x social media card en

Cambios de paradigma no novo mandato da UE 2024-2029 (III): Unha unión máis estreita, máis ampla e máis feble?

Perante as eleccións europeas, entre o 6 e o 9 de xuño, a liña de investigación de Unión Europea do IGADI elabora esta nota de análise dos principais factores que marcarán os próximos cinco anos de axenda comunitaria.
Liñas de investigación European Union
Apartados xeográficos Europe

Esta lexislatura foi tamén a que rematou (no esencial alomenos, tralo Marco de Westminster en marzo de 2023) co psicodrama do Brexit, efectivo o 31 de xaneiro de de 2020 e finalizado co tratado TCA acordado na noiteboa de decembro de 2020.  O Brexit foi cronoloxicamente moi oportuno, pois o acordo do Next Generation na interminable cumio de  xullo de 2020 tería sido imposible cos británicos -non importa a cor- dentro da UE. Mais as sementes para a radical expansión do eido de actuación comunitario, estaban plantadas de antes. Se ben na UE existe un exceso de márketing político coma o que temos a nivel doméstico -ao revés de hai vinte anos, onde eran incapaces de comunicar eficazmente grandes reformas tanto ou maior calado cás actuais-, tamén é certo que non é só aire: a expansión do ámbito de competencia comunitario sufriu unha explosión nestes últimos lustros. Se ben o Tratado de Lisboa acordado tras unha década de leas no 2009 sumado á Carta de Dereitos Fundamentais permitiron unha visión (aínda máis) expansiva dos eidos de competencia europea, foron as sucesivas “policrises”, comezando pola crise financeira de 2009-2015 as que levaron a ese acelerón do eido comunitario. Os Tratados Fiscais (polos cales se emendou a Constitución Española en 2011), o Semestre Europeo e as condicións dos rescates na eurozona levaron a unha penetración non só do ámbito de competencia senón tamén do interese comunitario a case tódalas áreas domésticas.    

O Next Generation, da incentivos económicos a cambio de reformas estruturais (a reforma laboral en España levouse a cabo in extremis en Decembro de 2021 para poder cobrar un dos prazos do plano de recuperación, 10.000 millóns). O Tribunal de Xustiza da UE, se ben hai décadas que decidiu que o seu ámbito de competencia excedía as meras cuestións de vixiar a libre circulación de mercadorías, persoas, e servizos, cuestións transfronteirizas ou verbo do comercio internacional, agora é xa a tódolos efectos o tribunal de última instancia para calquera cuestión por moito que sexa por un tema exclusivamente doméstico: a famosa sentenza  que levou a funcionarizar (ou a facer fixos) a boa parte do emprego público español é un bo exemplo disto.  Non só é que Tribunal Constitucional e sobre todo o Supremo se convertan  na práctica en remedos de Tribunais Superiores Autonómicos verbo do TXUE, é que a propia política se vai convertendo en accesoria da europea: logo do escándalo non nato de invitar a un posible mediador para solucionar o problema catalán, só tres anos despois os dous principais partidos españois tiveron que pedir a mediación dun Comisario europeo, para unha cuestión puramente doméstica coma é o nomeamento do CXPX.  

A orixe do Brexit foi precisamente a incapacidade Británcia para conter a forza gravitacional do chamado “Efecto Bruxelas” , se ben nin o acordo improvisado en marzo de 2016 antes do fatídico referendo nin o propia saída do Reino Unido constituten responstas axeitadas a esta cuestión. De feito é algo inetivable namentres exista a UE.

 Dito isto, a longa marcha da UE cara regular todos e cada un dos aspectos da nosa vida, se ben é algo real, non debería levar a mercar o discurso das forzas anti-UE.  A razón é sinxela: se ben os eidos de competencia das Institucións europeas non paran de medrar, non o fai as súas capacidades de xestionar estas novas competencias. De feito, case se está a dar o proceso contrario: increméntanse algunhas competencias e créanse axencias específicas (por exemplo supervisión bancaria) pero noutros eidos estase a producir un baleiramento das capacidades institucionais comunitarias.  Sexa Medio Ambiente, Mercado Interior ou Emprego, só hai, coma moito, un funcionario en toda a Comisión Europea encargado de levar todos os dossieres que lle atinxen ao Reino de España, cuarta economía comunitaria.   A UE tamén pode acordar a pioneira Lei de Intelixencia Artificial (o nome é outro signo da politización da UE mimetizando a política doméstica, pois a UE non ten Leis, só poden ter esa denominación as normas de orde doméstico). Regular uniformemente este campo a nivel da UE resulta lóxico, para evitar que países sen capacidade ou experiencia lexislen contra o Mercado Interior da UE. Mais en realidade son os Estados Membros os que aplicarán (a miúdo fragmentariamente) a lexislación comunitaria. En ben poucos ámbitos (Axudas de Estado,  Comercio Exterior) ten a Comisión poderes executivos directamente aplicables no territorio coma si pode un goberno central nun estado federalizado.  Existiu un amago para crear -forzando unha vez máis unha interpretación expansiva dos Tratados- un Comisario Europeo de Defensa, pero polo momento será máis ben un Comisario encargado de coordinar as políticas industrias de defensa e contratación pública de armamento, como xa se fixo coas vacinas. A longa marcha da UE é imparable, pero rara vez é rectilínea.