images Grafico 2

Arxentina: en estado crítico

A directora executiva do Fondo Monetario Internacional, Christine Lagarde, ven de recoñecer que dende Washington subestimaron os efectos da recesión na Arxentina, de xeito que o principal debedor do ‘seu’ organismo con mais do 60% dos créditos concedidos polo FMI está nun momento especialmente crítico. Agora, as previsións do Centro de Estudios Latinoamericanos para a Arxentina sinalan en ata un 1,3% a caída da economía nacional para o presente exercicio.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Latin America
Palabras chave crise Economía Arxentina
Idiomas Galego

A directora executiva do Fondo Monetario Internacional, Christine Lagarde, ven de recoñecer que dende Washington subestimaron os efectos da recesión na Arxentina, de xeito que o principal debedor do ‘seu’ organismo con mais do 60% dos créditos concedidos polo FMI está nun momento especialmente crítico. Agora, as previsións do Centro de Estudios Latinoamericanos para a Arxentina sinalan en ata un 1,3% a caída da economía nacional para o presente exercicio.

Así mesmo, o outro gran organismo de financiación internacional xurdido nos Acordos de Bretton Woods en 1945, o Banco Mundial, publicou a semana pasada o informe “Hacia el fin de las crisis en Argentina; Prioridades para un crecimiento sostenible y prosperidad compartida(1)”, no que se fai un balance que transcorre entre as –menos- luces e –mais- sombras que está deixando o goberno actual de Mauricio Macri.

Nel, e falando en chave de futuro, identifícanse catro dimensións fundamentais para superar esta crise e consolidar o tan na moda desenvolvemento sustentable: “unha macroeconomía estable e equidade fiscal, apertura comercial, inclusión social baseada en empregos de calidade e protección do medio ambiente”, alén das clásicas recomendacións de estes organismos en torno á “consolidación fiscal” e coidado da débeda pública e do “funcionamento das institucións”, para a adopción das “reformas estruturais necesarias”.

Entendendo a necesidade de camiñar cara ese horizonte de desenvolvemento, e asumindo como primeiro gran reto o problema do exponencial incremento da débeda, hai xa meses que recoñecidos economistas como Joseph Stiglitz, Premio Nobel de Economía, indican a necesidade dunha auditoría e reestruturación da mesma –incluíndo unha quita- que faga viable o seu pagamento, sen intensificar o camiño da austeridade e das políticas xeradoras de desigualdades sociais nun país xa demasiado danado.

De que falamos cando dicimos que a economía arxentina se atopa en estado crítico?. Os resultados económicos dos tres anos e medio que leva Macri no poder son tan claros como duros. O acumulado deste período rexistra unha caída dun 1,5% do Produto Interior Bruto –mais a comentada previsión de que a recesión continúe este 2019-, unha inflación acumulada de ata 173%, un aumento de 80.000 millóns de dólares da débeda cos acredores privados e de ata 100.000 millóns se incluímos os primeiros desembolsos do acordo có FMI(2), unha diminución inxente das reservas nacionais, depreciacións colosais da moeda nacional, o peso, e unhas taxas de interese de preto do 70% para xuño de 2019. Todo isto sumado a unhas previsións nada alentadoras de que isto poida ser revertido nun futuro próximo.

images Grafico 2

Ilustración 1. Fonte: INDEC

Na dimensión social, as cifras son tamén cada vez mais dramáticas. Os diferentes organismos de análise económica apuntan que ata un terzo da poboación arxentina se atopa xa en situación de pobreza, e se ben parece mais difícil unificar criterios e calcular as necesidades alimentarias, afírmase que mais de dous millóns de arxentinos e arxentinas –especialmente os cativos, o grupo mais vulnerable- están en situación de indixencia ou incapacidade económica para adquirir ou acceder unha canastra básica de alimentos (o INDEC sitúa ás persoas baixo a liña da indixencia no 6.7% da poboación).

