novo. Ou sexa, financiamento a baixo custe e estímulos fiscais. E isto é política, non economía.

Outra solución sería abandonar o euro e non pagar as débedas, como suxire Dean Baker e fixo a Arxentina en 2001, rompendo co dólar e non pagando a súa débeda. Foi o comezo de cinco anos de crecemento. Romper co euro, en calquera caso, non sería bo para Europa, e medida tan radical é merecente de moitas precaucións.

Como saída de máis alcance, sen dúbida, está a que propón Vicenç Navarro: aumentar o gasto público (incluíndo o gasto público social que reforza ao mundo do traballo), co obxectivo de crear emprego a base de aumentar os gastos dos servizos públicos. Como ben sinala, o debate non é máis Estado ou menos Estado senón que tipo de intervención deste e ao servizo de que clases sociais.

Política impensable hoxe en Europa, onde priva a contraria, pois sería unha política de esquerdas (ou socialdemócrata máis ben) á que non será posible volver en tanto as esquerdas non recuperen os seus valores, como tamén sinala Vicenç Navarro. Malos tempos, pois.