Catarse no goberno arxentino

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

Fernando de la Rúa ven de remexer con forza no goberno da Alianza. O país non da saído da recesión e as eleccións lexislativas de outubro esixían unha urxente remodelación. Ricardo López Murphy, o máis liberal dos radicais, farase cargo do ministerio de economía substituíndo ao queimado José Luís Machinea. O outro piar do tándem escollido por De la Rúa para recuperar a credibilidade dos mercados é o polémico ex-ministro de Menem, Domingo Felipe Cavallo, ao que se lle ofertou a xefatura do Banco Central. O resto dos cambios non serán máis que un labor difícil encaixe entre os poco cohesionados partidos da coalición aliancista.

Ninguén dubida que a chegada de Murphy á carteira de economía, suporá máis axuste para Arxentina. Este home de arraigada militancia radical e de firme fe no mercado, doutorado na Universidade de Chicago é a solución desesperada a unha situación de emerxencia. O seu perfil agrada ao “establishment” económico e del agárdase que consiga facer que arxentina levante o voo da recuperación. As perspectivas a medio prazo non son malas. Obsérvase unha melloría latente tanto no interior do país como no seu contorno internacional. A perda da fortaleza do dólar e a baixada das taxas de interese internacional eliminan algunha sombras no escuro camiño a percorrer.

O goberno parece decidido a combater os lastres da gloriosa época neoliberal de Menem con máis neoliberalismo. López Murphy parece a persoa adecuada para impor un novo axuste fiscal, levar adiante as reformas estructurais que demanda o empresariado, elaborar un plano de obras que inxecte dinamismo á economía, propoñer retoques no marco laboral para posibilitar unha maior desregularización e, mesmo, volver, a impulsar outro recorte nos salarios públicos, aumentar a recadación fiscal ou paradoxalmente baixar algúns impostos. Todas as medidas teñen un dobre obxectivo: aumentar a confianza dos poderes económicos e reducir o déficit fiscal que se arrastra dende o peronismo e que ten ao país da UVI do FMI.

O novo ministro de economía non quere ensinar ningunha carta que poida levantar roxelos ou protestas e enumera unha etérea e intanxible restra de obxectivos a curto prazo “máximo grao de solvencia, cohesión social, coherencia e previsibilidade”.

Nos sectores que impulsaron as tres folgas xerais contra das medidas de axuste da Alianza de centroesquerda non se albisca ningunha luz ao final do túnel no que andan inmersos, só aprecian a escuridade das crecentes restriccións. Do Talibán do neoliberalismo (Alcume popular de Murphy) non se agarda cambio algún no rumbo. Só a esperanza da chegada dun ciclo expansivo no que unha parte da riqueza poida chegar ás permanentes víctimas da crise.

Para os empresarios que non cesan de reclamar maior determinación, non era Machinea o culpable da pertinaz situación de emerxencia, senón a falta de estabilidade dun goberno desgastado por pelexas internas e un presidente falto do suficiente carisma e capacidade de liderado.

As últimas pingas que contribuíron a acenden a luz vermella foron: a crise turca, onde o tipo de cambio fixo non evitou unha grave inestabilidade político-económica; a extensión da febre aftosa que engade dúbidas ao importe sector cárnico e a monumental sangría do lavado e fuga de capitais que engordou durante o menismo e na que aparece salpicado o propio Banco central, aínda dirixido por Pedro Pou, pero para o que xa ten cursado solicitude de praza Cavallo ou alguén da súa confianza.

Segundo datos recollidos no Periódico Página 12 e recollidos do informe elaborado polos congresistas Elisa Carrio e Gustavo Gutierrez “En 1999 os expertos do FMI estimaron que os arxentinos tiñan entre 90.000 e 100.000 millóns de dólares no exterior, cifra levemente inferior a da débeda externa e superior aos depósitos do sistema financeiro arxentino, catro veces maior que as reservas no Banco Central da República Arxentina (BCRA).

No sentido contrario apuntan como parte da explicación da afluencia de capitais durante os 90 co seguinte dato:

“Na Arxentina o lavado de cartos que proveñen da droga está penalizado dende hai máis de 10 anos, pero endexamais se ten rexistrado unha condena”. Eran tempos nos que o presidente Carlos Menem recibía cos brazos abertos todos os investimentos argumentando que non era preciso pescudar de onde viñan.

Murphy, un ortodoxo practicante dos principios de Chicago, non é un descoñecido. Presidiu a Fundación de Investigaciónes Económicas Latinoamericanas (FIEL), de marcada tendencia neoliberal, foi consultor do FMI e do BM. As súas ríxidas propostas non sempre foron ben acollidas pola maioría da poboación qua aínda lembra as medidas impopulares, saídas do laboratorio de ideas da FIEL e lanzadas en plena campaña electoral o 14 de Abril do 99 como o recorte de todos os salarios nun 10% para recuperar a concorrencia ou a vehemencia na defensa dun adelgazamento do administración. De la Rúa non tardou un día en desvelar que Murphy non sería daquela o seu ministro de economía.

Son precisamente este tipo de suxestións as que afondan a crise na Alianza, non só coa esquerdista Frepaso senón no interior da propia Unión Cívica Radical na que o seu presidente Raúl Alfonsín encabeza o descontento coa deriva liberal.

Mais a crise e de tal magnitude que ninguén se atreve a rachar extenuada coalición e aparecer sinalado como desleal ou coma un covarde que fuxe dun barco que pode ir a pique nas eleccións de outubro.

Por se non foran poucos os elementos de tensión intraaliancistas, a proposta do Presidente de ofrecerlle a Domingo Cavallo a xefatura do BCRA, desconcerta a propios e estraños. A aureola que acompaña a Cavallo por ser o artífice capaz de sacar ao país da espiral inflaccionista que arruinou a boa parte da poboación, e de recuperar a credibilidade do sistema financeiro internacional, aínda está presente no subconsciente colectivo dos arxentinos. Pero coa súa persistente receita dun cambio fixo do dólar non tivo os mesmos éxitos cando foi chamado a asesosar os goberno de Ecuador ou de Rusia. Mesmo está cuestionada a súa bondade no actual contexto arxentino.

E, sobre todo, ao seu protagonismo, as súas discrepancias nos equipos de traballo, a ambición desmedida, a súas heterodoxas, personalistas e obscilantes propostas… poden engadir un chanzo de aventura ao nomeamento de Domingo Cavallo (mingo).

Temen que antes de outubro se confirme o rumor popular que circula ao longo e ancho da Arxentina: “…Con Mingo ….nunca se sabe…”.

Enlaces relacionados:

Periódico Página 12