Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC

Belice: a relevancia dun escenario esquecido

Longo tempo esquecida, quizais pola súa breve existencia coma Estado soberano ou pola súa escasa relevancia como actor rexional, a antiga colonia británica de Centroamérica comeza a centrar a atención dos grandes Estados do norte. Co foco posto na divisoria entre México e Guatemala, coma primeira liña de contención do tránsito de migrantes irregulares cara os EUA e do tráfico ilícito, e o conseguinte aumento da vixilancia e control, os 278,266  quilómetros que conforman a fronteira de Belice co estado mexicano de Quintana Roo comezan a revalorizarse coma porta alternativa cara os EUA.

Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Longo tempo esquecida, quizais pola súa breve existencia coma Estado soberano ou pola súa escasa relevancia como actor rexional, a antiga colonia británica de Centroamérica comeza a centrar a atención dos grandes Estados do norte. Co foco posto na divisoria entre México e Guatemala, coma primeira liña de contención do tránsito de migrantes irregulares cara os EUA e do tráfico ilícito, e o conseguinte aumento da vixilancia e control, os 278,266  quilómetros que conforman a fronteira de Belice co estado mexicano de Quintana Roo comezan a revalorizarse coma porta alternativa cara os EUA.

Delimitada en gran parte por un curso fluvial, albergou historicamente as dinámicas propias de zonas fronteirizas: regularidade de cruces laborais e comerciais entre actores locais, sen supervisión nin impedimentos. As características son similares as de outros escenarios coñecidos, mais son as especificidades xeográficas, xeopolíticas e institucionais deste pequeno Estado as que explican a crecente relevancia desta divisoria, constituíndo o escenario idóneo para a consolidación dunha fronteira amplamente permeable.

O tradicional illamento de Belice coa rexión, optando preferentemente por unha proximidade co ámbito caribeño, incentivado pola propia estrutura social do país (angloparlantes e dominio cultural afro-beliceño) e as disputas territoriais na fronteira oeste con Guatemala, configuraron un escaso diálogo e cooperación rexional, dificultando o desenrolo de estratexias e acordos comúns en materia migratoria, comercial e de seguridade.

Finalmente, as capacidades limitadas das estruturas institucionais, aínda en fase de consolidación ou construción, impediron notablemente o rexistro e control efectivo das dinámicas migratorias e dos tránsitos fronteirizos.

Migración e construción dunha identidade colectiva

Pese a atoparnos ante un dos países menos poboados da contorna, cunha sociedade formada por tan só 359.287 habitantes (2015), presenciamos unha conxunción de tódalas dinámicas migratorias presentes en Centroamérica: expulsores de poboación, receptores e país de tránsito.

Coma no Triángulo Norte, presenta perda de capital humano debido a poboación expatriada (17.14% en 2015, Pew Research Center), principalmente cara os EUA e con relevancia da fuga de cerebros. Polo tanto, parece comprensible ante a alto porcentaxe de emigración, a existencia dende os anos 1980 (tralos conflitos civís do Salvador e Guatemala) dunha relativa política de recepción de migrantes que mostra similitudes co escenario costarricense. Ao amplo porcentaxe de migración rexional súmaselle a presenza internacional (chineses e africanos especialmente, aínda que existen doutras rexións asiáticas), elevando ata preto do 15% o número de residentes contabilizados que son orixinarios doutros países.

Na propia construción histórico-social, cos diferentes asentamentos etnográficos(1) presentes dende a época precolombina, obsérvanse os primeiros soportes que favoreceron a conxunción de dinámicas migratorias dispares. Conformouse así unha sociedade multiétnica e pluricultural con continuos cambios na súa estrutura (por exemplo, na década de 1980 os afro-beliceños conformaban o 60% da poboación, hoxe son o 25%) e definindo a natureza migrante do país.

Sen embargo, a conflitividade territorial con Guatemala e o progresivo aumento dos refuxiados procedentes de Centroamérica na década de 1980, agudizaron as tensións étnicas e produciron o paulatino relevo do pluralismo cultural por unha preponderancia e institucionalización da cultura anglosaxona e protestante (propia da comunidade afro-beliceña). A dificultade para conformar unha identidade nacional integradora e distendida, así como a barreira idiomática, tiveron como consecuencia certos procesos de “guettización” en comunidades principalmente hispanoparlantes, aínda que tamén noutras de orixe chinés ou indíxenas, por exemplo.

No marco exterior, os cambios institucionais produciron un progresivo illamento da xeopolítica centroamericana, en prol do acercamento coa comunidade caribeña (CARICOM) (2). Salvo en zonas limítrofes con México (Quintana Roo), nas que se estableceron zonas de libre comercio (Zona Libre de Belice-ZLB)(3) que favoreceron os intercambios, relacións e asentamentos coa poboación e o goberno veciño, a relación coa contorna foi moi limitada e repleta de tensións (na divisoria guatemalteca atópanse destacamentos militares permanentes de ámbolos Estados).