O Coeficiente de Gini (o indicador mais empregado para sinalar a desigualdade de ingresos de renda) pechou o 2018 no 0,434, cun ingreso promedio de 11.231 pesos mensuais. O decil 10 (o 10% da poboación que mais rendas obtén) ingresa, en media, vinte veces mais que o decil 1 (o 10% da poboación que menos rendas consegue)(3). Un caldo de cultivo xenial para que se incremente esa escalada de violencia e de inseguridade cidadá tan presente sempre na rexión, e coa que millóns de familias teñen que convivir día a día.

images Grafico 1

Ilustración 2. Fonte: INDEC

E é que a debilidade histórica e estrutural de América Latina, a súa integración dependente nos mercados mundiais, ten sido unha traba insalvable do plan de reformas neoliberais do goberno de Macri, ese mal chamado gradualismo(4) que tiña o obxectivo de desmontar as bases peronistas e kirchneristas sobre as que se asentaba o Estado. O contexto internacional, caracterizado polas fortes tensións comerciais entre as dúas grandes potencias económicas actuais, que está derivando en incrementos dos aranceis por parte de EUA, a incapacidade da Unión Europea de actuar con voz e personalidade propia ou outros elementos mais tanxenciais coma a crise da economía turca que está repercutindo nos países en vías de desenvolvemento, están sendo decisivos para que afloren todas esas debilidades crónicas que presenta a economía arxenta.

Con todo este desastre socioeconómico en proceso, un dos pasos que pode terminar por custarlle especialmente caro ao oficialismo, e cabe sinalar coma un punto de inflexión, foi ese acordo que nomeamos antes, no que Macri acordou co FMI un rescate financeiro de 57.000 millóns de dólares a cambio de, coma ben saben no país, a cesión de facto da confección da política económica e monetaria do país a esta institución, que comezou as súas esixencias por reducir o déficit fiscal ata o 0% neste 2019. Este rescate representou unha moeda ao aire para o goberno, e unha vez confirmada a recesión e fracaso económico, semella claro que vai a pasar factura.

Chegando a este punto, a apenas catro meses para as eleccións presidenciais do vindeiro 27 de outubro, a situación leva a pensar que esa ruptura coa alternancia entre Peronistas e Radicais que se deu hai catro anos coa irrupción da coalición ‘Cambiemos(5) liderada polo mencionado Mauricio Macri, poida chegar a un final mais curto do que se prevía tras revalidar a vitoria nas eleccións de medio mandato hai apenas ano e medio. Mais, tras o anuncio dos diferentes sectores peronistas e kirchneristas de converxer na ‘Fronte de Todos coa alianza entre o candidato Alberto Fernández (antigo Xefe de Gabinete de ministros durante os gobernos Kirchneristas de 2003 a 2008)(6) e a súa candidata á vicepresidencia Cristina Fernández de Kirchner que as primeiras enquisas xa dan coma favoritossobre a oficialismo de Macri-Pichetto.

Miguel Ángel M. Pellitero
Especialista en Economía Internacional e Desenvolvemento e colaborador do IGADI.



(1) Ligazón ao informe: https://www.cac.com.ar/data/documentos/40_informe%20BM.pdf

(2) Fonte: ROSSO, Fernando (2019): La enigmática supervivencia política de Mauricio Macri.

(3) Datos do Instituto Nacional de Estatística e Censos (INDEC). Especificamente estes datos se recollen na publicación: https://www.indec.gob.ar/ftp/cuadros/sociedad/EPH_metodologia_22_pobreza.pdf

(4) Citando a José Natanson en “Mauricio Macri en su ratonera” (2018): “Decidido a hacer de la necesidad virtud, el gobierno definió como gradualismo esta tensión entre su vocación neoliberal y las restricciones que fue encontrando, tensión que se reflejó en la evolución de la política económica. Al comienzo, en efecto, Macri aplicó una serie de shocks: desmontó de un día para el otro el complicado sistema de control de cambio establecido por el kirchnerismo; avanzó en la desregulación de algunos sectores, sobretodo aquellos con los que tenía compromisos políticos (en telecomunicaciones, por ejemplo, adoptó una serie de medidas favorables a los intereses del Grupo Clarín); bajó o eliminó los impuestos a la exportación –las retenciones–, otro compromiso asumido durante la campaña; y avanzó en una veloz y muy costosa normalización del frente financiero mediante el pago de la totalidad de la deuda reclamada por los ‘fondos buitres”.

(5) Coalición entre o partido de Macri, Proposta Republicana (PRO) e a tradicional Unión Cívica Radical (UCR).

(6) Artigo de Clarín no que se recompilan as diferentes candidaturas e alianzas de cara ás eleccións de outubro:https://www.clarin.com/politica/elecciones-2019-horas-cierre-alianzas-distintas-fuerzas_0_S-L2n1PBh.html