Capa do libro de Alfredo T.H.

As dúas Guerras Frías dos EEUU

En marzo do 2022, acompañando a invasión de Rusia a Ucraína saía á venda o último libro de Alfredo Toro Hardy “America's Two Cold Wars: From Hegemony to Decline?” da editorial Palgrave Macmillan. Alfredo Toro Hardy, embaixador venezolano retirado e analista político internacional é profesor convidado de Princeton  ou  Harvard, por citar algunhas referencias, onde impartiu cursos de verán e conferencias de maneira regular. 
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos United States
Idiomas Galego

En marzo do 2022, acompañando a invasión de Rusia a Ucraína saía á venda o último libro de Alfredo Toro Hardy “America’s Two Cold Wars: From Hegemony to Decline?” da editorial Palgrave Macmillan. Alfredo Toro Hardy, embaixador venezolano retirado e analista político internacional é profesor convidado de Princeton  ou  Harvard, por citar algunhas referencias, onde impartiu cursos de verán e conferencias de maneira regular. 

Ademais tense destacado por ser investigador do IGADI, este último perfil e os seus artigos semanais na nosa web permítennos estar sempre ao tanto das súas inquedanzas e focos de atención, que desde un enfoque historiográfico e político, especialmente atento á historia da tecnoloxía, ten nas súas colaboracións co IGADI unha liña de atención permanente sobre a globalización desde as súas distintas dimensións…

Se no seu anterior libro “USA vs China: Who will prevail?” achegábase as sete dimensións principais da confrontación estratéxica actual entre a China e os USA pola hexemonía mundial, no libro que agora presenta aproxímase á confrontación desde o marco histórico e teórico que deixou a vella Guerra Fría, por medio de dúas preguntas básicas: ¿Que tan diferente é China como competidora estratéxica en relación ao que era a Unión Soviética? ¿Que tan diferentes son os Estados Unidos hoxe do que eran daquela? 

Para desenvolver as respostas, o libro condénsase no retrato dun escenario que mudou significativamente, baseado en cinco marcos e transicións que están a darse agora mesmo no mundo global: Da ideoloxía á eficiencia; da hexemonía á flexibilidade das alianzas; da coherencia estratéxica ao zigzag líquido; do crecemento económico ao estancamento; e por último, da contención razoable á contención inviable.

Por detrás destas respostas observamos un retrato que deixaría unha Guerra Fría USA-URSS na que primou a batalla pola ideoloxía para reforzar as lexitimidades, internas e externas, mentres que na actualidade a batalla USA-China nucléase arredor da eficiencia. Na sempre importante batalla polas alianzas a Guerra Fría que rematou no 1991 caracterizouse por unha confrontación de bloques sólidos, organizados internacionalmente en distintas dimensións e coexistindo ao mesmo tempo nas Nacións Unidas, pola contra, o mundo actual aínda non definiu estratexias sólidas, primando unhas relacións fluídas, que priorizando case sempre o comercial e o económico, son capaces de coexistir con identidades múltiples. 

Derivada destas dúas primeiras diferencias, a terceira apunta a unha nova derivada, transitando da coherencia estratéxica ao zigzagueo na política exterior das potencias, coma expresión dese mundo fluído, líquido, e tamén rexionalizado nas relacións internacionais. Por último, o estancamento económico do mundo occidental desde a crise 2008-2009 ten a súa cruz na contención inviable do adversario, arredor do que representan os BRICS, como esquema de relacións fluídas e zigzagueantes, mais que falan dun mundo novo que si ten capacidade de medrar…. O escenario para o futuro é do máis incerto e inquietante.

Si a actual confrontación bélica na Ucraína trala invasión rusa ten que lerse tamén no marco máis amplo da disputa estratéxica entre os USA e a China en todas as dimensións posibles (comercial, militar, ideolóxica…) e que tan ben retrata a lectura de “America two cold wars: From Hegemony to Decline?” a mesma pode acompañarse a día de hoxe de dous artigos de grande riqueza que Alfredo publicou na web do IGADI acompañando os acontecementos da Guerra en Europa, “El dramático regreso a la política del poder” e “Ucrania: ¿Responsabilidad de quien?” que de maneira xenial complementan a lectura concreta da situación actual.