Por María Xesús Botana (Universidade do Algarve) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona)
Logo da AIEG

As orixes da AIEG (Primeira Parte)

Poderíase dicir que a Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) naceu dúas veces, e tal vez inda nacerá ou renacerá algunha máis, se temos en conta os retos de futuro...
Liñas de investigación Paradiplomacy
Idiomas Galego

A primeira vez foi no momento da súa fundación como Asociación de Estudos Galegos (AEG) dos EEUU, que se produciu en 1985 con motivo da celebración do I Congreso de Estudos Galegos na Universidade de Maine, organizado por Kathleen March. Así queda ligada a nosa historia a aquela universidade, que está situada na pequena cidade de Orono, no medio dese estado costeiro do noreste, tocando á fronteira con Canadá. A experiencia daquel congreso rematou co entusiasmo dos participantes e o desexo de establecer unha continuidade naquel intercambio académico, o que deu lugar á idea de crear unha asociación, seguindo o exemplo da Associació Catalana d’Amèrica del Nord, que desenvolvía a súa actividade xa desde 1978.

Nese momento decidiuse crear a AEG dos Estados Unidos de América e propúxose que Kathleen March fose a primeira presidenta en recoñecemento da súa iniciativa como organizadora do primeiro congreso. Proxectouse continuar facendo congresos con periodicidade trianual e que o seguinte se celebraría na Brown University en 1988, asumindo Antonio Carreño a responsabilidade da organización. As condicións desta rica universidade privada, situada na cidade de Providence (Rhode Island), contribuíron ao éxito dese segundo congreso, como demostra a abundante participación que recollen as actas.

No terceiro congreso, celebrado en 1991 na City University of New York, baixo o impulso e organización de Xan González Millán, foi cando se produciu unha gran expansión da asociación ao abrirse á participación dos especialistas de estudos galegos procedentes de Galicia. Na asemblea de socios celebrada en Nova York decidiuse un cambio fundamental introducindo a dimensión internacional, de xeito que a AEG pasou a ser AIEG. O seguinte congreso foi o primeiro que se celebrou fóra dos Estados Unidos, coa acollida na Oxford University, onde se organizou o congreso baixo o impulso de John Rutherford, que contou co entusiasmo do primeiro lector de galego no exterior, Benigno Fernández Salgado.

Nese congreso iniciouse a xeira europea da AIEG.