Apagon Coruna

As perdas económicas en Galicia polo apagamento eléctrico

O gran apagamento eléctrico do 28 de abril, que afectou a España e Portugal, sorprendeu a millóns de cidadáns e paralizou sectores estratéxicos. A interrupción do subministro puxo en evidencia non só a vulnerabilidade das infraestruturas enerxéticas, senón tamén as súas consecuencias financeiras. Galicia foi gravemente afectadas e sufriu un impacto económico significativo, que se analiza a continuación.
Liñas de investigación Economy

Aínda que é pronto para determinar con exactitude o custe económico que supuxo para Galicia o apagamento eléctrico que afectou o 28 de abril a España e Portugal, xa é posible realizar unha primeira estimación do valor económico que deixou de xerarse durante as máis de doce horas de interrupción da subministración. 

Os custos directos

Para este cálculo preliminar considéranse 23,5 horas, comprendidas entre as 12:30 do 28 de abril e as 12:00 do 29, xa que moitas empresas non puideron recuperar a normalidade operativa de forma inmediata unha vez restablecido o servizo. Iso si, calquera cifra inicial probablemente se quede curta. Ós custos directos por sectores, como a paralización da actividade industrial, comercial ou de servicios, hai que engadi-los custos indirectos, moito máis difíciles de calcular (danos en mercadorías perecedoiras, sobrecustos polo uso de xeradores, cancelacións de pedidos ou servicios, entre outros). Neste sentido, cómpre destacar que algúns negocios e centros produtivos lograron manter parte da súa actividade ao contar con xeradores eléctricos. Esta medida preventiva permitiu reducir parcialmente as perdas, aínda que supuxo sobrecustos adicionais derivados do uso de equipos alternativos. En calquera caso, para ter unha visión completa será necesario esperar aínda algúns días e dispoñer de datos actualizados.

A modo orientador, unha referencia útil é o Valor Engadido Bruto (VEB), un indicador que mide a riqueza xerada pola actividade económica e que constitúe o compoñente principal do PIB. Calcúlase restando á produción total o valor dos consumos intermedios (como materias primas, enerxía ou servicios subcontratados), e permite coñecer con maior precisión que a facturación o valor real que achega cada sector produtivo. Por iso, o VEB é unha referencia sólida para estimar, por exemplo, o impacto económico que pode ter un episodio excepcional como o apagamento de onte na economía galega.

O Valor Engadido Bruto nos concellos galegos

Os últimos datos dispoñibles do Instituto Galego de Estatística (IGE), correspondentes ao ano 2020 e centrados unicamente en concellos de máis de 10.000 habitantes, fixan o VAB desas zonas en 40.623 millóns de euros anuais, o que equivale a uns 111 millóns de euros diarios. Se se calcula proporcionalmente para 23,5 horas (ata as doce do mediodía do 29 de abril), o valor deixado de xerar foi de aproximadamente 108,6 millóns de euros. Esa cifra non inclúe a actividade dos municipios de menos de 10.000 habitantes, nin as horas produtivas das empresas que non puideron continuar mesmo a partir do mediodía do martes 29, e está baseada en datos de 2020, polo que é factible que o custo real sexa maior. Cómpre engadir tamén que determinados centros públicos, como hospitais, universidades e escolas, mantiveron operativos algúns servizos durante o apagamento. Aínda que a actividade foi limitada pola falta de subministración eléctrica, a continuidade parcial destes servizos esenciais contribuíu a amortecer o impacto social inmediato.

En calquera caso, se se toma como referencia o PIB galego de 2024, que ascendeu a 81.563 millóns de euros, o impacto económico directo do apagamento representaría arredor do 0,13% do PIB anual (ou un 0,18% se se utiliza como base o PIB galego de 2020). Traducido a termos diarios, a estimación realizada equivale a cerca do 98% do Valor Engadido Bruto diario dos municipios de máis de 10.000 habitantes. En termos do PIB diario, a perda económica estimada acada aproximadamente o 48,6%, unha cifra que ilustra a magnitude do parón produtivo sufrido. Aínda que os datos de VEB empregados corresponden ao ano 2020 e o PIB utilizado é de 2024, recorreuse a esta comparación ante a falta de cifras municipais máis actualizadas. Por tanto, estes resultados débense interpretar como unha estimación conservadora. En calquera caso, a cifra permite facerse unha idea preliminar da magnitude do parón económico sufrido.

Por último, se ben a orixe do apagamento continúa sen ser aclarada por completo, as investigacións preliminares apuntan cada vez máis a posibles responsabilidades no sector privado. Esta situación pon de relevo a necesidade de reforzar os mecanismos de supervisión e control das infraestruturas enerxéticas, co fin de evitar interrupcións futuras deste calibre.