"Temos perdido a nosa capacidade de decisión" escoitei na Arxentina, unha e mil veces, como un lamento repetido. "Somos un país no que o 90% dos bancos, 2/3 das grandes empresas están en mans foráneas. No que máis da metade do aforro emigrou clandestinamente ao estranxeiro, no que as estratexias económicas se marcan noutro hemisferio…".
Este pobo culto, capacitado, xenerosamente dotado pola natureza, padece a peor crise da súa historia, superior á dos anos 30. Dende o 98 caeu o PIB nun 20% e para este ano prevese un derrube do 14%. As estampas da cotidianidade austral cobran dramatismo. Enfermos, vellos, nenos e pobres son víctimas fáciles da mortífera gadaña da miseria.
O éxodo, nesta fértil terra de acollida xenerosa para galegos e europeos, multiplica xa ás 70.000 persoas que saíron na dictadura.
Compre ollar no retrovisor á dictadura (1976-83) cando se multiplicou a débeda externa por seis, pasando de 8000 millóns de $ a 46.000, cando se instalou a cleptocracia e se inclinou a pendente inflacionista pola que escorregou descontroladamente un Raul Alfonsín máis preocupado por consolidar a democracia que de asentar a economía. Coñecer que durante a dourada burbulla da era Carlos Menem, recadaron 100.000 millóns $ por privatizacións, maxicamente emigrados ao país de nunca xamais, mentres as diferencias sociais se agudizaban e se incrementaba inexplicablemente o gasto público e a débeda externa dende os 62.000 aos 132.000 millóns de $.
De la Rúa xa accede á presidencia en recesión técnica. Chegara a hora de pagar, e os Cobradores do FMI, acentuaron a rudeza do rostro para demandar "déficit cero". Ninguén lle pode negar ter posto toda a carne no asador, ata resultar calcinado: recortes no orzamento, nos salarios dos funcionarios, nas pensións, nos planos sociais, nos dereitos laborais. Canto máis insistían no "déficit cero" para albergar a esperanza de inxectar axuda financeira internacional, máis arrefriaba a moribunda economía. A ritmo de cacerola, o corralito foi o encargado de facer público, en decembro de 2001, que Arxentina entrara no seu primeiro crac. Cumpría bunkerizar no corralito os pesodólares para que os bancos non crebasen. Na memoria colectiva dos arxentinos estaba demasiado fresco a traumática licuación dos aforros na era hiperinflacionista de Alfonsín. Ese mesmo pánico fixo que se abalanzasen sobre as regañas legais do corralito para arrancar os desvalorizados pesos das garras bancarias. A ameaza de creba das sólidas firmas financieiras valeiradas foi o detonante do 2º crac bancario de finais de abril do 2002.
Atrapado nun labirinto, o desesperado rato experimental da economía axitouse e desprazouse en todas as direccións para retornar, desesperado, ao punto de partida. Revolveuse contra do FMI, na percura de ingresos fiscais espremeu as multinacionais que se lucraran das privatizacións, co corazón na man tentou virar cara ao Mercosur como instrumento de presión zonal e como aposta estratéxica de futuro… pero tropezou contra todas as paredes do labirinto sen atopar os 23.000 millóns de $ que precisa para poder apuntalar o sistema bancario. Derrotada non queda máis remedio que voltar aos brazos do FMI. Verase obrigada a fixar o cambio dólar-peso (ancorado ou en banda), a recortar aínda máis o orzamento, a controlar o gasto das provincias, a destrabar límites legais as multinacionais…
O Crac arxentino é fundamentalmente un producto súa nefasta e corrupta dirixencia, e será unha nova dirixencia a que terá que levantar o país. Pero esta Europa nosa é beneficiara neta da transfusión de pesodólares que insuflan vida ás nosas economías e debilitan ao comatoso país do Río da Prata. Tamén compre ser conscientes que as carnes arxentinas, cereais. etc teñen difícil acceder aos mercados mundiais polas políticas proteccionistas da UE e dos EEUU.
Por tanto, é de xustiza social e histórica pedir a palabra para demandar clemencia con Arxentina. É hora de estreitar relacións solidarias de cooperación entre as institucións. Ollando cara os peiraos do porto as institución viguesas deberían ser as primeiras. ¿Ou xa non lembramos?