Todos estes procesos de formación institucional e identitaria do país determinaron enormemente a súa incapacidade ante o recente escenario migratorio. As carencias en políticas comúns cos gobernos da rexión alíñanse coa exclusión social de diversas comunidades, principalmente nas periferias das grandes cidades, dificultando enormemente o control e recoñecemento oficial dun significativo espectro de poboación (non figuran nos censos oficiais). Deste xeito, confórmase un escenario favorecedor para o desenrolo de fluxos irregulares, pese a promulgación dunha xurisprudencia punitiva que penosamente criminaliza (4) a condición de irregular, e para a incursión de organizacións criminais transnacionais.

Falta de previsión, escenarios coñecidos

Co progresivo aumento das políticas de securitización nas rutas tradicionais, dende o último lustro parece produciuse un incremento paulatino da presión migratoria  a través de Belice. A nivel interno, completa a ecuación a determinante falta de infraestruturas fronteirizas e concentración de recursos na divisoria guatemalteca, alén doutras debilidades descritas con anterioridade.

Neste contexto, organizacións criminais mexicanas presentes na ZLB (principalmente o Cártel dos Zetas), aproveitando o seu asentamento a través de estruturas legais (casinos, comercios etc.), coparon o control da divisoria e estenderon as súas redes a través do débil tecido institucional local. Nesta conxuntura, estableceron rutas alternativas para o tráfico ilícito, ao tempo que accedían ao vulnerable colectivo migrante (cobro de extorsións, secuestros, trata etc.)

Esta penetración quizais represente o mellor reflexo da política illacionista beliceña, pois ven precedida dunha total falta de previsión e atención ante as dinámicas que viñan sucedéndose dende fai décadas no TNC e no sur de Chiapas (México). Especialmente neglixente resultou a xestión do fenómeno das maras, centrando a resposta en medidas punitivas e represivas contra comunidades xa de por si marxinais, unha estratexia xa demostrada altamente ineficaz no TNC. Coma consecuencia, hoxe atopámonos cunha expansión sen control polos suburbios de Belize Town e Belpomán, que sume as comunidades urbanas en espirais de violencia sen parangón.

O executivo que preside dende fai case unha década Dean Barrow, atópase agora ante a difícil tesitura de reverter unha situación longo tempo obviada e que ameaza o desenrolo socioeconómico do país, mais aínda tendo en conta que o seu principal activo é a industria turística. Mentres tanto, comeza a atraer a mirada tanto de México e EUA, como de diferentes organizacións rexionais e internacionais.

Urxe polo tanto, o desenvolvemento de estratexias coordinadas en materia migratoria e o impulso de infraestruturas de tránsito cos estados limítrofes. De igual xeito e, para salvagardar os dereitos e integridade dos migrantes, parece necesaria a supervisión in situ de organismos como a Organización Internacional para as Migracións (OIM), pois polo de agora carecen de delegacións no país que permitan unha monitorización efectiva.

En materia de seguridade, as limitadas estratexias conxuntas entre México e Belice (Grupo de Alto Nivel de Seguridade Fronteiriza México-Belice. GANSEF) parecen reclamar novos enfoques e un maior impulso. De igual xeito, sería conveniente que a supervisión que realiza a Organización dos Estados Americanos (OEA) no conflito fronteirizo entre Belice e Guatemala, ampliase as súas competencias ao reforzo e control dos tráficos ilícitos.

Dadas as características xeopolíticas e sociais de Belice, de non reverterse esta situación, o risco de rebase da delgada liña que separa un Estado débil dun falido móstrase moi real.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

(1) Progresivo asentamento de comunidades maias e de refuxiados indíxenas trala “Guerra de Castas de Yucatán”, británicos e africanos, crioulos, garífunas hondureños, chineses e indios etc.

(2) BONICCI, Gisele, “Construción de espacios y estrategias de diálogo y comunicación en torno a la problemática de la migración y seguridad en Centroamérica y México: Diagnóstico nacional de Belice” Instituto de Estudios y Divulgación sobre Migración (INEDIM), México 7/2011 pp. 12 http://www.estudiosdemigracion.org/inedim2013/documentosypub/publicaciones/construccionISBNdic2011.pdf

(3) No marco fronteirizo entre México e Belice, situada en Corozal (Belice) e fundada en 1994.

(4) Belize Inmigration Act, Chapter 156, point 5http://www.belizelaw.org/web/lawadmin/PDF%20files/cap156.pdf