Este artigo fai parte do Informe anual da acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
O patrimonio da diáspora vai ben máis alá de Arxentina e Uruguai

As Delegacións da Xunta no exterior

Sen rango diplomático, mais con competencias abondo -fóra das estritamente consulares, de defensa, de participación en organismos multilaterais, ou similares-, a acción e a política exterior de Galicia chantan os seus alicerces nunha antiga historia diaspórica adiantada á globalización onde case ningunha fronteira nos foi allea. Compartida pola secretaría do mesmo nome coa de emigración, algunhas competencias radican en política lingüística, promoción económica, cooperación ao desenvolvemento e na diplomacia cultural do Consello da Cultura Galega.
Liñas de investigación Paradiplomacy
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Palabras chave Paradiplomacia Galicia rrii
Idiomas Galego

Sen rango diplomático, mais con competencias abondo -fóra das estritamente consulares, de defensa, de participación en organismos multilaterais, ou similares-, a acción e a política exterior de Galicia chantan os seus alicerces nunha antiga historia diaspórica adiantada á globalización onde case ningunha fronteira nos foi allea. Compartida pola secretaría do mesmo nome coa de emigración, algunhas competencias radican en política lingüística, promoción económica, cooperación ao desenvolvemento e na diplomacia cultural do Consello da Cultura Galega.

A creación das Delegacións de Arxentina e Uruguai é un fito salientable nestes vinte e cinco anos de política e acción exterior de Galicia. Fun designada para botalas a andar e desde outubro de 2007 a maio de 2009 vivín e traballei en ambos países. A decisión tomouse no ecuador do mandato do goberno de coalición PSdeG/BNG (2005/2009). No Congreso español fun poñente na redacción e debate do Estatuto da Cidadanía Española no Exterior que abriu a porta á nacionalidade para netas e netos, unha auténtica revolución que sobrecargou aos consulados e que en Galicia se valorou como un dereito a consolidar. Con competencias en cultura, acción social, sanidade, promoción económica e cooperación para o desenvolvemento, e unha clara vontade de colaborar na aplicación da extensión da cidadanía, abríronse as primeiras delegacións de Galicia no exterior en Arxentina e Uruguai, onde había a maior poboación demandante deste dereito de nova xeración.

Malia ser competencia final do goberno central, a atención ás dúbidas e a obtención de documentación requirida para as solicitudes de nacionalidade foron a maior actividade nos primeiros tempos. Supoñía a consecución do pasaporte comunitario, de alto valor pola mobilidade no espazo Schengen, e permitía prestacións estatais e autonómicas. Poder solicitar información personalizada e tramitar en tempo real nas Delegacións asuntos que a distancia dificultaba foi moi ben recibido polas colectividades de ambos os dous países. Os avances telemáticos posteriores reduciron esta vantaxe, mais ficou o hábito de ter unha atención profesional e personalizada.

A implantación do voto rogado en 2011 supuxo un momento complicado. Suprimíase, ademais, o voto nas eleccións locais que propiciaban desfiles continuos de próceres municipais e provinciais en permanente campaña. Foi, porén, unha decisión aceptada porque o progresivo despoboamento provocaba que os votos de residentes ausentes determinasen a composición das corporacións en localidades que só visitaban ocasionalmente.

Non aconteceu o mesmo coa perda do dereito a votar en eleccións autonómicas e xerais que estaba interiorizado e asumido como algo que non se debía tocar. Foi unha mala decisión que se corrixirá no próximo outono cando remate a complexa tramitación nas Cortes da derrogación do voto rogado, auténtica carreira de atrancos para os máis de dous millóns de cidadáns españois residentes no exterior con dereito a voto, dos que preto de medio millón tamén votan nas eleccións galegas.

No tempo de vixencia do voto rogado a participación baixou en dous terzos e, malia ser unha competencia estatal, o goberno autonómico sufriu as consecuencias do malestar cidadán por unha lei que tiña nos galegos ao 17% do total do censo de residentes ausentes. Dáse o paradoxo de termos trece concellos ourensáns, e dous lugueses, con máis censados no exterior ca en Galicia. En Ourense nada menos que un 28% do total de electores están no estranxeiro (101.217 de 359.591) o que pode ser causa do interese, discreto pero constante, de autoridades provinciais por visitar a tanta cidadanía espallada.

En todo o estado constatouse neste tempo unha auténtica febre de creación de “embaixadas” autonómicas que chegaron a sumar 120, das que unha cuarta parte foron de Cataluña, seguida por Andalucía e por Euskadi. O goberno central procurou a súa integración nas sedes diplomáticas españolas con diferente éxito e rotundo fracaso para as delegacións catalás e vascas.

Outro fito destacable nesta etapa é a nova Lei 10/2021, de 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que se xustificou para abordar a nova realidade das comunidades galegas no exterior sometidas a procesos de desaparición ou fusión que conlevan conflitos no seu patrimonio inmobiliario, mobiliario, cultural, ou mesmo sanitario, do que é un notable exemplo o caso da crise vivida polo Centro Galego de Buenos Aires intervido polo goberno arxentino.

O coidado e protección deste patrimonio material e inmaterial, herdado das xeracións anteriores e o necesario anovamento das direccións das entidades históricas da colectividade, marcan un reto propio do devir do tempo e as lóxicas mudanzas que trae consigo a evolución dos países de acollida.

Esta nova lexislación incide tamén no ámbito empresarial e tecnolóxico como xeito de recoñecemento da galeguidade, cun papel preeminente do asociacionismo. Define, asemade, a condición de retornado e prevé actuacións para promover o retorno para frear a caída da poboación na Galicia territorial.

A chegada de Alfonso Rueda á presidencia da Xunta de Galicia, logo dunha longa etapa como Vicepresidente e conselleiro da Presidencia, onde estiveron tradicionalmente as secretarías de Asuntos Exteriores e a de Emigración, pode supoñer unha inflexión para a implicación gobernamental nesta materia. O 25 de maio publicouse o Decreto 72/2022 que establece os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia entre os que, agora, figuran ambas secretarías.

Unha das primeiras actuacións do presidente -agora responsable directo da política e da acción exterior, e antes desde a consellería da Presidencia- tivo lugar na entrega dos diplomas das Bolsas de Excelencia Mocidade-Exterior da Estratexia Retorna, dotadas con 5,5 millóns de euros anuais, para estudar un master en Galicia. Desde 2018 participaron 25.000 persoas de diversas procedencias como Arxentina, resto de España, Venezuela, Brasil, Uruguai ou Cuba.

No discurso albíscase o camiño da acción exterior neste mandato: “En Galicia sabemos desde sempre que non hai fronteiras: os límites xeográficos nunca se corresponderon coa realidade de miles de galegos polo mundo, embaixadores da terra”. Animounos a regresar coa axuda da Xunta “non só para estudar un master, senón para reconectar ou coñecer a vosa terra porque necesitamos todo ese talento galego diseminado polo mundo”.

Se non é un aviso a navegantes, podería semellalo.

Podes decarregar o Nós No Mundo 21-22 aquí