bush kerry

Bush se queda

 Clic para aumentar
Nada fixo despegar a Kerry e Bush desfixo o empate no seu favor. "Calquera cousa menos Bush" dicía ben pouco a favor dos dous candidatos, en primeiro lugar de Bush pero tamén deixaba ás claras o escaso entusiasmo que espertaba Kerry.
 

A xulgar polo desenvolvemento da xornada electoral e a expensas da actitude final de Kerry ante os resultados de Ohio, a victoria de Bush semella inapelábel. A alta participación, que algúns observadores vaticinaban como un adianto do triunfo demócrata, decantouse finalmente por unha maioría republicana nas dúas Cámaras e tres millóns de votos máis para Bush, o que evidencia unha fenda clara pero tamén deixa lugar a escasas dúbidas sobre as preferencias da maioría da sociedade estadounidense, con independencia do axustado da victoria en termos de "votos electorais".

Había unha esperanza para o triunfo de Kerry, animada pola igualdade das sondaxes e por unha mobilización, descoñecida pola intensidade da súa implicación, de numerosos sectores sociais, se ben todas as enquisas previas sinalaban un rifi-rafe intenso que se mantivo ata o derradeiro minuto. Nada fixo despegar a Kerry e Bush desfixo o empate no seu favor. "Calquera cousa menos Bush" dicía ben pouco a favor dos dous candidatos, en primeiro lugar de Bush pero tamén deixaba ás claras o escaso entusiasmo que espertaba Kerry, cabeza de cartel dunha campaña que foi sempre a remolque das proclamas do candidato republicano, habitualmente coa iniciativa por diante e obrigando ao seu contrincante a ser "mais papista que o papa", deshabitándose dun pacifismo que proclamaba con igual forza que o apego aos cantos a prol da seguridade a toda costa que tantos electores desexaban escoitar. En calquera caso, os estadounidenses parecen comulgar mellor coa doutrina do ataque preventivo que co tímido multilateralismo defendido por Kerry.

Funcionou, unha vez mais, o discurso do medo, e a obsesión pola seguridade pesou infinitamente mais que moitas outras cuestións de naturaleza doméstica que afectan á vida cotiá da sociedade estadounidense. Non foi iso o que acaparou a atención do electorado pese aos esforzos de Kerry nese sentido. E no cultivo do conservadorismo, na exaltación dos valores patrióticos, etc., era moi difícil para Kerry superar a Bush.

A hipótese de que Bush imprima un xiro distinto á súa política nos próximos anos non parece verosímil. A continuidade, con escasos matices, será a norma e mesmo se diría que afirma un camiño que pon moi difícil a curto prazo o afianzamento dun discurso distinto en EEUU. Non é soamente o problema do candidato, senón dunha política que procura a consolidación do seu poder hexemónico e imperial, auspiciado por un complexo militar-industrial e mil e un fanatismos relixiosos que medran en influencia, o que vai asegurar numerosas dificultades nas súas relacións con moitos países europeos e do resto do mundo.

As mínimas expectativas dun cambio de rumbo na situación internacional quedan pois, truncadas con esta practicamente segura victoria do candidato republicano e debemos afacernos á idea de que este mundo de temer non ten, como quixeramos, os días tan contados.