Winter Olympic Games Beijing 2022

Arxentina e China: Diplomacia olímpica

O pasado 1 de febreiro, o presidente da Arxentina, Alberto Fernández, saiu dende o Aeroporto Internacional Ministro Pistarini rumbo a Moscova nun voo de Aerolíneas Argentinas, dando inicio á xira que realizou por Rusia, China e Barbados, na que se reuniu cos seus pares Vladimir Putin e Xi Jinping, e coa primeira ministra de Barbados, Mia Mottley, co propósito de fortalecer as relacións entre Arxentina e esas nacións.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

O pasado 1 de febreiro, o presidente da Arxentina, Alberto Fernández, saiu dende o Aeroporto Internacional Ministro Pistarini rumbo a Moscova nun voo de Aerolíneas Argentinas, dando inicio á xira que realizou por Rusia, China e Barbados, na que se reuniu cos seus pares Vladimir Putin e Xi Jinping, e coa primeira ministra de Barbados, Mia Mottley, co propósito de fortalecer as relacións entre Arxentina e esas nacións.

A visita a China coincidiu coa realización dos Xogos Olímpicos de Inverno Beijing 2022, boicoteados polos Estados Unidos debido «ás flagrantes violacións dos dereitos humanos e as atrocidades de China en Sinkiang», segundo informou a secretaria de prensa da Casa Branca, Jen Psaki. Como é habitual, os gobernos estadounidenses abordan os temas dos dereitos humanos cunha dobre moral pois, basta con mencionar Guantánamo ou o uso de drons armados na súa guerra contra o «terrorismo global», que provocaron numerosos mortos entre a poboación civil na zona de fronteira entre Afganistán e Paquistán.

Nesta edición XXIV dos Xogos Olímpicos de Inverno participaron seis deportistas arxentinos, aínda que, cabe destacar, que estes xogos non espertan practicamente interese no público arxentino.

Á cerimonia de apertura asistiron os presidentes de Arxentina, Alberto Fernández, e de Ecuador, Guillermo Lasso. Tamén estiveron presentes Vladimir Putin, o Secretario Xeral de Nacións Unidas, António Guterres, e o Director Xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Unha vez máis na historia da diplomacia, as actividades deportivas serven como escusa para levar adiante outros acordos políticos e económicos. A modo de exemplo, cabe lembrar a «diplomacia do pimpón», á que deron orixe, sen propoñerllo, os xogadores Glenn Cowan, de Estados Unidos, e Zhuang  Zedong, de China, en oportunidade de se celebrar o campionato mundial de tenis de mesa de Nagoya (Xapón). Todo se orixinou no 1971 cando Glenn  Cowan perdeu o autobús que o levaba de volta ao hotel e foi convidado a subir ao da delegación chinesa. En síntese, ese sinxelo feito deu orixe ao que se denominou a «diplomacia do pimpón», que levou a que, no 1972, o presidente de Estados Unidos, Richard Nixon, realizase a súa histórica visita a Beijing, a que levou ao establecemento das relacións diplomáticas no 1979.

Salvando as distancias dese feito histórico, estes xogos de inverno foron o marco da firma dunha serie de acordos entre os gobernos de China e de Arxentina.

En oportunidade desta visita, Arxentina sumouse á iniciativa chinesa das Novas Rutas da Seda, á iniciativa global da Franxa e a Ruta, a cal procura fomentar o fluxo do comercio e investimentos. Ambos os países asinaron un contrato para a construción dunha cuarta central  nucleoeléctrica en Arxentina, a central Atucha III, cun investimento de 8.000 millóns de dólares estadounidenses (US$), a que será instalada en Lima, onde xa se atopan Atucha I e II, a 100 quilómetros ao norte da cidade de Bos Aires.  Atucha III será unha central tipo HPR-100, de 1.200 megawatts eléctricos (MWe) de potencia bruta e unha vida útil de 60 anos. O reactor utilizará uranio enriquecido como combustible e auga liviá como refrixerante. China proverá a enxeñería, construción, adquisición, posta en marcha e entrega de Atucha III1.

