Unha análise de Miguel Ángel Martínez Pellitero, estudante en prácticas do Máster en Economía internacional e desenvolvemento da Universidade Complutense de Madrid
A presidenta de Chile e os presidentes de Colombia, México e Perú asinan a declaración final do XII Cumio da Alianza do Pacífico. Foto: XINXHUA News

Alianza do Pacífico: a nova aposta de México?

Seis anos despois do xurdimento da Alianza do Pacífico, un proceso de integración comercial a nivel rexional conformado por Chile, Colombia, Perú e México, parece que este bloque pode ser unha das saídas ás que recorra México no seu proceso de diversificación comercial como resposta ás políticas proteccionistas  de Donald Trump.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

Seis anos despois do xurdimento da Alianza do Pacífico, un proceso de integración comercial a nivel rexional conformado por Chile, Colombia, Perú e México, parece que este bloque pode ser unha das saídas ás que recorra México no seu proceso de diversificación comercial como resposta ás políticas proteccionistas  de Donald Trump.

A presidenta de Chile e os presidentes de Colombia, México e Perú asinan a declaración final do XII Cumio da Alianza do Pacífico. Foto: XINXHUA NewsO executivo mexicano liderado por Enrique Peña Nieto é agora un dos grandes impulsores desta iniciativa que no seu día foi proposta polo ex presidente peruano Alan García. A Alianza do Pacífico constituíuse oficialmente en abril do 2011. Dende entón, téñense celebrado ata 12 cumios nos que non cesaron os pasos cara diante no proceso de integración rexional, que xa inclúe dende unha redución case total dos aranceis intrarrexionais ata a eliminación de visados que facilite a libre mobilidade de persoas.

Sen embargo, e a pesar de que, como dicimos, a partir de agora e debido as continuas ameazantes políticas “anti México” do presidente Trump, si que podería xurdir unha oportunidade para que se produza un incremento real do comercio con estes países([1]). Ata o momento as relacións comerciais de EUA cos seus veciños do Sur non teñen sido tan boiantes como para que xustifiquen esta forte aposta mexicana.

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do INEGI

 

No ano 2011 o comercio de México con Chile, Colombia e Perú apenas representaba un 1,8% do total([2]). Dende entón, e de maneira ininterrompida, esta cifra vense reducindo aínda mais cada exercicio ao mesmo tempo que México incrementa o seu comercio total, o que demostra que non están sendo estes países os destinatarios deste proceso de apertura. No ano 2016, o comercio total([3])entre México e os outros tres países da Alianza do Pacífico ‘apenas’ superou os 9.200 millóns de dólares, representando só un 1.20%  do comercio total mexicano([4]), a porcentaxe máis baixa dende o ano 2011 no que viu a luz esta alianza.

Pero aínda que non falemos dun intercambio extraordinario en termos cuantitativos, é destacable que aínda que México obtén un amplo superávit comercial na Alianza, e aínda que as exportacións se teñen reducido lixeiramente nos últimos anos, segue vendendo o dobre do que importa a estes tres países. E con respecto á importancia individual de cada país, Colombia é o principal socio de México, con arredor do 45-50% do comercio bilateral, deixando aproximadamente un 30% das relacións comerciais para Chile e un 20% para o Perú([5]).

Polo tanto, se ata o de agora non existen vínculos comerciais tan sólidos como poderíamos pensar, que outras razóns están levando a México a impulsar unha integración deste tipo?

Por unha parte, existe certo consenso entre diferentes académicos e estudosos das relacións México – América Latina que consideran que, tralas políticas de aliñamento con EUA e as políticas libre comercio que priorizaron outras rexións, México está tentando reposicionarse no contexto latinoamericano.

O contrapeso que pode exercer unha Alianza do Pacífico liderada por México fronte a un MERCOSUR comandado por Brasil podería reabrir o vello debate sobre cal é a economía latinoamericana dominante. E agora que Brasil segue somerxido nunha forte crisis política e  tampouco consegue estabilizar a súa economía, pode ser o momento de que México acelera as súas opcións.

Durante moitos anos, os modelos de desenvolvemento e, especialmente as estratexias de inserción exterior entre os países da Alianza do Pacífico e os países do MERCOSUR, foron diametralmente diferentes (e aínda máis distantes co respecto aos países da ALBA). Sen embargo a recuperación de posicións por parte dos partidos conservadores en Arxentina –mediante unha vitoria electoral- ou en Brasil –a través dunha destitución vía parlamentaria con visos de golpe institucional contra a presidenta Dilma Rousseff-, poderían achegar posicións entre estes dous grandes e diferenciados bloques.

E por outra parte, neste último cumio celebrado en Cali (Colombia) en xuño pasado, acordouse a creación dunha nova figura, a dos Estados Asociados, da que xa entraron a formar parte Australia, Canadá, Singapur e Nova Zelandia, acordando o inicio das negociacións de Tratados de Libre Comercio (TLC) con estes Estados.

Polo tanto, podería verse á Alianza do Pacífico como unha sorte de alternativa á frustrada Asociación Transpacífico (TPP)([6]) na que, ademais da explícita vontade da Alianza de favorecer os intercambios cos países asiáticos, se comecen a materializar nos próximos anos unha serie de tratados de libre comercio e acordos comerciais que potencien as relacións con esta rexión. É por tanto perceptible que a Alianza do Pacífico está chamada a xogar un papel estratéxico nas próximas décadas.

Miguel Ángel Martínez Pellitero é estudante en prácticas no IGADI. Graduado en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo, actualmente é estudante do Máster en Economía Internacional e Desenvolvemento na Universidade Complutense de Madrid.

 


([1]) Diferentes autoridades económicas veñen anunciando a necesidade de realizar un proceso de diversificación comercial que minimice en certa medida a enorme dependencia comercial que México ten con respecto a EUA e que xa analizamos neste artigo: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/mexico-e-a-necesidade-de-repensar-a-sua-politica-comercial

([2]) Dato obtido a partir do INEGI.

([3]) A suma das importacións e das exportacións entre México e os tres países da Alianza do Pacífico.

([4]) A suma das importacións e exportacións de México có resto do mundo acadou nos últimos 5 exercicios, unha media de máis de 767.200 millóns de dólares. Fonte: INEGI

([5]) Dato obtido a partir do INEGI.

([6]) A frustrada TPP incluía a: Brunei, Canadá, Chile, EUA, Malaisia, México, Perú, Singapur, Vietnam, Australia, Xapón e Nova Zelandia.