taybe casa queimada010

Cervexa palestina, “Proba a Revolución”

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Casa queimada en Taybe, clic para aumentar
O mes pasado apareceu o corpo dunha muller embarazada en Deir Jarir, a aldea máis próxima a Taybe. Parece ser que foi envelenada por membros da súa propia familia, avergoñados dela, que non estaba casada e, segundo crían, esperaba un fillo dun membro doutra relixión. Poucos días despois, varios mozos de Deir Jarir achegáronse a Tyabe e prenderon lume na casa da familia da moza asasinada, así como nas doutros familiares. En total, sete casas quedaron destruídas. Os motivos, os mesmos, un conflito relixioso que enfrontou a membros de dúas relixións que conviven no mesmo lugar. (Fotos: Casas queimadas en Taybe. ©Moncho Iglesias Míguez/Igadi).
Casa queimada en Taybe, clic para aumentar
 

Taybe, unha aldea de pouco máis de mil habitantes, é o sitio palestino co maior porcentaxe de cristiáns, case o cen por cen. Famosa en tempos bíblicos baixo o nome de Ofra e Efraim, adquiriu o novo nome cando Saladino liberou Palestina das cruzadas e decidiu renomear a cidade de tal forma que se resaltase a súa beleza (Taybe significa fermoso). Hoxe en día, os seus habitantes están orgullosos da tradición cristiá que identifica a súa cidade co lugar onde Xesús Cristo descansou, camiño de Xericó, cando escapaba dos seus perseguidores, o Sanedrín. Con todo, a fama de Taybe ten outros protagonistas: a súa cervexa e un conflito interno que acabou coa vida dunha persoa hai poucas semanas.

A cervexa de Taybe é unha mostra de democracia en Palestina, onde poden convivir culturas diferentes respectando as súas tradicións e os seus gustos. Nun intento por conciliar a belixerante palestina coa que trata de gozar con actividades diversas, a primeira fábrica de cervexas árabe vende o seu produto co logo de "Proba a Revolución". E o certo é que a pequena aldea de Taybe tivo a oportunidade de probar outra clase de sublevación que non tivo ningún tipo de relación coa loita por conseguir unha boa fermentación.

O mes pasado apareceu o corpo dunha muller embarazada en Deir Jarir, a aldea máis próxima a Taybe. Parece ser que foi envelenada por membros da súa propia familia, avergoñados dela, que non estaba casada e, segundo crían, esperaba un fillo dun membro doutra relixión. Poucos días despois, varios mozos de Deir Jarir achegáronse a Tyabe e prenderon lume na casa da familia da moza asasinada, así como nas doutros familiares. En total, sete casas quedaron destruídas. Os motivos, os mesmos, un conflito relixioso que enfrontou a membros de dúas relixións que conviven no mesmo lugar.

Algúns culpan deste feito ao goberno de Israel, que coa súa política de illamento da sociedade palestina está a potenciar as loitas internas. Outros negan esta teoría, argumentando que esa é a realidade do seu pobo. Neste sentido, algunha xente manifesta que preferiría vivir como antes, cando os israelís controlaban todo, xa que había máis seguridade. Agora, conclúen, os palestinos teñen autonomía no seu territorio, ao exército xudeu non lle importa que a xente se mate entre ela, cousa que antes non sucedía. Hai palestinos que afirman que a disputa que acabou coa vida da moza de Taybe non foi un conflito entre fes, senón que foi produto dunha rivalidade entre persoas afectadas pola perda do honor. Os máis achegados á familia están seguros de que as súas casas foron queimadas porque son cristiáns e son os máis débiles. Á vez, afirman que cando os asaltantes chegaron á aldea ameazaban á poboación con berros anticristiáns como "Queimade aos infieis" ou "queimade aos cruzados".

As forzas de seguridade palestinas, que proviñan de Ramallah, a cidade máis grande e non moi afastada do lugar dos feitos, chegaron a media noite, cando todo xa estaba en calma. Xa que Taybe está en "zona B", onde a Autoridade Nacional Palestina non exerce máis que o control civil, a policía ten que pedir permiso a Israel para entrar. É por iso que se demorou a súa chegada, aínda que hai xente que defende a idea de que a tardanza xustifícase polo feito de que a agresión foi contra intereses cristiáns e non musulmáns. O caso é que a xustiza persoal está admitida socialmente e a propia lei admite algúns destes casos.

A importancia das tradicións nas relacións sociais é un feito de vital importancia en Palestina. As loitas entre culturas, relixións, crenzas, comportamentos e formas de vida sobrepasan os límites de fronteiras ás veces non marcadas. As distancias e os pasos limítrofes marcados por pedras apiñadas, en moitos casos só enmarcan diferenzas non visibles se non se focaliza no punto medio da pintura e non se usan os ollos para ver.