Con respecto á enerxía nuclear, cabe destacar que Arxentina foi un país adiantado na rexión, xa que a Central Nuclear Atucha I iniciou a súa construción en xuño de 1968 e converteuse na primeira central nuclear de potencia de América Latina. Foi conectada ao Sistema Eléctrico Nacional o 19 de marzo de 1974 e comezou a súa produción comercial o 24 de xuño dese mesmo ano2. 

Os acordos inclúen o intercambio de moedas ou swap, o que posibilita que se traballe en pesos e iuans, sen necesidade de recorrer ao dólar. Estimouse que o investimento chinés alcanza os US$ 23.700 millóns. 

No marco dos acordos comerciais, Arxentina autorizou o uso de emerxencia da vacina de  Sinopharm, da que se adquirirán un millón de doses.

Con anterioridade á viaxe do presidente Alberto Fernández a China, xa se acordou que o país asiático financiaría melloras á rede eléctrica de Arxentina. Pola súa banda, Arxentina ábrelle a China a posibilidade de acceder aos seus recursos naturais.

Os políticos arxentinos procuran solucionar o déficit con créditos dos que se descoñece a letra pequena. Xa existen no mundo antecedentes de préstamos que non puideron ser pagados a China, como o caso de Sri Lanka co porto de Hambantota ou o de Macedonia coa construción dunha autoestrada que aínda debe pagar. En 2021, un estudo do centro internacional de investigación  AidData, un laboratorio de investigación e innovación do William &  Mary  College que busca facer que o financiamento para o desenvolvemento sexa máis transparente, responsable e efectivo, revela que «o colosal programa chinés de infraestrutura internacional deixou a numerosos países en desenvolvemento cunha “débeda oculta” de 385.000 millóns de dólares»3. Isto levou a que países pobres que ían sumarse á iniciativa da Franxa e a Ruta desistisen de facelo. China pode quedar coa infraestrutura ou esixir recursos naturais ou terras como compensación.

A «diplomacia olímpica» do goberno de Alberto Fernández implica un risco considerable para Arxentina. China é actualmente o segundo socio comercial de Arxentina detrás de Brasil e o intercambio tende a crecer pero en detrimento de Arxentina. A apertura comercial a outros países sempre é importante pero debe ser equilibrada. Doutra banda, os investimentos chineses significan endebedamento e debe lembrarse que Arxentina está endebedada co FMI e que se atopa nunha situación de fraxilidade económica e cunha alta inflación que tende a incrementar a pobreza.

Os políticos arxentinos deben comprender que Arxentina non solucionará os seus serios problemas estruturais aplicando as receitas que xa fracasaron. O endebedamento crecente só incrementará os problemas. Arxentina só sairá adiante reducindo o gasto e poñendo en marcha a produción do sector agropecuario con valor agregado, á vez de establecer un plan nacional de reindustrialización e de reconstrución da infraestrutura aplicada a todo tipo de transporte.

Referencias

  • 1 “Argentina y China firman contrato para construir una central nuclear”. Deutsche Welle, 06/02/2022, https://www.dw.com/es/argentina-se-suma-a-la-iniciativa-china-de-las-nuevas-rutas-de-la-seda/a-60677598, [consulta: 15/02/2022].
  • 2 “Atucha I”. Nucleoeléctrica Argentina S.A., https://www.na-sa.com.ar/es/centrales-nucleares/atucha-1 [consulta: 15/02/2022].
  • 3 “Plan chino de infraestructura deja a países pobres con ‘deuda oculta’, según estudio”. France24, 29/09/2021, https://www.france24.com/es/minuto-a-minuto/20210929-plan-chino-de-infraestructura-deja-a-países-pobres-con-deuda-oculta-según-estudio, [consulta: 15/02/2022].