Bush e a tortura

No seu libro Decision Points, de recente aparición, Bush defende a tortura, as instrucións que deu para que se torturase e as torpes xustificacións que se procuraron para fundamentala legalmente. Sen a menor dúbida, unha das maiores vergonzas do noso tempo.

Apartados xeográficos United States
Idiomas Galego

No seu libro Decision Points, de recente aparición, Bush defende a tortura, as instrucións que deu para que se torturase e as torpes xustificacións que se procuraron para fundamentala legalmente. Sen a menor dúbida, unha das maiores vergonzas do noso tempo.

Unha vergonza, xusto é dicilo, na que non estivo só senón en moi boa compaña. E non me refiro ao Fiscal Xeral, Alberto R. Gonsales, senón a xentes de grande prestixio académico e intelectual como Michael Ignatieff, autor de The Leseer Evil, no que, en certos casos -¿en que casos e quen o decide?- xustifica a tortura.

De vello sábese que a información arrincada baixo tortura non é de fiar. Dende Quintiliano, pasando por San Agustín e seguindo por  Luis Vives (para quen a tortura era un invento da tiranía) e La Bruyère, xunto cos demais autores dos séculos XVII e XVIII que a refugaron, sábese ben da súa escasa fiabilidade.

Non sei se haberá alguén que crea as xustificacións de Bush, no sentido de que, grazas á tortura, se salvaron moitas vidas, se evitaron moitos atentados e se chegou a máis seguridade. Prefiro crer aos autores citados. Porque a liberdade, para min, é o primeiro dos dereitos humanos. Ela a primeira seguridade.

Cando un pensaba que as inhumanidades dos nazis e do gulag eran as últimas vergonzas do ser humano, producen verdadeira repugnancia as xustificacións de Bush. É como para crer que non temos remedio, que en calquera momento pode rexurdir o animal de onde vimos, que a falta de control da nosa mente e da nosa moral pode levarnos a deixar de ser persoas.