Cabo Verde: principais fontes de financiamento

Apartados xeográficos África ARCHIVE
Idiomas Galego

Cabo Verde é aínda un deses países que en pleno século XXI depende cáseque exclusivamente da axuda externa para poder subsistir. Por este motivo os seus líderes están sempre inmersos en múltiples negociacións que poidan garanti-la firma ou o compromiso de novos acordos ou concesións.

Como excolonia portuguesa que é, a antiga metrópole é unha das súas fontes de ingresos, como tamén o son Europa e África. De feito, apurando o fin de ano, estanse a pechar unha serie de concesións como é a do Banco Africano que vai entregar a Cabo Verde 500 mil dólares para tentar palia-las malas colleitas que o país sufriu no 2002. O diñeiro destinarase a mellorar o abastecemento de auga e de sementes, xa que a escaseza de chuvia provocou a perda do 75% da colleita de cereais e o 32% da de hortalizas.

Pola banda europea, o primeiro ministro, Jose María Neves, foi o encargado de reforzar a cooperación cun dos principias provedores do arquipélago, Luxemburgo. Ambos países reiteraron a súa colaboración en ámbitos coma a educación, a formación de recursos humanos, a saúde, o saneamento, etc. No caso da cooperación europea, é de destacar o sector pesqueiro, no que se prolongou o acordo entre Cabo Verde e a Unión Europea, cun financiamento comunitario de 680 mil euros, dedicado a cubrir gastos de seguridade, calidade, salarios de pescadores, gastos de embarcacións, artes de pesca, etc. Isto tivo como contrapartida importante para Cabo Verde, a súa inclusión, dende o 15 de outubro, na lista dos países que cumpren as normas de calidade e salubridade necesarias para poder exportar os seus productos á Unión Europea.

Pero ademais dos doadores habituais están a xurdir novos investidores, un exemplo a destacar o constitúen os chineses, cun forte interese sobre todo na explotación dos sectores téxtil e turístico. Os investimentos nun dos sectores que máis pode aportar a Cabo Verde pola súa privilexiada xeografía, o do turismo, ten espertado moito interese en diversos países. Neste caso concreto os chineses proxectan a creación das condicións necesarias para poder desenvolver este campo, non só evidentemente a construcción de hoteis, senón tamén a mellora de estradas, redes sanitarias…

Dende logo todas estas axudas permítenlle ó país sobrevivir pero se non se administran ben unicamente derivan na dependencia e no aproveitamento por parte dos ricos das condicións de necesidade dos pobres.

Xa por último gustaríame engadir un dato significativo, do que os galegos coñecemos de sobra a súa importancia, e que pon de manifesto, unha vez máis, a relevancia que a emigración ten, non só no país de acollida, axudando a levantar sociedades que non son as propias, senón tamén no de partida. O envío de cartos dende o exterior de Cabo Verde (na súa maioría procedentes de Portugal), por parte dos emigrantes caboverdianos supón o dobre da axuda externa e 10 veces o montante líquido das transferencias estranxeiras que entran no país.