Esta semana reúnese o Parlamento chinés que deberá repartir papeis entre Xi Jinping e Li Keqiang, as dúas figuras emerxentes que liderarán China entre 2013 e 2023, un como presidente do Estado, secretario xeral do Partido Comunista e presidente da Comisión Militar Central, e o outro como primeiro ministro. Eles terán a responsabilidade de desenvolver as políticas balbuceadas por Hu Jintao ao longo do seu mandato, nomeadamente o impulso dunha maior redistribución da prosperidade que reduza a desigualdade social, que creceu moito máis ca economía do país. Esa teorización, cristalizada na formulación dun novo modelo de desenvolvemento, foi a achega do primeiro mandato de Hu Jintao. Neste segundo, semella tocarlle á democracia, problema que se afronta cunha dobre premisa. Primeiro, se para acadar o crecemento económico que fixo de China unha das primeiras potencias mundiais seguiuse un camiño propio, o mesmo se fará para afondar nas vías democráticas. Segundo, do mesmo xeito que acadaron unha economía de mercado singular, froito das súas especificidades e evolución histórica, esa democracia tamén contará cunha marca diferenciadora.
Nos últimos tempos, as autoridades chinesas veñen promovendo certas reformas políticas. Atrás queda a experiencia das eleccións de comités de aldeáns. Agora quere usarse Internet como un medio de participación, cooptar independentes para ámbitos de xestión e decisión, mellorar a representatividade de determinados órganos ou fortalecer o servizo público. Estes tanteos non teñen un perfil de todo definido ““como tampouco o tiña a reforma cando se iniciou a finais dos anos setenta do século pasado”“, aínda que persegue abertamente o fortalecemento do papel do PCCh e a creación de mecanismos que alivien as fondas tensións sociais.
Poderíamos cualificar estes balbuceos como estratexias orientadas a crear aparencias de democracia. Non obstante, se os chineses foron suficientemente intelixentes no seu día para avanzar reformas no seu modelo ““cando case ninguén dubidaba da fortaleza do socialismo soviético”“, a xulgar polos documentos e informes que barallan os seus think tank, a conciencia de que o inmobilismo pode levar a un bloqueo político, indicaría máis ben que, prudentemente, elixen unha senda inevitable. O obxectivo apunta a 2020, xustamente na etapa final do mandato das figuras que se promoverán esta semana, uns descoñecidos hoxe pero que levarán nos seus ombreiros unha pesada responsabilidade.