As señas de Putin

Vladímir Putin, a nova incógnita da kremlinoloxía, ten grandes posibilidades de asumir esa Presidencia efectiva de Rusia, que dende a dimisión de Boris Ieltsin, xa exerce en funcións. Esa demisión antecipada eliminou de raíz a hipótese dun político fuxidío que sería devorado sen miramentos polas mesmas forzas que o promoveron, unha vez cumprira a súa misión. Como aconteceu nos comicios lexislativos do 19 de decembro pasado, o seguimento da guerra en Chechenia será triste sinónimo da campaña electoral. A priori, Putin ten posibilidades inclusive de gañar na primeira volta.

O actual escenario, pese a esa apariencia de previsible e afortunado respaldo, significa basicamente que a transición en Rusia alongarase outro mandato e o futuro do país continuará inmerso na incerteza. O mapa político deste inmenso territorio segue mediatizado polos intereses duns e doutros, sen partidos merecedores de tal nome, sen programas recoñecibles, sen sociedade civil, nin xustiza nin medios de comunicación minimamente independientes. A última evidencia, esa fracción do movemento de Primakov, que xa anunciou o seu apoio a Putin. Ziúganov, o líder do Partido Comunista, será o seu principal contrincante, a sabendas de que perderá a elección.

Nesas condicións de partida, o fulgurante ascenso de Putin é unha trécola argallada dende o propio Kremlin para superar a dura proba da alternancia, unha vez que o Tribunal Constitucional dictaminou que Ieltsin non podería presentarse á reelección. Os países occidentais semella que primaron a negativa a admitir unha interrupción brusca do proceso político, hipótese barrallada durante moito tempo en sectores próximos a Ieltsin, e, a cambio, os oligarcas moscovitas obtiveron o compromiso de non interferir externamente nas formas e maneiras da loita política.

A pesar de que nesta parte do mundo, existen mil e unha entidades oficiais e non gobernamentais que destinan inxentes recursos á defensa e protección dos dereitos humanos, ninguén pediu, con enerxía suficiente, explicacións nin probas dos atentados atribuídos ós terroristas chechenos, nin se anunciaron sancións internacionais, nin tampouco se esgrimiron argumentos a prol da intervención humanitaria contra a barbarie rusa. Moscova non é nin a sombra do que foi en tempos, pero a xeopolítica impón as súas reglas, mesmo sacrificando algunhas universalidades da nova orde internacional, que para outros son inquebrantables por principio.

Dificilmente poderá chegar a estabilidade da man de Putin. Son moitas as servidumes debidas ós grupos económicos e financeiros, periodisticamente recoñecidos co sobrenome de "A Familia", que mangonean na Rusia post-comunista; e moitas as feblezas dun poder inflado, sen autonomía, nin bases, nin proxección real. Paradoxalmente, o Estado en Rusia segue estando ó servicio dunha única clase social e non do conxunto da sociedade.