carlos veiga visita calheta s miguel234

Cabo Verde entre eleccións

Apartados xeográficos África ARCHIVE
Idiomas Galego

 Carlos Veiga, clic para aumentar
En caso de ser Carlos Veiga (no centro da foto) o gañador das eleccións presidenciais, Cabo Verde experimentará, por vez primeira, o fenómeno coñecido por cohabitación, cun primeiro ministro do PAICV, José María Neves, e un presidente da República do MpD, Carlos Veiga.
 

Cabo Verde encóntrase, paradoxalmente, en período post e preelectoral: no pasado 22 de xaneiro tiveron lugar eleccións lexislativas e no próximo 12 de febreiro celebraranse eleccións presidenciais.

As eleccións lexislativas do pasado 22 de xaneiro, que decorreron nun clima de normalidade e tranquilidade elevadas e mesmo internacionalmente gabadas, non mudaron de maneira significativa o peso das cores partidarias na Assembleia Nacional, tendo gañado o Partido Africano para a Independência de Cabo Verde (PAICV) un asento máis colocándose en 41, tendo perdido o Movimento para a Democracia (MpD) ese mesmo asento, ficando polos 29, e tendo atinxido a União Cristã Independente e Democrática (UCID) os 2 asentos que conseguira, nas eleccións de 2001, a coalición en que este mesmo partido concorrera con outras forzas forzas políticas. Así sendo, a mensaxe principal da cidadanía caboverdiana parece clara: renovou e reforzou o apoio ao goberno do PAICV e do actual e próximo primeiro ministro, José María Neves, atribuíndolle unha maioría absoluta folgada.

Cómpre advertirse, con todo, que o MpD, grande derrotado nestas eleccións, presentou na pasada terza feira (martes) ao Supremo Tribunal de Justiça un pedido formal para a anulación dos resultados electorais, culminando desta maneira a acusación de fraude electoral xeneralizada que desde pouco despois das eleccións vén sostendo principalmente o seu líder Agostinho Lopes apesar de, nun primeiro momento, ter recoñecido a vitoria do PAICV e ter chegado a parabenizar o partido gañador polos resultados conseguidos.

O recurso, que será resolvido no decurso da presente semana, podería non ser mero cumprimento de deberes cívicos por parte da oposición ou arrebato mal-perdedor do líder do MpD, tendo por obxectivo incidir nas eleccións presidenciais do próximo domingo. Como? Evitando que os electores do MpD fiquen na casa e deixen de apoiar o candidato presidencial deste partido de dúas maneiras: impedindo que perciban, ao caber a posibilidade de os resultados estaren amañados, que atendendo ao pau levado nas lexislativas as presidenciais xa están perdidas, polo que non merece a pena ir votar; e mantendo un clima político de tensión contra o “tramposo PAICV” que os estimule para acudiren ás urnas e castigar a “inxustiza”.

Ás eleccións presidenciais do próximo día 12 concorren dous únicos candidatos: polo PAICV, o actual presidente da República, Pedro Pires, e polo MpD, Carlos Veiga, primeiro ministro de Cabo Verde desde 1991 a 2000. Non se trata dunha loita nova, pois xa estes dous mesmos candidatos se defrontaron no ano 2001 tendo gañado, na altura, Pedro Pires por unha escasísima marxe: 0,7% dos votos.

Na súa campaña presidencial Pedro Pires tenta tirar proveito dos resultados lexislativos, salientando a esperábel boa sintonía entre un Primeiro Ministro e un Presidente da República pertencentes ao mesmo partido e non esquecéndose de remarcar as excelencias da xestión realizada por ese mesmo equipo na pasada lexislatura.

Carlos Veiga, por súa vez, afánase por convencer de que o feito de non pertencer ao PAICV garantirá o funcionamento da Presidência como contrapeso do Governo, evitando concesións excesivas ao poder executivo. No entanto, quizá o trazo máis interesante da campaña de Carlos Veiga resida no esforzo por atenuar a súa ligazón ao MpD, tentando presentar a súa candidatura como suprapartidaria coa exhibición pública do apoio de persoas significativas doutros partidos… entre os que se inclúe algúns do PAICV! Trátase así, con toda probabilidade, de evitar que a confrontación Pires-Veiga poida evocar a pasada disputa PAICV-MpD lexislativa que, sen dúbida, ecoaría fortemente nos resultados das presidenciais.

Para finalizar, será bo lembrar que en caso de ser Carlos Veiga o gañador das eleccións presidenciais, Cabo Verde experimentará, por vez primeira, o fenómeno coñecido por cohabitación, cun primeiro ministro do PAICV, José María Neves, e un presidente da República do MpD, Carlos Veiga.