BRICS: ¿en serio?

Son moitas as expectativas cifradas no BRICS como instrumento para mellorar a gobernanza mundial, tanto no eido socioeconómico como político. A probable creación do Banco de Desenvolvemento e do Acordo de Reserva de Continxencia no cumio que acollerá Brasil enviará unha mensaxe de reafirmación das economías emerxentes como  motor alternativo da economía mundial pero sobre todo evidenciará a vontade política do grupo de contar con versións propias do Banco Mundial e do FMI, o que significará dispor de alternativas capaces para desenvolver outras políticas e non depender tanto de instancias que responden maiormente aos criterios dominantes do mundo desenvolvido.

Liñas de investigación Gallician Observatory of Lusophony
Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Son moitas as expectativas cifradas no BRICS como instrumento para mellorar a gobernanza mundial, tanto no eido socioeconómico como político. A probable creación do Banco de Desenvolvemento e do Acordo de Reserva de Continxencia no cumio que acollerá Brasil enviará unha mensaxe de reafirmación das economías emerxentes como  motor alternativo da economía mundial pero sobre todo evidenciará a vontade política do grupo de contar con versións propias do Banco Mundial e do FMI, o que significará dispor de alternativas capaces para desenvolver outras políticas e non depender tanto de instancias que responden maiormente aos criterios dominantes do mundo desenvolvido.

O cumio de Brasil inicia unha segunda rolda de reunións deste organismo. Tras un lustro de aproximación tanto se confirmaron as súas potencialidades como o escepticismo respecto ás capacidades endóxenas para asentar como un acrónimo de referencia na nova orde global. Non se trata só de economía, se ben acreditar posibilidades autónomas para confrontar a desaceleración do crecemento económico constitúe unha primeira proba para desautorizar as predicións negativas sobre o grupo. Chegou o momento de se converter nun mecanismo de cooperación estratéxica con maior poder vinculante para os seus membros, de xeito que poida responder ás expectativas e infundir confianza. Do contrario, será un foro máis.

Os países do G7 representaban non hai moito o 70% do PIB mundial e hoxe menos do 50%, pero a heteroxeneidade dos BRICS alenta temores a que un simple cambio electoral provoque unha desintegración do grupo. En países importantes como Brasil, poñamos por caso, non é totalmente compartida a política exterior que Lula puxo en marcha en 2003 e que ten nos BRICS un referente clave.

As asimetrías deben ser mitigadas para avanzar na integración e se converter nun polo de referencia a nivel global. Iso esixe interconectar mellor as economías respectivas e avanzar na cooperación financeira pero tamén na orde tecnolóxica e educativa onde todos dependen aínda en extremo de Europa ou EUA en detrimento dun intercambio directo.

China e Rusia veñen protagonizando un acercamento estratéxico capaz de conformar un bloque non occidental con gran influencia diplomática. O recente acordo do gas, a realización de exercicios militares conxuntos, a posición común en moitos conflitos internacionais converxen en ambos actores co interese en reducir a influencia de EUA na escena mundial, temperando o papel de economías desenvolvidas e emerxentes. Para Rusia, o BRICS brinda a oportunidade de recuperar posición e influencia, demostrando que non está illada.

Os BRICS teñen vantaxes en materia de demografía, recursos e mercados, pero se queren alargar a súa influencia e participar de forma activa e consistente no escenario global deben dar pasos nesa dirección. Para iso cómpre contar con unha axenda estratéxica  que permita superar as diferenzas internas definido posicións comúns en ámbitos multilaterais.