20080219 yerevan serge sarkisian

Armenia: eleccións presidenciais 2008

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Serge Sarkisian; clic para aumentar
A Xunta Electoral Central outorgou a Serge Sarkisian case o 53% dos votos emitidos, fronte ao 21,5% de Levon Ter-Petrosian, primeiro presidente da Armenia postsoviética. Este último emitiu unha declaración na que rexeitaba o resultado denunciando un fraude masivo que incluía a compra de votos, ameazas, subornos, inclusión de persoas non existentes no censo, intimidación aos electores e mazos de papeletas depositadas nas urnas.
 

Como era de esperar, o actual primeiro ministro de Armenia, Serge Sarkisian, gañou as eleccións presidenciais do pasado 19 de febreiro. Nos días previos predicíase unha vitoria rotunda na primeira volta segundo os resultados das enquisas e a propaganda oficialista. Tratábase só de confirmar os prognósticos.

Cenos de observadores da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) e a Comunidade de Estados Independentes (CEI), vixiaron a limpeza do proceso, baixo sospeita tralas numerosas irregularidades de comicios anteriores.

A Xunta Electoral Central outorgou a S. Sarkisian case o 53% dos votos emitidos, fronte ao 21,5% de Levon Ter-Petrosian, primeiro presidente da Armenia postsoviética. Este último emitiu unha declaración na que rexeitaba o resultado denunciando un fraude masivo que incluía a compra de votos, ameazas, subornos, inclusión de persoas non existentes no censo, intimidación aos electores e mazos de papeletas depositadas nas urnas. Tralos comicios, as forzas da oposición favorables a L.Ter-Petrosian botáronse á rúa para protestar polo que consideraron un roubo descarado da presidencia por parte das actuais autoridades, que fixeron valer o seu triunfo con todo o peso do sistema estatal. A consecuencia dos incidentes, oito persoas morreron e 33 policías resultaron feridos. O goberno decretou o estado de excepción, vixente ata o 20 de marzo, e mobilizou o Exército.

Os observadores detectaron moitas destas irregularidades, pero chegaron á conclusión de que non afectaron ao realmente importante, cualificando a elección de xusta e democrática: Sarkisian non gañou limpamente, pero gañou. A vicepresidenta da OSCE e xefa da misión de observación, Anne-Marie Lizin, dixo nunha rolda de prensa que Armenia debía "perfeccionar" o seu Código Electoral e fomentar a confianza da poboación nos procesos electorais. Pola súa banda, Jesús López-Medel, presidente da Comisión de Democracia e Dereitos Humanos da Asemblea Parlamentaria da OSCE, observador electoral nos comicios, denunciou irregularidades, considerando que se producira un "retroceso democrático" en Armenia polo trato de favor dispensado ao candidato oficialista, relegando a oposición real á marxinalidade, sen case acceso á televisión e aos principais medios informativos.

L.Ter-Petrosian non aceptou o resultado sinalando que fora derrotado non polos electores senón polo fraude. Armenia non ten totalmente consolidado o sistema democrático e a sospeita de trampa rara vez está ausente dos seus procesos electorais.

Os partidarios doutros candidatos presidenciais tamén denunciaron irregularidades masivas pero non houbo ningunha declaración conxunta dos candidatos principais a propósito das violacións das normas electorais, falsificacións e ameazas a gran escala. Como consecuencia dos comicios cabe citar a dimisión de Vahan Hovhannesian, vice-presidente da Asemblea Nacional, membro do Partido FRA-Dashnaktsiutiun, outro candidato á presidencia que obtivo dúas veces menos votos ca o seu partido nas últimas eleccións parlamentarias.

As cifras publicadas apenas traducen a elección real dos cidadáns. Pero incluso os datos oficiais permiten reflexións a todos os participantes. En primeiro lugar, aos primeiros catro candidatos. As autoridades basearon a súa campaña na tese de que o primeiro presidente do país, Levon Ter-Petrosian, non era o principal candidato da oposición, estimación confirmada polos resultados das enquisas, segundo as cales, este figuraba entre os mais infortunados. Pero as empresas demoscópicas e os sociólogos fallaron nos seus prognósticos.

As autoridades deben aceptar que en Armenia hai unha forte oposición que lidera o Movemento Nacional Armenio e L. Ter-Petrosian, aínda que non sexa do seu agrado. A rivalidade entre Sarkisian e Petrosian decidirá o rumbo dun pais que é peza esencial na gran política da rexión.