O dereito a non emigrar
Estase a producir un cambio de paradigma. As forzas antieuropeas, a crecente xeografía do descontento, o dobre fenómeno do despoboamento e a migración (por primeira vez se creou unha Vicepresidencia de Demografía e Democracia), moito máis acentuado no Leste ca no sur malia o que se pensa en España (ata o punto que os “novos” Estados Membros que acaban de celebrar en maio 2024 os seus 20 anos de Adhesión) esixiron e consegurion da Comisión unha serie de propostas para evitar a fuga de cerebros (“brain drain”). O controvertido Pacto Migratorio Europeo, que moitos Estados membros liderados pola socialdemócrata Dinamarca (que quere enviar a Ruanda a migrantes coma quere facer o Reino Unido) queren reforzar ainda máis -alén dos acordos con Turquía ou Túnez- é máis un síntoma que unha solución a un problema.
Ao tempo, a UE está a darse de conta que ante o crecente rivalidade xeopolítica, cunha crise de Ucrania que non só levou aos Estados Membros da UE e da OTAN a cumprir cos compromisos de gasto militar que pedía Trump e moitos outros Presidentes antes, senón tamén que tirou definitivamente o veo das relacións con China. Isto ten implicacións económicas, pois a UE era o último bastión do consenso de libre mercado trala final da Guerrra Fría. O recente Informe Letta do exprimeiro ministro socialdemócrata italiano encargado polo Consello Europeo fala abertamente de introducir estímulos proteccionistas coma os da ¨Inflation Reduction Act¨ de Biden e unha política industrial europea que pelexe con igualdade de armas coas dos outros dous xiganges económicos. Á vez, concibe que a unha UE máis xeopolítica supón abordar as fendas que na práctica os ayatolás do Mercado Interior ben ignoraron durante décadas ou consideraron un subproducto inevitable da creación do Mercado Único: o baleiramento do sul e do Leste de Europa verbo as metrópoles da chamada banana azul, e que está en boa parte na raíz da chamada xeografía do desontento, e con ela os radicalismos de ambos extremos ideolóxicos.
Ainda así, e voltando ao principio, non son as eleccións de xuño de 2024 as que deberían atemorizar a aqueles instalandos nos consensos dominantes das últimas décadas, senón as seguintes. Para daquela boa parte da dereita europea que pivote arredor de Meloni pode ter sido normalizada a nivel doméstico pero tamén comunitario (xa pasou con Berlusconi e Forza Italia antes). Antes disto hai outras eleccións de alto risco: as Francesas de 2027. Macron foi un auténtico revolucionario, pois rematou co sistema de partidos instaurado desde o Gaullismo da posguerra sen ser quen de instalar un novo que o suceda. Logo del ben pode que a única forza que quede en pe sexa a extrema dereita de Le Pen. Ou o que é o mesmo, o futuro da UE depende en boa parte da hipotética incompetencia das extremas dereitas para gobernar se chegan ao poder. Os precedentes húngaros, italianos ou poloneses non son tranquilizadores.
A clave galega
E Galicia que pinta en todo isto?
Na última lexislatura falouse -denunciouse- en Bruxelas as irregularidades mina de Touro, Altri na Ulloa, a situación da pesca tradicional, o accidente do Alvia, a inclusión de Galicia no mapa das Redes Transeuropeas, o despoboamento e a ilegalidade das concesións da Autopista do Atlántico.
Non se pode agardar que Galicia, que nin ten as competencias de Flandres nin a vontade de Escocia para facerse ver coma actor influínte no marco europeo, amais dunha total carencia de coherencia en consenso interno cara o exterior (a Bruxelas imos escenificar as nosas leas internas), non xogue outra cousa ca un papel modestísimo no concerto europeo. Con todo, Galicia xoga ben por debaixo das súas xa limitadas posibilidades. Non é propio dun país que se respecte estar dando continuamente o espectáculo que lavar o lixo interno na eurocámara ou con denuncias perante a Comisión Europea – por exemplo o incumprimento da devandita lexislación medioambiental- . Se isto ocorre é porque a nosa gobernanza e ordenamento interno van ben por detrás dos estándares europeos. Daí o recurso por elevación a “Europa”.
En teoría Galicia é un dos tradicionais defensores do principio de subsidiariedade, que presupón que é mellor que as decisións se tomen en Galicia que en Madrid ou Bruxelas. A citada Conferencia para o Futuro de Europa falou disto e ten consequencias para Galicia. A práctica é o contrario, de non ser polo ordenamento europeo a nosa sociedade sería unha selva.
O caso da máis que presunta invalidez da concesión da Autopista do Atlántico amosa a febleza da sociedade galega. Tardaron vinte anos un grupo de avogados vigueses en descubrir que había amplas razóns para declarar nula a última extensión da concesión a AUDASA, algo que calquera estudante de Dereito da Competencia podería ter alomenos identificado os indicios sen demasiada dificultade. Tal é a ignorancia destes temas que os partidos da oposición estiveron pedindo o traspaso da peaxe e non a nulida da mesma, ata que esta posibilidade foi substanciada pola propia Comisión Europea. Por non falar do rol completamente pasivo na fugaz discusión sobre a posibilidad de facer o galego (de rebote polas demandas do independentismo catalán) idioma cooficial da UE, e que a nosa case vergoña verbo deste tema impediu sequera usar esta cuestión para promocionar a imaxe de Galicia en Europa, onde malia de case 40 anos de pertenza, moitos en Bruxelas nin saben sequera onde está e moito menos o que somos.
Coma diría Trotsky, Europa é coma a guerra, podes non querer interesarte por ela, pero ela vaise interesar por ti.