Augas mansas entre EEUU e Cuba

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

Haberá unha apertura formal de relacións entre EEUU e Cuba? Regresará a illa caribeña á OEA, tras case cinco décadas de expulsión? A estratexia aperturista de Obama, facilitará unha transición democrática en Cuba?  

Moitas destas interrogantes abondan tras certificarse un primeiro encontro informal entre funcionarios diplomáticos estadounidenses e cubanos, realizado en Washington o pasado 25 de abril. Aquí discutíronse temas concretos, como a política migratoria e a loita antidrogas, aínda que exista a posibilidade de ampliar as negociacións cara outros temas, mais espiñentos, como o embargo estadounidense, Guantánamo ou a situación dos dereitos humanos en Cuba.

Ninguén dubida que Obama ven lanzando históricas iniciativas que pechan unha era turbulenta nas relacións entre ambos países e abre outra, aínda incerta, pero mais encamiñada a trazar unha estratexia aperturista cara o pobo cubano. A propia secretaria de Estado Hillary Clinton chegou a cualificar como “fracasadas” as anteriores políticas da Casa Branca cara a illa caribeña. Ambas iniciativas e declaracións supoñen, en si, inéditas e históricas aproximacións a un tema largamente viciado por posicións intolerantes.

O impacto da estratexia de Obama repercutirá na discusión global do necesario reintegro cubano nos marcos de integración hemisféricos, tanto como inevitablemente influirá na demandada e paulatina transición do sistema político cubano, posiblemente cara un horizonte mais amplo e plural.

Washington espera que sexa Cuba a que devolva, positivamente, o seu xesto aperturista. Velaí que a minuciosamente calculada resposta de Raúl Castro á iniciativa de Obama denota a demanda cubana de discutir toda serie de temas pero dentro dun marco de igualdade e respecto. Tras apreciar a posición formal cubana, resta agora observar cal será o “novo xesto” de Obama e ata onde ambos países son capaces de chegar a discutir.

Se os próximos encontros informais fortalecen unha axenda ampla e concreta, poderase falar dunha aproximación mais equitativa entre ambos países que permita asentar unha apertura formal de relacións. A posible inclusión doutros actores inevitables, como un exilio cubano politicamente mais aperturista e menos intolerante, servirá tamén para abrir novos canais de participación e transición. Polo pronto, Obama e Raúl navegan por augas mais calmadas e menos turbulentas.